Rosa and GG . Venice 2005.jpg

GUERRILLA GIRLS EN VENECIA. Conversa con Rosa Martínez

20 Abril 2023
18:00 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Gema Baños e Carmen Hermo

Coa participación do director do CGAC, Santiago Olmo.

Guerrilla Girls en Venecia é o título da charla que Rosa Martínez impartirá no CGAC co gallo da exposición que acolle o centro desde o pasado mes de marzo. A súa intervención versará sobre a participación do colectivo Guerrilla Girls na mostra Siempre un poco más lejos, da que a propia Rosa Martínez foi comisaria no Arsenale de Venecia, no marco da 51.ª edición da Exposición Internacional de Arte da Bienal de Venecia.

As propias integrantes de Guerrilla Girls referíronse a esa edición da Bienal de Venecia como a “primeira bienal feminista da historia”, e foi, en efecto, a primeira edición, nos 110 anos de historia do evento, en ter dúas mulleres directoras: María de Corral, como responsable do pavillón italiano, e Rosa Martínez, comisaria dos espazos do Arsenale.

Na súa intervención no CGAC, Rosa Martínez presentará os pósters que as Guerrilla Girls crearon especificamente para a ocasión, con hilarantes deseños e sorprendentes estatísticas, e falará tanto do activismo deste colectivo coma do activismo curatorial, que debe sempre abrir fronteiras para a diversidade e ampliar horizontes para a igualdade.

Imparten:

Rosa Martínez (Soria, 1955) é historiadora da arte e curadora independente. Durante dúas décadas (1988-2007) dirixiu ou comisariou bienais internacionais en Barcelona, Róterdam, Istambul, Santa Fe (Novo México), Busan, Moscova ou São Paulo. En 2005, foi codirectora da 51.ª Exposición Internacional de Arte da Bienal de Venecia, onde presentou as Guerrilla Girls. Colaborou en museos como o Istanbul Modern, o Guggenheim de Bilbao, o Museo Fortuny de Venecia, o Museo Nacional de Escultura en Valladolid (en 2015, cunha exposición sobre Teresa de Jesús titulada Nada temas, dice ella) ou o Museu Picasso de Barcelona (con En el nombre del padre, en 2019). En 2020, creou a exposición virtual Así también te cuidaré para The New York Times en español e actualmente prepara un libro sobre a súa experiencia curatorial.

 

Persoas destinatarias:

Docentes, estudantes, historiadores e historiadoras e persoas interesadas na arte.

Inscrición:

Non é necesario inscribirse para participar nesta actividade. A entrada é libre e de balde ata que se complete a capacidade da sala.