lecer22.png

TALLERES DE LECER

05 Xullo 2022 - 22 Xullo 2022
Horario: 11:00 a 13:00 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Helena Salgueiro

Este verán, os Talleres de lecer serán un observatorio do corpo para os nenos e as nenas.

Exploraremos unha exposición do CGAC por cada franxa de idade, ao longo de catro días cada unha, da man da creadora escénica e escritora Helena Salgueiro. Centrarémonos no corpo e en como este, mediante a arte e a linguaxe, nos axuda a observar e a descubrir cousas acerca de nós mesmos e tamén acerca dos demais.

Estes talleres ofrécenlles aos nenos e ás nenas unha oportunidade única de establecer un contacto directo con profesionais de diferentes ámbitos da cultura e da arte, coñecer algunhas das claves da arte contemporánea, adquirir ferramentas para a creación e gozar experimentando.

Para desenvolver as actividades, aproveitaremos diferentes espazos da arquitectura de Álvaro Siza Vieira e da contorna do CGAC, como as salas de exposición, a cuberta do edificio e os xardíns do parque de Bonaval.

Corpo paisaxe

Do 5 ao 8 de xullo

Horario: de 11:00 a 13:00 h

Idade: de 4 a 6 anos

Prazas: 15

Durante unha semana, experimentaremos co concepto de escritura espacial e do corpo como paisaxe, para o que tomaremos como referencia a exposición Nalgures, da artista Narelle Jubelin.

Investigaremos como se relaciona o corpo coa arquitectura e co clima, e como se relaciona un corpo individual co corpo colectivo.

Integraremos nocións como a escritura e o debuxo a través do movemento.

Trataremos o propio corpo como unha paisaxe externa e interna (con movementos, emocións, temperaturas, volume, texturas, ciclos, sons e organismos únicos e propios…). Como pode o son da auga facer que me mova de xeito diferente? Se o meu estómago fose un museo, como o deseñaría? Cantos puntos podo sinalar no espazo?

Para todo iso, usaremos referentes como o método de danza Laban, a técnica dos viewpoints, o body weather, os bosquexos de Leonardo da Vinci, as artes marciais, as partituras de danza, as cartografías e a caligrafía.

Corpo arquivo

Do 12 ao 15 de xullo

Horario: de 11:00 a 13:00 h

Idade: de 7 a 8 anos

Prazas: 20

Neste taller, achegarémonos ao concepto de arquivo traducido ao corpo. Partiremos da mostra O arquivo, de Raniero Fernández, e preguntarémonos: Que xestos arquivamos? Que arqueoloxía persoal temos? Que movementos repetimos máis? Como inflúen o lugar onde vivimos e as tradicións nos nosos movementos? De que xeito a sociedade ou o mundo dos adultos modifican os nosos hábitos corporais? Que xestos herdamos da familia?

Xogando tamén coa fotografía, o vídeo e o diario, investigaremos o xeito de actuar da nosa anatomía como se dun álbum familiar se tratase. Reflexionaremos sobre a relación do momento presente co pasado e do movemento coa quietude a través do corpo (igual que unha fotografía pode capturar un instante en movemento e quedar inmóbil).

Os contidos do taller estarán vinculados á socioloxía e ao estudo da fotografía de Pierre Bourdieu, aos inicios do cinema, ao zootropo e ás bailarinas Trisha Brown e Farah Saleh.

Corpo museo

Do 19 ao 22 de xullo

Horario: de 11:00 a 13:00 h

Idade: de 9 a 12 anos

Prazas: 20

Tomando como referencia a exposición O museo como escenario e as obras de Rosana Antolí, Berio Molina e Marta Pazos, neste taller traballaremos arredor dos conceptos das esculturas efémeras, das tableaux vivants (pinturas viventes) ou das One Minute Sculptures de Erwin Wurm.

Crearemos miniaccións co noso corpo, que trataremos como un material para exhibilo no espazo. Coreografaremos a exposición como se dunha escultura que cobra vida se tratase. Buscaremos novas formas e trataremos de distanciarnos daquilo que somos usando o corpo como instrumento.

Veremos como as artes visuais se relacionan coas artes escénicas e de que xeito unha acción pode ser unha obra de arte, e viceversa.

Inscrición:

Os talleres son de balde.

As solicitudes de inscrición poderán presentarse desde o 9 de xuño ata o 1 de xullo ás 13:00 h, a través do enderezo electrónico cgac.educacion@xunta.gal, e deberán conter os seguintes datos: o nome completo e a idade dos nenos e das nenas participantes, un número de teléfono e un enderezo de correo electrónico de contacto, o título do taller no que desexan inscribirse e o nome e número de DNI das persoas autorizadas para recoller os menores no CGAC unha vez finalizada a actividade.

Poderanse inscribir un máximo de dous participantes por solicitude. O CGAC confirmará mediante unha mensaxe electrónica a recepción e o estado das inscricións.

O número de prazas dispoñibles para participar nas actividades do CGAC pode variar en función das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias fronte á covid-19