Curso cine

CURSO DE CINEMA. EUTOPÍAS: A PROCURA DO BO LUGAR NO CINE

29 Setembro 2021 - 15 Decembro 2021
mércores de 19:00 a 20:30 h
O curso será presencial. No caso de que a capacidade do auditorio se vexa reducida pola situación sanitaria o curso pasará á modalidade en liña.
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
José Manuel López
Prazas:
60
Matrícula:
30€

Adoita pensarse a utopía como unha quimera, como unha proxección irrealizable desde un presente escuro cara a algún futuro, mellor pero tamén inalcanzable. O termo foi acuñado por Tomás Moro en 1516 na súa obra homónima a partir —nunha das interpretacións posibles— dos termos gregos ou (que expresa negación) e tópos (lugar): é dicir, nowhere, na súa primeira tradución inglesa, ou non hai tal lugar, como o trasladou ao castelán un século máis tarde Francisco de Quevedo.

Pero outras interpretacións consideran que Moro fixo partir o seu neoloxismo de (que expresa bondade) e tópos: ou o que é o mesmo, un lugar bo ou feliz. E así llo fai expresar á propia illa de Utopía: “Non Utopía, senón mellor é o meu nome Eutopía, o País da Felicidade”.

Moro constrúe a súa utopía, por tanto, desde unha intencionada ambivalencia entre a necesidade do seu desexo e a imposibilidade da súa realización. Utopía é unha promesa, un bo lugar que non existe… aínda. Porque o desexo utópico, como toda imaxinación prospectiva, proxéctase cara á realización eutópica dese desexo: alguén que non está conforme coa súa realidade soña cun mundo mellor; mais sempre, como defendía Herbert Marcuse, coa intención de que a utopía se converta en topía, nunha realidade que, finalmente, teña lugar.

A utopía deixa de ser así unha quimera ou conto fantasioso sen relación coa historia: o seu desexo de facerse realidade convértea nun relato ancorado no seu tempo que, ademais, prolifera nos períodos de crise. E por iso, a utopía é hoxe tan necesaria coma sempre. Pero as utopías sociais que tratan de construír o mellor dos mundos desembocan moitas veces no seu reverso: no discurso negro da antiutopía ou distopía. Por iso neste curso tomaremos a tanxente íntima que nos afastará da utopía social e achegaranos á utopía individual (persoal, pero transferible). Porque quizá a única utopía posible, como defende Lewis Mumford, sexa a nosa propia vida —aquí e agora— levada ata os límites das súas posibilidades ideais.

Programa:

29 setembro. O HORIZONTE: Tempos modernos (Charles Chaplin, 1936)

6 outubro. O RECORDO (E A ANTICIPACIÓN) DO SUR: O sur (Víctor Erice, 1983)

13 outubro. A MEMORIA IMPOSIBLE: Que verde era o meu val (John Ford, 1941)

20 outubro. O PASADO RECUPERADO: As praias de Agnès (Agnès Varda, 2008)

27 outubro. O VELLO “NOVO MUNDO”: O novo mundo (Terrence Malick, 2005)

10 novembro. O SOÑO DO OESTE: First Cow (Kelly Reichardt, 2019)

17 novembro. A CASA FAMILIAR: Verán 1993 (Carla Simón, 2017)

24 novembro. A INFANCIA: O verán de Kikujiro (Takeshi Kitano, 1999)

1 decembro. O VERÁN: Aquel querido mes de agosto (Miguel Gomes, 2008)

15 decembro. A NATUREZA: Cara a rutas salvaxes (Sean Penn, 2007)

Imparten:

José Manuel López (Vigo, 1974) é doutor en Comunicación e profesor asociado na Universidade de Vigo. En 2004 fundou a revista de cinema Tren de sombras (2004-2008) e desde 2007 ata 2017 formou parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine(anteriormente coñecida como Cahiers du Cinéma. España).

En 2008 coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbralpara o Festival de Cine de Las Palmas e é autor de numerosos artigos, relatorios en congresos e capítulos de libros. Desde 2012 imparte cursos de cine no Museo de Arte Contemporánea de Vigo e no Centro Galego de Arte Contemporánea. Impartiu, ademais, conferencias en espazos como Master LAV, a ESCAC, o CGAI, a Seminci, o Festival de Málaga ou o Centro de las Artes de Sevilla. Foi o comisario de exposicións e ciclos de proxeccións para a Fundación Luís Seoane, Curtocircuíto: Festival Internacional de cine de Santiago de Compostela, Solar Galería de Arte Cinemática ou o festival de cinema Curtas de Vila do Conde (Portugal). En 2020 recibiu o premio ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional na IV edición dos Premios María Luz Morales, outorgados pola Academia Galega do Audiovisual.

Persoas destinatarias:

docentes, estudantes e persoas interesadas no cine

Inscrición:

O prazo de inscrición estará aberto desde o 20 de xullo ata o 27 de setembro de 2021. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal . Nela deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informarase as persoas rexistradas sobre como realizar o pago.

Certificación:

o CGAC expedirá un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.