CURSO VESTINDO A ÉPOCA: A MODA, A OITAVA ARTE - EDICIÓN EN LIÑA
O presente curso ofrece unha reflexión sobre as orixes da moda a finais do século XIX e comezos do século XX. Con esta premisa analizaremos a súa contextualización histórica, semiótica e social, e as súas relacións con outras disciplinas artísticas como a literatura e a arte. Como apuntaba Emilia Pardo Bazán na súa obra Cuarenta días en la exposición, “A moda non é algo arbitrario. Por iso merece considerarse como unha importante manifestación social e artística”.
O curso céntrase no período da belle époque. Unha etapa de grandes cambios no rol social e cultural da muller, feito que necesariamente repercutiría na súa indumentaria. Os facedores desa nova muller foron os grandes couturiers parisienses, que liberaron as mulleres de corpiños e outras ataduras para permitirlles gozar dunha mobilidade ata entón recortada e limitada. Isto traerá consigo novas ansias de cambio social.
Analizaremos a importancia de modistas e casas de moda como Charles Frederick Worth, Jeanne Paquin, Félix, Callot Soeurs ou Paul Poiret, impulsores de novas dinámicas no vestir que aínda hoxe en día son revisitadas e recuperadas. Revisaremos, así mesmo, a presenza da moda en obras literarias de autores como Benito Galdós, Émile Zola ou Emilia Pardo Bazán. Constataremos a interacción entre moda e arte a través de personalidades como Sorolla, Singer Sargent ou Madrazo. Veremos como ambas as disciplinas manteñen un diálogo permanente, que se consolida a través do tempo desde estes primeiros pasos da moda e se prolonga ata a actualidade. Estudaremos os primeiros mecanismos publicitarios da moda: revistas, fashion films, desfiles… Analizaremos a figura das fashion victims do momento (actrices como Sarah Berharndt, a emperatriz Eugenia de Montijo...) e os seus posibles modelos literarios (María de la Espina Porcel en La quimera, Fortunata en Fortunata y Jacinta…). Procuraremos responder, en definitiva, a pregunta que se expón Enrique Gómez Carrillo na súa obra Psicología de la moda femenina: “Non é seica a moda unha arte, igual que a poesía, o mesmo que a escultura?”. Tal vez é a arte por excelencia e por preexcelencia.
13 de xaneiro. Pensar a moda. Os porqués. Ideas estéticas
20 de xaneiro. Contexto histórico-social da belle époque. As exposicións universais
27 de xaneiro. A nova muller. Visión histórica e artística
3 de febreiro. Charles Frederick Worth. O pioneiro
10 de febreiro. A arte soberana: o modista Félix
17 de febreiro. Damas da moda: Rose Bertin, Palmyre, Jeanne Paquin, as irmás Callot, Madeleine Laferrière...
24 de febreiro. Vestindo a época. Paul Poiret. O revolucionario
3 de marzo. Fashion victims reais e literarias
10 de marzo. Dandismo e dandis. De Zola a Baudelaire
17 de marzo. Visións literarias da moda: Benito Pérez Galdós e Emilia Pardo Bazán
Blanca Paula Rodríguez Garabatos (Santiago de Compostela, 1973) é investigadora e docente en Historia e Historia da arte. Licenciouse en Dereito e Historia, na especialidade de Historia Contemporánea e Estudos Americanos, pola Universidade de Santiago de Compostela e é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña, cunha tese titulada “Moda da belle époque e indumentaria na obra de Emilia Pardo Bazán”.
Impartiu conferencias sobre moda en diferentes seminarios da Universidade da Coruña e participou na Fashion and Design Conference, celebrada recentemente na Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) en Pontevedra.
É colaboradora habitual das revistas de cinema Versión original e Icónica, e autora diversos artigos sobre as relacións entre a moda, a literatura e a arte en publicacións como Tropelías, DeSignis, Boletín galego de literatura ou La tribuna.
Como docente de ensino secundario participou en diferentes proxectos que exploran os nexos entre a moda, a arte e a historia da indumentaria; entre eles: Do liño ao tecido (IES Terra de Xallas) ou Maruja Mallo, artista de vanguardia sin sombrero (IES de Valga).
Persoas interesadas na historia da moda, a historia da arte e a literatura.
O prazo de inscrición está aberto desde o 25 de novembro de 2020 ao 11 de xaneiro de 2021. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.
Unha vez aceptada a solicitude, informarase as persoas rexistradas sobre como realizar o pago.
O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.