rosendo_cid

PRESENTACIÓN AO PÚBLICO DO PREMIO CGAC_Ensaio

28 Abril 2021
18:30 horas
Coordinación:
Carmen Hermo Martínez

En decembro de 2020 saíu do prelo A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, o primeiro libro da serie CGAC_Ensaio, unha colección que nace vinculada á convocatoria anual dun premio de investigación e ensaio sobre arte contemporánea impulsado polo museo desde 2018. O autor deste primeiro título é Rosendo Cid (Ourense, 1974), que nos regalou unha divertida reflexión acerca da práctica artística contemporánea, un texto de gran calidade literaria escrito cun enfoque moi persoal e marcado por dúas estratexias omnipresentes na obra plástica do artista ourensán, o humor e a ironía.

A aposta do CGAC pola creación ensaística en lingua galega terá continuidade coa publicación nos próximos meses dos textos premiados nas edicións de 2019 e 2020: “Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea”, de María Marco, e “Memoria do azul. A afección monocroma do contemporáneo”, de Laura Calvo Gens.

O lanzamento da colección supuxo ademais unha oportunidade única para colaborar con un dos talentos emerxentes da gráfica galega, a deseñadora experta en tipografía e cofundadora do selo M TypNe María Ramos. Ela é a autora da fonte tipográfica Trisco CGAC, signo distintivo da colección, e a responsable do deseño da cuberta deste primeiro número da serie.

O mércores 28 de abril ás 18:30 horas terá lugar no auditorio do CGAC un acto de presentación do Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea, no que participarán Anxo Manuel Lorenzo, secretario xeral de Cultura, os autores e autoras premiadas nas tres primeiras edicións Rosendo Cid, María Marco e Laura Calvo Gens, a deseñadora María Ramos e o director do CGAC Santiago Olmo.

As persoas que desexen asistir deberán inscribirse previamente enviando unha mensaxe co seu nome apelidos e número de teléfono a cgac.prensa@xunta.gal