Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss
AULA ABERTA. OBRADOIRO.CORTA, PEGA E DEBUXA INICIACIÓN EN PROCESOS MANUAIS DE REPRODUCIÓN EN RISO

7-8 maio 2021

AULA ABERTA. OBRADOIRO.CORTA, PEGA E DEBUXA INICIACIÓN EN PROCESOS MANUAIS DE REPRODUCIÓN EN RISO

7 de maio 16:00-20:00 h
8 de maio 10:30-13:30 h e 16:00-19:30 h

Trátase dun taller de iniciación na reprografía Riso, que ten como fundamento a aprendizaxe e o manipulado dunha máquina de risografía. Este proceso de impresión utiliza como principio elemental a transferencia de tinta a través dun stencil ao xeito dun mimeógrafo. Trátase dun proceso de impresión que, a diferenza doutras técnicas como o offset, non xera residuos de tinta, nin fixadores, nin placas de aluminio desbotables. Ademais consome moi pouca enerxía, xa que está baseado nun procedemento de impresión ao frío.

A posibilidade de desenvolver publicacións interdisciplinares e de pequena tirada representa un valor engadido desta técnica. Por iso o obxectivo do obradoiro é precisamente editar unha publicación colectiva de poucos exemplares e froito da colaboración de todas as persoas participantes.

A recuperación de procedementos tradicionais ou en desuso que permita abrir un diálogo entre métodos manuais, mecánicos e dixitais é outro dos elementos centrais deste obradoiro, onde tamén se analizarán as vantaxes dun procedemento reprográfico de baixo consumo, respectuoso co medio ambiente e que emprega fundamentalmente tintas ecolóxicas e papeis reciclados.

Por último, a risografía permite poñer en valor a noción de erro na copia, que adquire con iso o carácter de orixinal. 

METODOLOXíA

O obradoiro comeza cunha breve introdución á risografía a fin de dotar as persoas asistentes dos coñecementos teórico-prácticos necesarios para proceder a imprimir utilizando esta técnica.

Tras o visionamento e análise de exemplos de impresións e publicacións xa elaboradas, pasarase á experimentación e ao proceso creativo de concepción e realización dunha publicación colectiva. Inicialmente elaboraranse os contidos a través do procedemento da colaxe (utilizando revistas, xornais, propaganda impresa, fotografías etc.) e a continuación procederase a transferir as imaxes mediante un acetato. 

NONO BANDERA (Málaga, 1958)
Artista representado pola galería Espacio Mínimo de Madrid, é profesor titular do departamento de Debuxo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra desde 1996.

MARCOS COVELO (Vigo, 1985)
Artista multidisciplinar, é profesor asociado do departamento de Debuxo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra desde 2018 e pertence ao grupo de investigación DX7 da Universidade de Vigo. 

PERSOAS DESTINATARIAS: O obradoiro está dirixido a estudantes, artistas e a todas as persoas interesadas no proceso da risografía.

INSCRICIÓN: Aquelas persoas que desexen participar poderán inscribirse do 29 de abril ao 6 de maio ás 12:00 h enviando unha mensaxe electrónica a cgac.pedagogia@xunta.gal, no que deberán incluír os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, estudos ou área de traballo, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

As prazas cubriranse por orde de inscrición e cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.

PRAZAS: 12 

MATRíCULA: De balde

CONCEPCIÓN E COORDINACIÓN DE AULA ABERTA: Natalia Poncela

COORDINACIÓN CGAC: Gema Baños 

Folleto da actividade
Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal