FOTO SESION DE IOGA E ARTE NO DOBLE ESPAZO

RESPIRAR A ARTE. SESIÓNS DE IOGA NO CGAC

25 Abril 2024 - 30 Novembro 2024
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Paula Toimil
Prazas:
As prazas dispoñibles poderán variar en función das exposicións que se visiten.

O obxectivo deste programa é fomentar e facilitar o diálogo entre o público e a arte contemporánea co ioga como ferramenta para a mediación. Ao longo do ano levaremos a cabo unha serie de sesións de ioga que terán como marco as exposicións dos artistas Antón Lamazares, Concha Jerez, José Iges e Mar Caldas. Recorreremos tamén ao espazo natural do parque de Bonaval, deseñado por Álvaro Siza Vieira en colaboración coa paisaxista galega Isabel Aguirre; á escultura de Eduardo Chillida Porta da música, instalada no mesmo parque, e á suxestiva arquitectura da cuberta do CGAC, coa peza permanente de Dan Graham Triangular Pavilion como referencia. Cada clase será creada ad hoc, de xeito que a temática das secuencias de ioga e as asanas (posturas corporais) estarán directamente relacionadas coas pezas de arte, coa arquitectura ou coa paisaxe. Cada asana posúe unha forma xeométrica e arquitectónica exacta. Trátase dunha linguaxe simbólica que tamén aparece moitas veces no mundo da arte. Esta actividade conxugará o simbolismo do ioga co simbolismo da arte e cos lugares a onde nos leva a súa contemplación. Paula Toimil realizará unha visita comentada ás mostras e nutrirase de conceptos, formas, cores, dimensións, materia ou luz para trasladar estes parámetros ao nosos corpos e convidar o público a vivir física, emocional e espiritualmente a arte. Levaremos a atención cara a dentro a través da respiración e das posturas procurando un exercicio de escoita persoal que nos permita tanto aprender da arte como coidar do noso interior.

Programa:

SESIÓNS

Xoves 25 de abril de 18:30 a 20:00 h. Prazo de inscrición: do 15 ao 22 de abril de 2024

Xoves 30 de maio de 18:30 a 20:00 h. Prazo de inscrición: do 20 ao 27 de maio de 2024

Sábado 15 de xuño de 11:00 a 12:30 h. Prazo de inscrición: do 5 ao 10 de xuño de 2024

Martes 18 de xuño de 18:30 a 20:00 h. Prazo de inscrición: do 12 ao 14 de xuño de 2024

Mércores 16 de outubro de 18:30 a 20:00 h. Prazo de inscrición: do 7 ao 14 de outubro de 2024

Sábado 30 de novembro de 11:00 a 12:30 h. Prazo de inscrición: do 21 ao 27 de outubro de 2024

 

Imparten:

PAULA TOIMIL (Lalín, Pontevedra, 1983) compaxina o seu traballo de educadora de museos co de profesora de ioga. Desde 2020 é membro do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no que leva desenvolvido proxectos didácticos para máis de vinte exposicións, así como para a arquitectura e os espazos verdes do Gaiás. É diplomada en Turismo pola UDC e mestra en Educación e Museos pola Universidade de Murcia. No eido do ioga, recibiu a súa ormación nas escolas Almazen de Yoga e Escuela Internacional de Yoga, ambas a dúas avaladas por Yoga Alliance. Imparte esta disciplina en diferentes espazos de Santiago de Compostela e leva practicándoa máis dunha década.

Persoas destinatarias:

Persoas iniciadas no ioga e interesadas no mundo da arte

Inscrición:

Esta actividade é de balde. As persoas interesadas poden enviar a cgac.educacion@xunta.gal unha mensaxe electrónica. Nela deberán indicar os seguintes datos: nome, apelidos, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.

As persoas que participen nesta actividade deberán traer a súa esteira, roupa cómoda e unha manta para a relaxación final.