CurtoCircuito

CURTOCIRCUITO 2019

28 Setembro 2019 - 06 Outubro 2019

Un ano máis o CGAC colabora co festival internacional de cine Curtocircuíto na súa 16ª edición.

O festival naceu en Santiago de Compostela no ano 2003 como unha iniciativa do concello da cidade coa intención de potenciar a creación cinematográfica no ámbito da curtametraxe.

Dezaseis edicións despois, Curtocircuíto é un festival destacado no panorama estatal que traballa en contacto directo con outros festivais de Europa. Na súa Sección Oficial compiten filmes de todo o mundo e nas seccións paralelas ofrécese unha ampla variedade de duracións e formatos, tendo sempre a contemporaneidade e o risco como referentes. Curtocircuíto é un festival comprometido co seu tempo, que apoia os creadores e creadoras, a formación e a integración da cidadanía no mesmo. Máis alá de ser un festival de cine, coas súas actividades paralelas e concertos, Curtocircuíto é un punto de encontro lúdico e cultural.

ACTIVIDADE NO CGAC

Obradoiro con Fernando Franco. Longa viaxe cara... algún lugar.

5 de Out | 10:00 - 14:00 h / 16:00 - 20:00 h | 6 de Out | 10:00 a 14:00 h

Cada proceso de realización dunha película é unha nova viaxe iniciática. En cada comezo, o cineasta asume o papel de aprendiz. E, como en cada expedición, sábese de onde se partirá pero non a onde se chegará e, sobre todo, como se chegará. A creación cinematográfica implica unha inmersión nos desexos, nas necesidades e nas inquietudes máis profundas do autor. Pero esa viaxe, que debe ser persoal e libre, é tamén un traballo en equipo. E, nese equilibrio entre a liberdade creativa, o equipo e los recursos dispoñibles, o cineasta ten que tomar decisións, facer sacrificios e atopar solucións. Esa longa viaxe a través da incerteza, transformará á persoa, levándoa a un novo lugar no que non estivo nunca antes. Neste obradoiro, Fernando Franco, gañador do Premio Goya no 2014 como director novel pola película La Herida, exporá a súa forma de navegar ese periplo.

Fernando Franco

Licenciado en Comunicación Audiovisual e Titulado en Montaxe pola Escuela de Cinematografía e Audiovisual da Comunidade de Madrid (ECAM). Montou máis de trinta longametraxes entre as que destacan Blancanieves, Que Dios nos perdone ou Viaje al cuarto de una madre, tres títulos polos que foi nomeado ao Goya á Mellor Montaxe. En paralelo, vén realizando os seus propios proxectos como guionista e director. Concretamente, as longametraxes La herida (2013), Premio Especial do Xurado de San Sebastián, polo que gañou o Goya ao Mellor Director Novel e a súa protagonista, Marian Álvarez, o de Mellor Actriz e a Concha de Prata. No 2017 estrea Morir (2017), tamén no Festival de San Sebastián, polo que Andrés Gertrudix é nomeado ao Goya ao Mellor Actor. No terreo docente, coordina a Diplomatura de Montaxe na ECAM e colabora con diversos centros como a EICTV de Cuba, a Pompeu Fabra, a ESCAC ou a Universidade Autónoma de BCN.

Canteiras

01.10.2019 | 10:30 a 12:30 h . Entrada de balde para centros ata completar capacidade | eventos@curtocircuito.org

Canteiras é unha actividade integrada na programación de Curtocircuíto co obxectivo de poñer en valor iniciativas de educación para o cine dentro da nosa comunidade e dos centros educativos de toda Galicia.

Dende Curtocircuíto consideramos a alfabetización audiovisual como un dos factores chave na formación de futuros espectadores e creadores, de artistas, autores e actores e de públicos críticos e reflexivos. É por iso que queremos consolidar Canteiras como bisagra entre iniciativas de educación para o cine punteiras no sector e centros que desexen incorporar a educación para o audiovisual na bagaxe dos seus educandos. Canteiras pretende ser a mostra, a posta en valor e a promoción de prácticas modélicas que capacitan ao alumnado para coñecer, interpretar e expresarse a través da creación audiovisual e a reflexión entorno ao audiovisual.

A idea básica é a de facer confluír varias das iniciativas do ámbito da educación para o audiovisual que se desenvolveron nos últimos cursos nun centro educativo de Galicia, e que as alumnas e alumnos compartan experiencias, intercambien ideas, formas de proceder, enfoques, perspectivas, modelos, propostas, percepcións, opinións, conclusións e dúbidas, de maneira que persigamos fomentar o diálogo entre iniciativas de calidade que promoven a alfabetización e a creatividade audiovisual dentro da comunidade galega.

Sería como unha especie de 1x1 no que primeiro se presentaría cada unha das iniciativas por separado e logo ábrese unha mesa de debate para que os alumnos e profesores poidan preguntarse dúbidas uns sobre outros, poñer en común problemas, concrecións ou especificidades que atopen no duro e extraordinario camiño que desde estas iniciativas percórrese co fin de realizar a educación para a o coñecemento, o goce, a vinculación afectiva e a creación audiovisual.