FOLLETO

MEMORIAS DUNHA IMAXE LATENTE. CURSO DE HISTORIA DA FOTOGRAFÍA

24 Xaneiro 2024 - 29 Maio 2024
mércores de 19:00 a 20:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Fuco Reyes
Prazas:
250
Matrícula:
30 €

Este curso propón unha deriva pola historia da fotografía desde o primeiro desexo de crear unha imaxe pola acción da luz ata o xurdimento das vangardas nos primeiros anos do século XX.

Faremos un percorrido que nos permitirá conectar o medio fotográfico cos seus protagonistas, a sociedade, o pensamento e a cultura ao longo dun século. Cen anos de imaxes latentes para revelar ou desvelar a nosa maneira de entender a fotografía deste tempo.

 

Programa:

PARTE I: Do meu nacemento (-1839)

24 de xaneiro. Cando xorde o desexo

31 de xaneiro. Antepasados tecnolóxicos e artísticos

7 de febreiro. Da invención e os cambios na visión do mundo

14 de febreiro. Algúns pioneiros: Daguerre, Talbot, Bayard…

 

PARTE II: Primeira infancia ou segundo nacemento (1839-1854)

21 de febreiro. Talbot e o lapis da natureza. A viaxe a España

28 de febreiro. O encontro coa ciencia

6 de marzo. Rexistrar o mundo: as expedicións, guerras e acontecementos

13 de marzo. Eu e os outros. O retrato e a cámara

 

PARTE III: A adolescencia. A expansión da fotografía (1854-1880)

20 de marzo. A fotografía popular e os obxectivos da arte (I)

3 de abril. A fotografía popular e os obxectivos da arte (II)

10 de abril. A relación coa sociedade (I)

17 de abril. A relación coa sociedade (II)

24 de abril. As viaxes topográficas e outras cuestións coloniais

 

PARTE IV: Unha certa xuventude. Fotografía e modernidade (1880-1918)

8 de maio. Ciencia e sociedade

15 de maio. A ruptura: o instante e a arte

22 de maio. O pictorialismo

29 de maio. A vida moderna

Imparten:

Fuco Reyes (Santiago de Compostela, 1965) é fotógrafo, licenciado en Psicoloxía Social, especialista en Psicoloxía Clínica e estudou Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela. Diplomado en Fotografía Artística Contemporánea, enfocou o seu labor profesional, en gran medida, á docencia. Impartiu cursos e obradoiros de fotografía na USC, foi profesor en Node Estudios de Arte Online e, actualmente, dirixe obradoiros en Eco Escuela de Arte. Realizou diferentes exposicións, entre as que cabe destacar as realizadas no Xapón no ano 2010 e no CGAC en 2013. Tamén recibiu numerosos premios nacionais de fotografía profesional e foi galardoado recentemente co Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica. É presidente da asociación cultural Fotoforum Compostela.

Persoas destinatarias:

Calquera persoa interesada na historia da fotografía

Inscrición:

O prazo de inscrición estará aberto desde o 15 de novembro de 2023 ata o 19 de xaneiro de 2024. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar os seguintes datos: apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez que se acepta a solicitude, as persoas rexistradas recibirán información sobre como deben realizar o pagamento.

Certificación:

O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.