
TALLERES DE NADAL 2022 CENTRO GALEGO DE ARTE CONTEMPORÁNEA
Volven os Talleres de Nadal ao CGAC para mergullarnos, xunto aos máis pequenos, na arte contemporánea desde a experimentación e o desfrute.
Nesta ocasión, o centro acolle dous talleres inspirados na exposición Camiños III, que servirá como punto de partida para xogar cos movementos e sensacións do noso corpo, explorar conceptos como o camiñar, experimentar con materiais da natureza e entender a importancia de coidar o medio ambiente.
Imaxinar a paisaxe
27, 28 e 29 de decembro
Horario: 11:00-13:00h
Para nenas e nenos de 7 a 9 anos
Prazas: 20
Como pode inspirarnos a natureza? Cal é o noso camiño favorito?
Nesta aventura, os nosos corpos poderán converterse en lugares para a exploración a través do movemento e das sensacións, debuxaremos novos camiños e deixarémonos sorprender polas posibilidades de traballar coa natureza.
Empregaremos diferentes métodos e materiais como a colaxe, faremos composicións con materiais da natureza e xogaremos a construír espazos para sorprendernos co que temos máis preto, imaxinando novos mundos e construíndo as nosas paisaxes ideais. Tamén usaremos o corpo para deixar as nosas pegadas.
Un mundo por percorrer
3, 4 e 5 de xaneiro
Horario: 11:00-12:30 h
Para nenas e nenos de 4 a 6 anos
Prazas: 20
Seguindo a pista de artistas como Mona Hatoum, Juan Lesta, Damián Ucieda ou Jürgen Partenheimer, imos experimentar coas posibilidades e mundos que se abren a través do camiño. O corpo será un novo espazo de creación, e a través del investigaremos e activaremos novas sensacións.
Preguntarémonos como mellorar as nosas vilas, cidades e montes para construír novas paisaxes utilizando técnicas como a colaxe, a construción e as composicións con obxectos atopados. Tamén nos aventuraremos por percorridos inexplorados inspirándonos na performance.
Os talleres son de balde. As solicitudes de inscrición poderán presentarse do 2 de novembro ao 29 de decembro de 2022 ás 13:00 h enviando unha mensaxe de correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e nome do taller no que desexan inscribirse. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. Cada unha das persoas solicitantes recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.