Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
25 de decembro
1 e 6 de xaneiro



Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

VESTIGES D'UN ICI, VESTIXIOS DE SI

Comisario/a: Chus Martínez Domínguez

Artista: Loreto Martínez Troncoso

8 febreiro - 10 xuño

O impulso creativo de Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) aparece tras a linguaxe e ten lugar na acción como lugar privilexiado desde o que explorar as densas relacións da performance coa súa propia historicidade, co seu presente. A artista constrúe un traballo conceptual destacado na complexa exploración dos códigos da oralidade, da xestualidade e da escrita, cos que formula escenarios e situacións que permiten a relación directa entre a arte e a vida, entre artista e públicos, cuestionando, sempre de forma tanxencial, estes roles no marco da institución da arte; cunha retórica obsesiva que interroga o lugar e os seus habitantes, en dependencia da temporalidade, da obra en proceso.

Afastándonos da idea ou sensación de retrospectiva, Vestiges d'un ici, vestixios de si apela á lectura/relectura e ao propio cuestionamento da obra que vén escribindo/presentando nos últimos anos, insistindo nos procesos e nas ideas, nos traballos conxuntos, abertos, xunto ás implicacións das súas intervencións no marco da complexa construción dun tempo presente. Proxecta unha obra trazada no tempo e no acto, no discurso e no manifesto, dentro dun territorio institucional, afectivo e crítico; unha construción expresiva de resistencia, que na exposición se irá contrapuntuando coa memoria do propio edificio. A mostra formula pequenas accións no espazo simbólico e arquitectónico do museo coas que explora a idea do que retorna, do eco, e onde as obras, no encontro dunhas con outras, son transformadas cara a outros sentidos, eentrelazadas con pezas producidas expresamente para o evento (Floresta, 2018). Tamén é fundamental o sentido colaborativo do proxecto, que conta coa produción doutros creadores e creadoras, a instalación de Elena Narbutaitė ou a concepción dunha ópera co compositor Ramón Souto.

Actívase o singular espazo subterráneo do CGAC como acontecemento e caixa de resonancias. Convocando experiencias iniciáticas, instantes privilexiados e tentativas, que fan emerxer certa urxencia polo permanente e polo flutuante. Unha actuación que irá crecendo lentamente, mergullando o público nunha avalancha de estímulos e reflexións; na que gobernan o silencio e o son, a luz e a cegueira, xerando un territorio altamente cargado, tenso, suxestivo. Ao cabo, explorar eses espazos públicos reservados á cultura que deveñen en espazos íntimos, redutores de todo aquilo co que non se pode vivir, co que non se pode dicir, co que non se pode sentir. Buscar nos recunchos, nas entrañas. Furgar no soterrado, nos vestixios dun aquí.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal