Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado 

Durante o nadal, o CGAC permanecerá pechado os seguintes días:
25 de decembro
1 e 6 de xaneiro



Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube rss

IN SEARCH OF THE MIRACULOUS. TRINTA ANOS DESPOIS

Comisario/a: Pedro de Llano

Artista: Bas Jan Ader

28 maio - 5 setembro 2010

A exposición In Search of the Miraculous: trinta anos despois é a primeira mostra monográfica dedicada ao traballo do artista Bas Jan Ader en España. Ader naceu en Holanda en 1942 e desapareceu nalgún punto do Atlántico en 1975, mentres trataba de completar a segunda parte do seu proxecto In Search of the Miraculous, que consistía en cruzar o océano desde Estados Unidos até Europa nun bote de catro metros e medio de eslora. Ader viviu en California desde que tiña vinte e un anos e formou parte da primeira xeración de artistas conceptuais que xurdiron en Los Angeles a mediados dos anos sesenta.

O proxecto In Search of the Miraculous: trinta anos despois céntrase no derradeiro episodio dunha vida creativa que estivo marcada polo risco e pola aventura: o Ocean Wave, o bote no que o artista se dispuxo a desafiar a natureza até as súas últimas consecuencias na súa obra póstuma en xullo de 1975, foi atopado meses despois, semiafundido, no caladoiro do Gran Sol, polo barco pesqueiro Eduardo Pondal, con base no porto da Coruña. Este acontecemento resulta fundamental para comprender as circunstancias da súa desaparición e constitúe o núcleo da exposición proposta. Nela, a partir dun conxunto de materiais recompilados logo dunha investigación que comezou no ano 2005, documéntase o proceso que conduce á máis simbólica das súas obras. Elementos como o expediente da comandancia naval, onde se narra a historia do achado do barco, as últimas fotografías do Ocean Wave na Coruña (antes de desaparecer misteriosamente, por segunda vez, do propio peirao), manuscritos, unha curta documental con testemuños directos das persoas que participaron no rescate, cartas náuticas, libros sobre travesías oceánicas e outros materiais inéditos, axudan a reconstruír a memoria deste tráxico suceso e o final dunha das máis atractivas achegas á arte conceptual do seu tempo.

A exposición complétase cunha selección de obras que poñen énfase nos principias temas que Bas Jan Ader desenvolveu ao longo da súa carreira, a modo de precedentes do seu último proxecto. Por unha banda, amosarase un grupo de pezas realizadas entre 1967 e 1974, que inciden en motivos como a caída, o fracaso, a aventura ou a desaparición e ofrecen algunhas claves para comprender os motivos polos que o artista asumiu un risco tan extremo na súa “busca do milagroso”. Por outra parte, recrearase integramente a exposición de 1975 na galería Claire Copley de Los Angeles, na que se mostrou a primeira fase do proxecto In Search of the Miraculous. Todas estas obras, así como un conxunto de documentos procedentes de diferentes arquivos estadounidenses, holandeses e españois, conforman unha proposta expositiva que pretende contextualizar e facer accesible o seu proxecto artístico e a súa incrible vida.

Non se trata, xa que logo, dunha retrospectiva convencional, senón de presentar unha perspectiva inédita e singular, a través dun relato que se centra no proxecto In Search of the Miraculous e conta a súa historia dun xeito diferente a cómo se fixo até agora. Unha historia que, curiosamente, comeza e remata en San Diego —a cidade californiana e o porto coruñés do mesmo nome— e que fala indirectamente da Galicia de 1976: do océano Atlántico, do traballo do mar, do Gran Sol, dos mariñeiros que atoparon o bote de Ader e dun momento social moi determinado en plena transición da ditadura de Franco á democracia.

Todos estes ingredientes fan que a figura de Bas Jan Ader transcenda amplamente o mundo da arte até o punto de se converter nun mito —enigmático, contraditorio e paradoxal— da cultura contemporánea, que se proxecta e se desenvolve no tempo para alén da súa existencia. A formulación da exposición asume esta realidade ambigua. Así, a presentación dunha serie de feitos obxectivos —as súas obras, os documentos sobre a súa vida e as probas sobre o fatal desenlace da súa viaxe— non conseguen evitar que o misterio e as circunstancias que aínda rodean a súa desaparición se asocien sen remedio ao espírito  de que se compoñen, lendas, fábulas e outras narracións populares, ou ben traian á memoria o argumento das traxedias clásicas, como a de Sísifo —relatada con mestría polo seu admirado Albert Camus—, en que o absurdo e a futilidade da vida son o argumento principal.

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal