Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss

HAMISH FULTON

Comisario/a: Pep Benlloch

Artista: Hamish Fulton

29 outubro 2021 - xaneiro 2022

Hamish Fulton (Londres, 1946) comezou a ser coñecido na década dos sesenta como integrante dun grupo de artistas británicos que exploraban novas formas de entender a escultura no contexto da desmaterialización do obxecto artístico. En concreto, a práctica de Fulton caracterizábase polo seu desexo de establecer unha relación intensa coa natureza mediante o acto de camiñar, que converteu en centro da súa obra.

Tras abandonar a escola de arte en 1968, viaxou aos Estados Unidos, onde empezou a desenvolver as ideas que acabarían por determinar o seu exercicio artístico: a unión física coa natureza a través dos paseos e, por conseguinte, a comprensión da arte como unha práctica que brota a partir da experiencia subxectiva.

Desde entón, Fulton realizou a pé múltiples percorridos de diversa duración polos cinco continentes. Na Península Ibérica, por exemplo, realizou, entre 1978 e 2017, un total de 17 camiñadas, a miúdo en solitario e outras veces acompañado dunha ou de varias persoas. Andar, camiñar por camiños e estradas a través da paisaxe, constitúe para el unha forma de expresión. Non traballa na paisaxe, tampouco toma obxectos del; ao contrario, o seu interese é precisamente deixar a menor pegada posible.

A súa exposición no CGAC, que se articula ao redor deses percorridos por distintos países ou zonas xeográficas, reúne unha selección de fotografías, debuxos e esculturas realizados durante (ou a partir de) as camiñadas, que constitúen o verdadeiro material do seu traballo. Propomos catro seccións a través da súa obra, unha centrada en proxectos realizados en diferentes países, outra en proxectos realizados en España e unha terceira na que se mostrará a maior parte da súa obra, que deu orixe a numerosas edicións. Por último, nunha cuarta sección presentarase o resultado do proxecto específico realizado en colaboración co Museo da Universidade de Navarra, no cal Hamish Fulton percorrerá a pé e en sentido contrario o Camiño Francés desde Fisterra a Hendaia, pasando por Pamplona e Roncesvalles.

A documentación destes itinerarios complétase finalmente cunha serie de textos sobre a parede, algúns deles concibidos especificamente para esta exposición, que á maneira dun mapa conceptual mostrarán en formato xigante o curso e duración das súas camiñadas.

Hamish Fulton non documenta nin describe, simplemente permítelle ao espectador, mediante a combinación de imaxes e palabras, tocar, dalgunha maneira, a experiencia do paseo.

 

Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal