Figura dun home en 3D diante dunha escultura

ARTE NA AULA. EN PÉ: APRENDER A TRAVÉS DA CREACIÓN TRIDIMENSIONAL

04 Febreiro 2023 - 25 Novembro 2023
Modalidade presencial: sábados de 10:00 a 14:15 e de 16:00 a 19:30 h
Modalidade en liña: venres 5 de maio de 18:00 a 20:30 e sábado 6 de maio de 10:00 a 14:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Gael Zamora Lacasta
Prazas:
20 por quenda

O debuxo, a pintura e a colaxe forman parte do día a día dunha aula de educación plástica de calquera etapa educativa, pero non é tan frecuente que se desenvolvan proxectos de creación en 3D. Por iso, en 2023, o curso de educación artística Arte na aula centrarase na creación tridimensional.

A escultura e a instalación forman parte do noso patrimonio artístico, están moi presentes nos museos e noutros espazos expositivos, relaciónanse de forma natural cos procesos manipulativos desenvolvidos na infancia, permiten traballar de forma transversal diferentes áreas de coñecemento, contribúen ao desenvolvemento da creatividade na resolución de retos e teñen presenza no currículo escolar.

Este curso explora de forma práctica elementos como as contribucións da escultura e da instalación contemporáneas ao panorama artístico actual, os materiais e procedementos escultóricos, o paso das dúas ás tres dimensións, e os  procesos de manipulación e deseño para a creación no espazo. Nel os educadores poderán observar, reflexionar e experimentar a través da plástica antes de levar as súas propostas á aula, vivenciando a experiencia e converténdoa en punto de partida para o deseño dos seus programas.

Gael Zamora Lacasta é titulada en Historia da Arte e Educación Primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É, ademais, educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no CGAC, o Museo de Arte Contemporánea Esteban Vicente, o Centro para as Artes e o Deseño Palacio Quintanar, o Museo Lázaro Galdiano, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Autónoma de Madrid, o movemento de renovación pedagóxica Acción Educativa e os centros de formación do profesorado de Soria, Segovia, Ávila, Madrid e Cuenca.

OBXECTIVOS

Os obxectivos deste encontro son tomar contacto coa arte contemporánea e as súas posibilidades como recurso educativo; desenvolver a capacidade para observar, interpretar e crear obras tridimensionais; explorar materiais, recursos e procesos que favorezan aprendizaxes globalizadas a través da plástica, xerando dinámicas creativas nas persoas profesionais da educación artística para que estas, pola súa vez, as fomenten no alumnado.

CALENDARIO

As persoas interesadas poderán optar por inscribirse nunha das seguintes sesións:

MODALIDADE PRESENCIAL

Quenda I. 4 de febreiro de 10:00 a 14:15 e de 16:00 a 19:30 h

Prazo de inscrición: 25 e 26 de xaneiro de 2023

Quenda II. 18 de marzo de 10:00 a  14:15 e de 16:00 a 19:30 h

Prazo de inscrición: 8 e 9 de marzo de 2023

Quenda III. 21 de outubro de 10:00 a 14:15 e de 16:00 a 19:30 h

Prazo de inscrición: 10 e 11 de outubro de 2023

Quenda IV. 25 de novembro de 2023 de 10:00 a 14:15 e de 16:00 a 19:30 h

Prazo de inscrición: 15 e 16 de novembro de 2023

MODALIDADE EN LIÑA

Quenda I.  Venres 5 de maio de 18:00 a 20:30 e sábado 6 de maio de 10:00 a 14:30 h

Prazo de inscrición: 26 e 27 de abril de 2023

PERSOAS DESTINATARIAS

Docentes de calquera das etapas da educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), profesionais da educación artística, persoas interesadas na didáctica da arte e estudantes universitarios de Belas Artes ou Ciencias da Educación.

INSCRICIÓN

O curso é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar o seu nome, apelidos, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. Poderán inscribirse un máximo de dous participantes por solicitude.

CERTIFICACIÓN

O CGAC entregaralles un certificado de participación ás persoas que asistan á totalidade das horas da súa quenda.