Viaxe espacial-52.jpg

TALLERES DE NADAL 2021

28 Decembro 2021 - 29 Decembro 2021
11:00-12:30 h
CGAC
Coordinación:
Gema Baños
Dirección:
Rebeca Mariño, Natalia Santamaría
Prazas:
15 e 10

TALLERES DE NADAL 2021

 

28 e 29 de decembro de 2021

Actividade de balde. É preciso inscribirse.

Durante as vacacións do Nadal, o CGAC acolle dous talleres dirixidos a nenos e nenas arredor da suxestiva exposición Camiños II. Unhas actividades dirixidas aos máis pequenos coas que poderán experimentar e explorar a arte contemporánea. Un tempo para coñecer os procesos creativos e mergullarse neles a través das linguaxes, soportes, materiais, técnicas e conceptos propios da arte máis actual.

Para os máis novos, Rebeca Mariño e Natalia Santamaría deseñaron dous obradoiros arredor do camiño e da natureza como escenario de paseos e cambios lumínicos, cromáticos, climáticos e ambientais.

 

Pegadas na paisaxe

28 e 29 de decembro

Horario: 11:00-12:30 h

Para nenas e nenos de 7 a 9 anos

Prazas: 15

A partir da exposición Camiños II, internarémonos no mundo da arte contemporánea a través das propostas agochadas nas obras de diversos artistas como Andrés Pinal, Irene Grau, Jorge Barbi ou Marina Abramović. Pasear, camiñar, andar, peregrinar poden levarnos a vivir grandes aventuras por paisaxes aínda inexploradas. Igual que os artistas desta exposición, buscaremos diversas estratexias para deixar a nosa pegada sobre o camiño.

A partir de sombras proxectadas, crearemos unha paisaxe propia e personaxes que interactúen con ela guiados polos sinais lumínicos dos nosos particulares faros.

 

Un mesmo camiñar

28 e 29 de decembro

Horario: 11:30-12:30 h

Para nenas e nenos de 5 a 6 anos

Prazas: 10

O museo tamén é un refuxio, un lugar de encontro no que conversar, pescudar e aprender en compañía. Xuntos percorreremos a exposición Camiños II na busca de novas relacións coa arte contemporánea.

Utilizaremos o noso corpo como ferramenta para a creación, paseando, camiñando por montañas nevadas, atravesando ríos saltando de pedra en pedra e bosques queimados baixo ceos estrelados, comunicándonos a través de códigos lumínicos sinxelos coma os dos faros que guían os barcos nas súas travesías.

INSCRICIÓN

Os talleres son gratuítos. As solicitudes de inscrición poderán presentarse do 13 ao 20 de decembro de 2021 ás 13:00 h enviando unha mensaxe de correo electrónico a cgac.pedagogia@xunta.gal. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico, nome e hora do taller no que desexan inscribirse. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. Cada unha das persoas solicitantes recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

 

O número de prazas dispoñibles para participar nas actividades do CGAC pode variar en función das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias fronte á COVID-19.