Comisario/a: Paula Cabaleiro
Artista: Christian Villamide
27 setembro 2019 - 12 xaneiro 2020. Espazo de Proxectos.
Christian Villamide (Lugo, 1966) reflexiona nesta mostra acerca desa distancia que as persoas adoitamos tomar fronte ao territorio que habitamos para poñer o foco sobre a forza e a violencia coa que sometemos a natureza.
Sabemos que o termo paisaxe é unha construción cultural que parte daquilo que vemos ao contemplar un territorio. O artista fala da paisaxe actual desde a escultura e a instalación, visibilizando escenarios ou non-lugares que chegamos a ocultar como sociedade. Fala “do que tamén é paisaxe” nesa tensión entre a forza da natureza, en continuo cambio, e a súa relación co ser humano. Pon de relevo o conflito no que a economía capitalista está a someter a natureza e o coñecemento en prol da especulación, inducindo e connotando un mundo de pobreza e destrución enerxética e ecolóxica. Destapa elementos naturais agochados (e afogados) baixo o efecto do ser humano, ironiza sobre aqueles espazos naturais case prefabricados, acoutados, que semellan un ornamento inmellorable nas novas cidades etiquetadas como sustentables. Reflexiona tamén sobre as novas tendencias completamente artificiais, nas que “vivir unha experiencia única na natureza” se torna nunha clase de peregrinación de masas na procura da mellor instantánea. Christian Villamide fai unha chamada á autocrítica. Que está nas nosas mans para non sermos cómplices deste sistema opresivo cara á natureza?