Imagen del fotógrafo

CURTOCIRCUÍTO 2023 NO CGAC Encontro con directores: Antoine D’Agata

08 Outubro 2023
13:00 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Gema Baños

Curtocircuíto é un festival internacional que xurdiu en 2003 por iniciativa do Concello de Santiago de Compostela coa intención de potenciar a creación cinematográfica no ámbito da curtametraxe e que se foi consolidando pouco a pouco ata converterse nunha das citas de referencia para a creación cinematográfica independente en España. Nos últimos anos, o festival evolucionou para se converter nun evento interdisciplinario que, mantendo o cine como eixe, abarca na súa programación outras disciplinas tales como a fotografía, a arte sonora, a etnografía, a música ou a literatura.

En sintonía con esta vontade de afondar no cruzamento permanente de disciplinas, o CGAC súmase á vixésima edición do festival internacional de cine Curtocircuíto para acoller un encontro co público do fotógrafo e realizador francés Antoine D’Agata; un creador que, nas súas imaxes, levou o seu corpo a extremos ata entón apenas explorados.

A adicción, o sexo e a prostitución ou a marxinalidade adoitan destacarse como temas principais da súa obra. Porén, máis alá deses lugares comúns, as cuestións capitais que despuntan no seu traballo son a fraxilidade, o sufrimento, o medo e unha certa obsesión pola dexeneración. D’Agata leva anos explorando os seus propios límites e mostrando unha capacidade sobrehumana para a supervivencia. E se a fotografía foi a súa táboa de salvación, o cine aparece na súa traxectoria como unha estraña deriva de espellismos etéreos onde Antoine manexa o tempo cunha naturalidade fantasmal.

Antoine D’Agata (Marsella, 1961) é un fotógrafo e director de cine francés. En 1983 trasladouse a Nova York e durante os dez anos seguintes fixou alí a súa residencia. En 1990, o seu interese pola fotografía levouno a matricularse no International Center of Photography, onde tivo como profesores a Larry Clark e Nan Goldin. Despois de traballar para o departamento editorial da axencia Margnum Photos de Nova York durante un breve período (1991-1992), regresou a Francia e abandonou temporalmente a súa actividade como fotógrafo. En 1998 publicou a súa primeira obra, De mala muerte, e dous anos máis tarde, en 2001, recibiu o premio Nièpce pola publicación dun segundo traballo titulado Hometown. En 2003 inaugurouse en París a súa exposición 1001 Nuits con ocasión da cal verían a luz outros dous títulos: Vortex e Insomnia. En 2004 incorporouse á axencia Magnum Photos e publicou con eles o que sería o seu quinto libro, Stigma.

Desde 2005, non deixou de percorrer o mundo traballando nun proxecto persoal sobre a vida nocturna, en particular no Xapón, onde tamén rodou a súa primeira longametraxe, Aka Ana.

 

 

Inscrición:

Máis información e preinscricións en: www.curtocircuito.org