
RUTA O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA COMPOSTELÁ 2023
A arquitectura e o urbanismo contemporáneos son os grandes descoñecidos da cidade de Compostela. Esta ruta recolle unha mostra das actuacións feitas nos últimos cincuenta anos que, de forma continua, foron definindo e singularizando a zona norte da cidade. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, do diálogo entre a tradición e a modernidade, da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas....
Partiremos do exterior do CGAC e falaremos da importancia desta primeira obra de Álvaro Siza Vieira en Santiago de Compostela. Continuaremos a camiñada deténdonos noutros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, como o conxunto da avenida Xoán XXIII; a Biblioteca Pública de Santiago, Ánxel Casal, de Andrés Perea; a residencia do presidente da Xunta de Galicia, de Manuel Gallego Jorreto; a quinta Simeón, tamén coñecida como parque de Vista Alegre, con intervencións de César Portela, Arata Isozaki e Antón García Abril; e o Auditorio de Galicia, de Julio Cano Lasso.
Remataremos o paseo, regresando á arquitectura de Siza, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
A finalidade última desta actividade é animar a todas as persoas participantes a pasear pola cidade e a que descubran as arquitecturas e os espazos urbanos máis novos.
Imparten:
Carmen Rey (Santiago de Compostela, A Coruña, 1970) titulada superior en Arquitectura, na especialidade de Edificación, pola Universidade da Coruña. Traballa no exercicio libre da profesión desde o ano 2000.
Como integrante da Xunta de Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, desde xullo de 2016 representa esta institución como membro (titular e suplente) do Grupo Relator Técnico e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Plan especial da cidade histórica de Santiago (PE-1) do Concello de Santiago. Ademais é socia de Arquitectos sen Fronteiras de Galicia e, desde marzo de 2019, membro individual do Comité Nacional Español de Icomos.
14 de xaneiro
Inscrición 9 e 10 de xaneiro
11 de febreiro
Inscrición 6 e 7 de febreiro
25 de marzo
Inscrición 20 e 21 de marzo
29 de abril
Inscrición 24 e 25 de abril
20 de maio
Inscrición 11 e 12 de maio
10 de xuño
Inscrición 5 e 6 de xuño
23 de setembro
Inscrición 18 e 19 de setembro
28 de outubro
Inscrición 23 e 24 de outubro
11 de novembro
Inscrición 6 e 7 de novembro
16 de decembro
Inscrición 11 e 12 de decembro
A actividade é de balde e para participar é necesario inscribirse previamente enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo, número de teléfono, enderezo electrónico e estudos, área de traballo ou interese. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.