
RUTA O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ 2022
A arquitectura e o urbanismo contemporáneos son os grandes descoñecidos da cidade de Compostela. Esta ruta recolle unha mostra das actuacións feitas nos últimos cincuenta anos que, de forma continua, foron definindo e singularizando a zona norte da cidade. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, do diálogo entre a tradición e a modernidade, da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas....
Partiremos do exterior do CGAC e falaremos da importancia desta primeira obra de Álvaro Siza Vieira en Santiago de Compostela. Continuaremos a camiñada deténdonos noutros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, como o conxunto da avenida Xoán XXIII; a Biblioteca Pública de Santiago, Ánxel Casal, de Andrés Perea; a residencia do presidente da Xunta de Galicia, de Manuel Gallego Jorreto; a quinta Simeón, tamén coñecida como parque de Vista Alegre, con intervencións de César Portela, Arata Isozaki e Antón García Abril; e o Auditorio de Galicia, de Julio Cano Lasso.
Remataremos o paseo, regresando á arquitectura de Siza, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
A finalidade última desta actividade é animar a todas as persoas participantes a pasear pola cidade e a que descubran as arquitecturas e os espazos urbanos máis novos.
Carmen Rey (Santiago de Compostela, A Coruña, 1970) titulada superior en Arquitectura, na especialidade de Edificación, pola Universidade da Coruña. Traballa no exercicio libre da profesión desde o ano 2000.
Como integrante da Xunta de Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, desde xullo de 2016 representa esta institución como membro (titular e suplente) do Grupo Relator Técnico e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Plan especial da cidade histórica de Santiago (PE-1) do Concello de Santiago. Ademais é socia de Arquitectos sen Fronteiras de Galicia e, desde marzo de 2019, membro individual do Comité Nacional Español de Icomos.
A actividade é de balde e para participar é necesario inscribirse previamente enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo, número de teléfono, enderezo electrónico e estudos, área de traballo ou interese. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.
9 de abril
Inscrición do 4 ao 8 de abril
14 de maio
Inscrición 9 e 10 de maio
11 de xuño
Inscrición 6 e 7 de xuño
17 de setembro
Inscrición 13 e 14 de setembro
8 de outubro
Inscrición 3 e 4 de outubro
26 de novembro
Inscrición 21 e 22 de novembro
17 de decembro
Inscrición 12 e 13 de decembro