21_manos-lempicka-1.png

CURSO FEMININO PLURAL: CATRO EVANXELISTAS DA MODA NA ARTE CONTEMPORÁNEA

29 Marzo 2022 - 05 Abril 2022
HORARIO: 19:00 - 20:45h
Coordinación:
Gema Baños
Dirección:
Blanca Paula Rodríguez Garabatos
Prazas:
100
Matrícula:
30 €

O presente curso monográfico ofrece unha reflexión acerca da transversalidade entre dúas disciplinas artísticas, a moda e a pintura, a través da obra dunha serie de artistas ás que chamamos “evanxelistas da moda”. Falamos de catro artistas femininas que, desde a vangarda contemporánea, lle insuflaron vida nova á arte e souberon romper os canons establecidos, tanto nas súas biografías como na súa indumentaria.

Sonia Delaunay (1885-1979) foi unha figura clave da primeira vangarda parisiense. Xunto ao seu marido, o pintor Robert Delaunay, emprendeu unha aventura artística que, baseada nos contrastes de cor e a disolución da forma a través da luz, a encamiñou cara á abstracción.

A pintora e deseñadora de orixe rusa levou a cabo unha práctica artística multidisciplinar. Pasou da pintura ao interiorismo; e deste á moda (e viceversa). Pinturas, deseños de moda e téxtiles sumáronse ás súas innovadoras colaboracións con poetas e escenógrafos cunha naturalidade abraiante. Unha sinxela manta de bebé que realizou para o seu fillo Charles en 1910, levouna a cambiar o seu rumbo artístico e a descubrir na moda unha nova forma de expresión. Aquel deseño lembraba moito a aparencia do patchwork actual e con el quixo seguir (e manter viva) a tradición das nais ucraínas. Despois de fundar co seu marido o movemento denominado simultaneísmo pictórico, en 1917, Delaunay abre en Madrid a súa boutique, Casa Sonia, que vestiu cos seus Vestidos simultáneos a grandes figuras internacionais como Gloria Swanson.

Tamara de Lempicka (1898-1980) inmortalizou as mulleres sofisticadas, desinhibidas e ferozmente libres dos anos vinte a través do pincel. As pinturas da raíña da art déco, son un fiel reflexo da figura feminina na era do jazz. A medio camiño entre os espidos de Ingres e o cubismo suave, o retrato é o xénero que predomina na súa obra. As cores vibrantes e unha sensualidade elegante e conxelada marcan a pauta dun estilo facilmente recoñecible que inspirou a grandes popes da moda, desde Versace a Ralph Lauren. No seu momento, ela mesma se converteu en toda unha fashionista, e soubo utilizar a roupa como unha poderosa ferramenta de publicidade para a súa propia imaxe. Adoitaba aparecer a miúdo vestida con deseños de couturiers  e modistas como Schiaparelli, Lucien Lelong, Rose Descat e Marcel Rochas. Esta estratexia proporcionoulles unha enorme visibilidade tanto aos deseñadores como á propia Tamara a través das revistas de sociedade.

Maruja Mallo (1902-1995) vestiu a arte pictórica coa moda e desa comuñón naceu unha entidade nova. Ela mesma foi, ao longo da súa vida, unha fiel seguidora das tendencias fashion de cada momento. Desde os seus posados con cadros vestida ao estilo dos anos trinta en Madrid, ata a súa reaparición nos anos oitenta, en plena movida, envolta en peles e maquillada de maneira esaxerada, Mallo encarnou a feminidade como mascarada.

A moda é unha constante na súa obra. Na súa etapa máis surrealista, explora o mundo dos manequíns e os escaparates. A finais dos anos vinte, trata o folclorismo en forma de bodegóns de recordos ou obxectos cotiáns realizados baixo o influxo da art déco. Tamén ao redor desa época, a súa obra reflicte as ansias de emancipación feminina con cadros de mulleres activas bañistas ou ciclistas. A moda neste momento tiña como principal referente a Coco Chanel, quen co abandono do corpiño e a imposición dos tweeds de la, os traxes de baño e o pantalón, deseñaba a muller moderna, un ideal que retrata e encarna a propia Maruja Mallo.

Na década dos trinta os seus retratos xeométricos influídos polo maquinismo e a idea da muller obreira, presentan unha revisión racionalista da art déco, que discorre en paralelo ao labor no mundo fashion de Madeleine Vionnet, quen cos seus vestidos ao través, xeométricos e racionais, revisa a imaxe feminina dese período. Nos anos corenta e cincuenta, os monumentais retratos de efixies femininas asinados por Maruja Mallo, inciden nos peiteados e as maquillaxes das retratadas, pero non o fan como accesorio, senón que o obxectivo do cadro reside de maneira esencial na minuciosa recreación pictórica deses matices. Son representacións que van na liña das novas tendencias creadas para a pasarela por Elsa Schiaparelli ou Christian Dior.

Frida Kahlo (1907-1954), co seu estilo totalmente persoal, segue inspirando e influíndo o mundo da moda, os medios e  a arte. Ao observar os seus retratos pódese constatar que Kahlo comprendeu a importancia da imaxe e da actitude, moito antes de que estas palabras formasen parte do vocabulario do márketing do noso tempo. Para ela, a vida era teatro e a roupa, o seu vestiario de escena, xa se tratase dun traxe masculino na súa adolescencia ou da vestimenta mexicana que adoptou tras a súa voda con Diego Rivera. Co fin de ocultar as súas imperfeccións físicas, Frida cubriuse co traxe rexional tehuano, disimulando con coloridas blusas e mantos o seu torso oprimido polo corpiño que suxeitaba as súas costas, mentres que as súas longas saias sobre enaguas ocultaban a deformidade da súa perna dereita, máis curta, para a que creou un calzado con plataforma. Hoxe día, esta vestimenta está automaticamente identificada con ela; é, simplemente, o “look Frida Kahlo” e foi homenaxeado por grandes figuras do mundo da moda como Jean Paul Gaultier, Givenchy, Valentino, Karl Lagerfeld, Lacroix ou Kenzo… O seu estilo, exótico fóra de México, considerábase no seu país desafiante e provocador. Unha muller que alardeaba de bigote e unicella, vestida de indíxena oaxaqueña, non era un modelo para seguir. Con todo, o seu inxente gardarroupa tiña pezas de calidade, sedas, tafetáns e veludos, ourivaría moi cara e ata a bota de coiro vermella que utilizaba como prótese da súa perna dereita (despois de que lla amputaran), de cuxas cintas colgaban, coquetamente, dous cascabeis.

 

 

Programa:

29 marzo. Tamara de Lempicka: a baronesa do pincel

30 marzo. Maruja Mallo: do dandismo á movida

31 marzo. Sonia Delaunay: a arte está en todas as partes

5 abril. Frida Kahlo: a it-girl da arte

 

Imparten:

BRANCA PAULA RODRÍGUEZ GARABATOS (Santiago de Compostela, 1973) é catedrática en Xeografía e Historia, investigadora, escritora e docente. Licenciouse en Dereito e Historia, na especialidade de Historia Contemporánea e Estudos Americanos, pola USC e é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña, cunha tese titulada “Moda da belle époque e indumentaria na obra de Emilia Pardo Bazán”.

Impartiu conferencias sobre moda en diferentes seminarios da Universidade da Coruña e participou na Fashion and Design Conference, realizada recentemente na Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) en Pontevedra e en 2021 dirixiu o curso Vestindo a época. A moda, a oitava arte, organizado polo CGAC. Ademais é autora dos libros Emilia Pardo Bazán y la moda e Emilia Pardo Bazán: visiones del dandismo, publicados ambos por Hércules de Edicións.

É colaboradora habitual das revistas de cinema Versión original e Icónica, e é autora de diversos artigos sobre as relacións entre a moda, a literatura e a arte en publicacións como Tropelías, Boletín galego de literatura, DeSignis, Cuadernos hispanoamericanos ou La tribuna.

 

Persoas destinatarias:

O curso está dirixido a persoas interesadas na historia da moda e a historia da arte.

Inscrición:

O prazo de inscrición está aberto  ata o 17 de marzo de 2022. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.pedagogia@xunta.gal. Nel deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informaranse as persoas rexistradas sobre como realizar o pago.

 

 

 

Certificación:

O CGAC expedirá un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.

En función da situación sanitaria que exista no momento da realización do curso, este impartirase na modalidade presencial ou en liña.