ARREDOR DA EXPOSICIÓN POUCO A POUCO, DE ÂNGELA FERREIRA. CICLO DE CINE DEDICADO AO DIRECTOR MANTHIA DIAWARA

19 Xuño 2019 - 20 Xuño 2019

19 e 20 de xuño ás 19:00 h

Auditorio do CGAC

Entrada libre e gratuíta

Manthia Diawara (Bamaco, Malí, 1953) é cineasta e teórico cultural. Formado na República de Guinea e París, viaxa a Estados Unidos onde exerce como docente e desenvolve unha ampla obra fílmica e ensaística.

Gran parte da súa investigación céntrase no estudo da cultura da diáspora africana.

19 xuño

19:00 h

Rouch in Reverse, 1995

Reino Unido, Estados Unidos, Cor, 52 min., V.O. en francés

Director: Manthia Diawara (Malí, 1953)

Elenco: Manthia Diawara, Jean Rouch

A través dunha análise da vida e a obra do cineasta e etnógrafo Jean Rouch, esta película abre o debate sobre o estado da sociedade francoafricana contemporánea desde unha perspectiva africana. Supón, polas súas características técnicas, unha volta máis á reflexión sobre África desde a cinematografía.

Diawara analiza as películas de Rouch e a súa perspectiva xeral da vida con paixón e honestidade. Rouch in Reverse é unha visita obrigada para calquera persoa interesada nos estudos poscoloniais. Diawara trata a Rouch coa mesma intriga coa que este se achegou á pequena comunidade africana protagonista do seu soado documental Les Mâitres fous (1955).

20 de xuño

19:00 h

Maison Tropicale, 2008

Portugal, Cor, 58 min.,V.O. en inglés

Director: Manthia Diawara (Malí, 1953)

Elenco: Mireille Ngatsé

O documental de Manthia Diawara explora a historia das maisons tropicales —casas coloniais tropicais— que se construíron en África occidental durante a última etapa da colonización francesa. Nel trata diversas cuestións sobre a arte, a política e os enigmas contemporáneos na África poscolonial.

Maison Tropicale presenta unha historia pouco coñecida a través de tres casas ideadas polo soado deseñador e enxeñeiro francés Jean Prouvé durante os anos posteriores á segunda guerra mundial. O traballo de Prouvé foi financiado polo goberno colonial francés, que en 1951 concibiu estas casas prototipo como un medio para abordar a escaseza de vivendas nas colonias francesas de África occidental.

Manthia Diawara embárcase nunha viaxe para profundar na escura traxectoria histórica da tipoloxía da maison tropicale xunto coa artista portuguesa Ângela Ferreira. Os resultados desta investigación presentáronse en 2007 no pavillón portugués da Bienal de Venecia, cunha instalación tamén titulada Maison tropicale, cuxa maqueta a escala se poderá ver do 21 de xuño ao 29 de setembro na exposición Pouco a pouco no CGAC.

20:00 h

Coloquio coa participación de Ângela Ferreira, artista; Bruno Leitão, comisario da exposición; e Santiago Olmo, director do CGAC.


COORDINACIÓN: Gema Baños