
NO ESPAZO E NA VOZ LEMOS O TEMPO. II TALLER DE ARTISTA IMPARTIDO POR CLAUDIO ZULIAN
Horario de 16:00 a 20:00 h
Sesións en liña
Horario: de 17:00 a 19:00 h
Neste taller achegarémonos a unha lectura da cidade como organismo complexo, utilizando como ferramenta primeira o concepto de experiencia estética. Con iso queremos indicar todo o que os diferentes sentidos rexistran dunha cidade e que constitúe o patrimonio común da cidadanía (todos ven as mesmas fachadas, ouven os mesmos ruídos, móllanse pola choiva o mesmo día). Mergullarémonos na experiencia estética da cidade tamén grazas ás diferentes historias que a habitan: sociais, políticas, urbanísticas, locais ou globais. Teremos especial coidado en reflexionar sobre as diferenzas entre as experiencias estéticas dos cidadáns: algúns detalles dos edificios, por exemplo, non os vemos porque non nos parecen significantes.
Teremos en conta, ademais, que unha cidade é un enorme dispositivo produtor de experiencia estética e, neste sentido, ningún achegamento é neutro, senón que forma parte inmediatamente da propia vida urbana.
Para dar un sentido concreto a todas estas cuestións, neste taller poremos o foco no barrio compostelán de San Pedro, adxacente ao CGAC.
Durante o tres sesións presenciais de tres días de duración que terán lugar ao longo do ano 2023 e tomando como punto de partida as experiencias do artista Claudio Zulian en diferentes cidades, levaremos a cabo un proceso de lectura e escoita do barrio e exploraremos posibles camiños de produción cultural, tanto artística como académica ou sociopolítica. Para realizar un adecuado seguimento do traballo, a actividade complementarase con tres sesións en liña adicionais.
Esta nova edición, dá continuidade ao taller impartido por Claudio Zulian en novembro de 2022. Ao longo de 2023 propomos, por unha banda, profundar nas cuestións teóricas que se abordaron entón e, por outra, ampliar o traballo práctico de exploración do barrio de San Pedro.
Sesións presenciais
Horario de 16:00 a 20:00 h
1ª sesión: 12, 13 e 14 de abril
2ª sesión: 31 de maio, 1 e 2 de xuño
3ª sesión: 8, 9 e 10 de novembro
Sesións en liña
Horario: de 17:00 a 19:00 h
1ª sesión: 11 de maio
2ª sesión: 6 de xullo
3ª sesión: 5 de outubro
CLAUDIO ZULIAN (Campodarsego, Padua, Italia, 1960)
Artista visual e sonoro, director de cine e documentais, músico e escritor. Nacido en Italia, actualmente vive en Barcelona. É doutor en Estética, Ciencia e Tecnoloxía das Artes pola Universidade de París-Saint Denis (Francia). As súas obras artísticas e as súas películas tiveron unha difusión internacional. Entre as súas exposicións destacan Histoires d’avenir (Jeu de Paume, París, 2013) e Vidas (CGAC, Santiago de Compostela, 2022). En 2022 estrea a súa última película: La montagna incantata. As súas anteriores longametraxes pódense ver en diferentes plataformas na Rede.
Máis información en www.claudiozulian.com.
Profesionais, estudantes ou persoas interesadas na arte, o cinema, a fotografía, o xornalismo, a antropoloxía, a sociología ou a filosofía, así como persoas interesadas no traballo sociocultural tanto no ámbito urbano como no rural.
Non é necesario ter asistido ao taller anterior.
As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. As solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas recibirán as indicacións precisas para facer efectiva a matrícula.
PRAZO DE INSCRICIÓN: Desde o 23 de marzo até o 5 de abril de 2023 ás 13:00 h
O CGAC entregará un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % dos días