Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss

CARLES FONTSERÈ E CAMILO JOSÉ CELA. NUEVA YORK AMARGA

Comisario/a: Santiago Olmo, Adolfo Sotelo, con la participación de Covadonga Rodríguez

Artista: Carles Fontserè, Camilo José Cela

3 xuño - 26 setembro 2021. Planta baixa


O CGAC adquiriu en 2016 o arquivo fotográfico de Camilo José Cela, que ata ese momento estaba depositado na Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia, en Padrón. Este arquivo está composto por tres conxuntos de fotografías e negativos que foron utilizados polo escritor para proxectos literarios e libros como Viaje a la Alcarria (1948) con fotos de Karl Wlasak e Nuevas escenas matritenses (1965-1966) con fotos de Madrid de Enrique Palazuelo, e as fotografías realizadas por Carles Fontseré para Nueva York amarga. Este último libro non chegaría a publicarse aínda que o autor escribiu cinco textos moi breves, cuxos manuscritos se conservan hoxe no arquivo da Fundación Camilo José Cela en Padrón. Este conxunto conta con arredor de 312 fotografías en branco e negro que Carles Fontserè lle enviou a Camilo José Cela en varias quendas desde 1966, tras unha viaxe de Cela a Nova York, ata 1971.

A exposición pretende reconsiderar a historia deste proxecto non realizado pondo en relación as fotografías enviadas por Fontseré a Cela e as cartas que ambos intercambiaron, así como os documentos, informacións e reflexións de Fontserè sobre Nova York, que este xuntaba ás fotografías. A estrutura da exposición segue rigorosamente o esquema ideado por Cela, a modo de índice, para articular o libro. Son en total 28 capítulos, cuxos títulos suxiren imaxes vivas da cidade e da súa xente.

En cada capítulo, Cela inclúe unha listaxe de fotografías de Fontserè. Antes de emprender este proxecto con Fontserè, Cela xa utilizara a fotografía como unha ferramenta de escritura en varios fotolibros realizados coa editorial Lumen: Toreo de salón (1963), con fotografías de Maspons e Ubiña, e Izas, rabizas e colipoterras (1963), con fotografías de Joan Colom no barrio chinés de Barcelona, escenas quentes dunhas rúas onde bulía a prostitución portuaria. Cela ensaia unha forma de mirar a realidade que partindo da fotografía estrutura unha ficción. Co formato rápido do esbozo, do “apuntamento carpetovetónico”, como microrrelatos que se transforman en fotorrelatos.

Esta exposición reconstrúe a historia dun libro inconcluso e dunha relación de amizade, á vez que nos descobre a aguda mirada de Carles Fontserè Carrió (Barcelona, 1916 - Girona, 2007) sobre a paisaxe humana da cidade de Nova York, onde vivía exiliado, na década de 1960. Cartelista e combatente republicano na Guerra Civil; pintor, debuxante e gravador no seu primeiro exilio en París, escenógrafo e figurinista en México, fíxose fotógrafo en Nova York, para regresar a Cataluña nos primeiros anos da década de 1970.

Folleto da exposición

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal