Galego | Castellano | English

CGAC
Horario: aberto de 11 a 20 h
Entrada gratuíta

Luns pechado 


Síguenos en:
Facebook Twitter Youtube Instagram rss

CAMIÑOS I

Comisario/a: Alberto Carton, Santiago Olmo

Artista: Richard Long, David NaSiah Armajani, Gabriel Díaz, Roland Fischer, Hamish Fulton, Christian García Bello, Per Kirkebsh, Manolo Paz, Rubén Ramos Balsa, Humberto Rivas, Ulrich Rückriem, Beat Streuli, Jesús Madriñán, Roman Signer, Montserrat Soto, Guido van der Werve, Sophie Whettnall, Peter Wüthrich

12 xuño - 26 setembro 2021. Primeira planta

Camiños é un proxecto que aborda o feito de camiñar, andar, pasear e a vivencia do camiño, do vagar, do itinerario e da peregrinación como fenómenos e experiencias artísticas.

A performance, como reflexo das contradicións da vida social, e a apertura conceptual cara á paisaxe, que en canto acción e mirada supón a land art, converten a partir dos anos setenta o feito de camiñar nun tema central da arte contemporánea. Camiñar é unha acción que pode encerrar propósitos, intencións e simbolismos moi diversos, desde a resistencia política á opresión e ás inxustizas (as marchas e manifestacións son, á fin e ao cabo, formas de camiñar), ata iniciativas verdes de mobilidade ou motivacións de orde persoal. Na polisemia reside a súa forza.

Este proxecto expositivo pretende, por unha banda, recoller e mostrar o legado que a Colección CGAC foi construíndo sobre o tema da cidade, o Camiño de Santiago e a idea de camiñar e, por outra, seleccionar obras, artistas e proxectos especialmente significativos que centraron o seu foco na experiencia (emocional, ecolóxica, política ou paisaxística) do camiñar. Todos eles foron marcando nas últimas décadas a nosa sensibilidade cara ao camiñar e tamén cara aos seus significados. Con todo, a mostra carece de vontade enciclopédica ou histórica; ao contrario, a súa intención é fomentar no visitante unha experiencia visual baseada na diversidade e a pluralidade.

Con este fin Camiños pon en diálogo unha serie de artistas e proxectos que historicamente marcaron as formas de visualizar o camiñar e a evolución da idea de camiño. Deste xeito, espazos concibidos para ser percorridos a pé, como a Illa das Esculturas de Pontevedra ou o museo ao aire libre do Centro de Arte e Natureza de Huesca, conviven con propostas máis recentes de artistas pertencentes ás últimas xeracións.

A mostra divídese en dous capítulos inmediatamente sucesivos no tempo, que ocuparán o mesmo espazo dentro do museo e funcionarán como relatos complementarios. Trátase dunha mesma exposición que se presenta en dous tempos ou, dito doutro xeito, dúas exposicións nunha. 

A exposición Camiños I incorpora documentación sobre obras e proxectos de artistas contemporáneos procedente do Centro de Arte y Naturaleza de Huesca (Fernando Alvira, Javier Campano, Andrés Ferrer, David Nash e Per Kirkeby) e a Illa das Esculturas de Pontevedra (Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, Jenny Holzer, Leiro, Richard Long, Robert Morris, Anne & Patrick Poirier e Ulrich Rückriem).



 


Rúa Valle Inclán, 2
15703 Santiago de Compostela
España
Tel.: (+34) 981 546 619
cgac@xunta.gal