Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta
Luns pechado




Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss

CABRITA. WORK (always) IN PROGRESS

Comisario/a: Susana González/Santiago Olmo

Artista: Pedro Cabrita Reis

15 novembro 2019 - 2 febreiro 2020


O proxecto expositivo WORK (always) IN PROGRESS formula un discurso secuencial que permite abordar os principais aspectos do traballo de Pedro Cabrita Reis (Lisboa, 1956) a través de series representativas como Compounds, Favorite Places, True Gardens ou Floresta nun arco temporal que percorre tres décadas. A mostra articúlase por medio dunha trintena de obras que ocupan o vestíbulo e as plantas baixa e primeira do CGAC, xunto con intervencións site specific no exterior do edificio. As obras reunidas dan conta da súa extensaprodución artística, que evidencia o potencial dialéctico do seu traballo, entre referencias a principios construtivistas e procesuais, cuestións formais minimalistas e o uso prominente do obxecto preexistente.

O sentido da obra de Cabrita Reis, implícito no título da mostra, é o resultado da súa particular mirada, nunha permanente reflexión plástica e filosófica. Cabrita practica un modo de pensamento que se atopa entre as premisas ontolóxicas e as formulacións empíricas, relacionado con aquilo que non resulta tan evidente e que alude á existencia, ao substancial da natureza do ser. A base do seu traballo sitúase na reflexión antropolóxica sobre o comportamento social a través do espazo e do tempo. Pero, lonxe da perspectiva científica da análise sociolóxica, o método de Cabrita baséase na capacidade de concibir o mundo de maneira simbólica. Para iso utiliza unha engrenaxe conceptual ligada ás ideas filosóficas de transitoriedade, existencia e memoria, reflexionando sobre o esencial desde a evidencia da finitude da vida.

Pedro Cabrita Reis propón unha formulación construtiva de hibridación de técnicas e de utilización de múltiples materiais industriais e en desuso, que conforman a obra por superposición, xustaposición, repetición ou axuste. Atópase entre os artistas que teñen como punto en común a reflexión sobre a escultura a través da construción con materiais e formas asociadas ao ámbito arquitectónico. Con todo, o seu traballo expón unha particular visión do elemento construtivo, desde a exploración de territorios metafísicos que se liberan de calquera tipo de dependencia ou subordinación política ou social propia desta disciplina. Pedro Cabrita Reis non pretende emitir diagnósticos da sociedade senón interpretala a través dun proceso creativo que transforma o vello en novo, sobre a base do anterior. A súa intención é sempre a progresión en liña ascendente, un WORK (always) IN PROGRESS, desde unha postura melancólica de autoconciencia sobre a posición do home fronte á natureza.
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
Fax: (+34) 981 546 625
cgac.xunta.gal