
PINTAR O ESPAZO, PENSANDO O LUGAR. Taller de artista impartido por Almudena Fernández Fariña
Sesións do taller (só para persoas rexistradas): martes 21 - venres 24, de 16:30 a 20:30 h
A relación co lugar resulta fundamental nas formulacións artísticas e intelectuais de Almudena Fernández Fariña. Os seus proxectos site-specific teñen en conta o conxunto de aspectos topográficos, formais, simbólicos, históricos, económicos, políticos, sociais ou institucionais que definen os espazos sobre os que intervén.
A artista redefine os conceptos sobre o pictórico no espazo tridimensional, desafiando as convencións e interrogándose sobre as posibilidades da pintura. Con todo, aínda repetida, desbordada ou descontextualizada, a pintura non deixa de ser pintura.
Almudena Fernández Fariña propón neste taller unha reflexión sobre a integración e diálogo da obra con cada lugar, sabendo diferenciar, recoñecer e valorar a singularidade dos espazos. A primeira sesión consistirá nunha charla aberta ao público na que a artista fará un percorrido desde as primeiras manifestacións artísticas ata a actualidade, con exemplos de artistas que transgrediron os límites do soporte que convencionalmente acolle a representación pictórica —o cadro— para descubrir novas relacións espaciais que adoptan, como novo marco, o muro.
Tras esta sesión, as persoas que participen no taller desenvolverán un proxecto de intervención de debuxo/pintura site-specific para os espazos do CGAC ou para outro espazo proposto por elas mesmas. Un proxecto “non materializable” que se desenvolverá con bosquexos, maquetas, traballo sobre planos, abatementos, debuxos, fotografías, situacións dixitais e a documentación gráfica necesaria para visualizalo con claridade.
Almudena Fernández Fariña (Vigo, Pontevedra, 1970) é artista, doutora en Belas Artes e, desde 2000, docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo). A súa formación pasa pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra (1990-1995), a School of Art and Design de Limerick (1994), a École de Beaux Arts de Le Mans (1996-1997) e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Salamanca (1997-1998).
A súa traxectoria artística comeza a mediados dos anos noventa. Desde entón participou en exposicións monográficas en diversas galerías (SCQ, Santiago de Compostela; VGO, Vigo; Arte Periférica, Lisboa; Astarté, Madrid) e institucións (Centro Torrente Ballester, Ferrol; Espaço T, O Porto; CGAC, Santiago de Compostela).
O seu traballo foi recoñecido con numerosos premios e bolsas entre os que destacan: o Premio de Pintura Francisco de Goya Villa de Madrid (1996), o Premio de Pintura L’Oreal (2000), a bolsa do certame Novos Valores (1994), a bolsa Fundación Caixa Galicia para cursar estudos de máster no estranxeiro (1996) ou a bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2001).
Desde 2002, a súa obra comeza a explorar o espazo máis aló do cadro, presentando proxectos específicos en centros de arte e institucións como o museo Marco de Vigo, o Museo de Pontevedra, a Fundación Barrié da Coruña ou o CGAC, entre outros.
En paralelo á súa actividade artística, desenvolve un intenso labor de investigación teórica no ámbito da pintura contemporánea. O ensaio titulado Lo que la pintura no es (2011) recibiu o Premio Extraordinario de Tese da Universidade de Vigo (2008-2009), e o Premio Provincial á Mocidade da Deputación Provincial de Pontevedra na categoría de Investigación (2009). Entre as súas publicacións máis recoñecidas cabe destacar Pintura site, editada por Dardo en 2014. Unha selección dos seus textos e artigos pódese atopar en liña nos portais Academia.edu e Researchgate.net.
A súa obra forma parte da colección do MAC de Madrid, do Museo de Pontevedra, do Consello de Contas de Galicia, da Fundación Caixa Madrid, da Deputación da Coruña, da Colección L’Oreal, da Colección MICA ou da Colección CGAC.
PERSOAS DESTINATARIAS
O taller está dirixido a artistas, a estudantes de Belas Artes e disciplinas afíns, ao profesorado de educación artística e, en xeral, a calquera persoa adulta interesada na arte contemporánea.
INSCRICIÓN
A asistencia á charla aberta do luns 20 de novembro no auditorio é libre e de balde. Non se require inscrición previa.
O prazo de inscrición para participar no taller estará aberto do 21 de outubro ao 7 de novembro. As persoas interesadas poderán inscribirse enviando a cgac.pedagogia@xunta.gal unha mensaxe electrónica cos seguintes datos: nome e apelidos, DNI, área de traballo ou interese, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas dun escrito de motivación e dun breve currículo da persoa aspirante.
Unha vez aceptada a solicitude, as persoas rexistradas recibirán as indicacións precisas para facer efectiva a matrícula.
CERTIFICACIÓN
O CGAC entregará un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.