Talleres experimentais de arquitectura contemporánea. MIES É + (2020/2021)

Talleres experimentais de arquitectura contemporánea. MIES É + (2020/2021)

24 Outubro 2020 - 30 Maio 2021
11:00h - 13:00h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Fermín Blanco
Prazas:
12

O CGAC presenta a sexta edición deste ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea para o público infantil. E como vén sendo habitual pecharemos o programa cun taller dirixido ás familias.

Os talleres, que teñen lugar a última fin de semana de cada mes, desenvólvense baixo a dirección do arquitecto e educador Fermín Blanco co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo. O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.

O Sistema Lupo aposta por unha didáctica activa, experimental, mestura de teoría e práctica onde o xogo é o verdadeiro aglutinante dunha dinámica creativa de carácter cooperativo.

Os temas serán tratados transversalmente empregando a arquitectura como fío condutor. Valerémonos da figura de diversos autores para introducirnos en mundos creativos a través do seu pensamento.

O proxecto educativo baséase tanto na xeración de didácticas como no deseño de recursos a partir de todo tipo de materiais (madeiras, membranas, escumas, arxilas, combinados sintéticos, etc.) e exploracións no mundo inmaterial que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción. A dinámica proposta fomenta a reflexión e a creatividade individual, así como o traballo en equipo a través do xogo e a construción a grande escala.

Nesta edición profundaremos novamente no pensamento dos grandes pioneiros co habitual acento nas nosas pioneiras. Viaxaremos entre os manifestos de Scott Brown e as conexións arte-industria de Gropius, apoiadas en metodoloxías de educación activa e experimental. As artes aplicadas terán un protagonismo especial da man de Margaret Macdonald e a visión artística estará ligada á parella formada por Christo e Jeanne-Claude así como á figura de Yona Friedman. Os talleres de febreiro e marzo constitúen pois o noso particular tributo a dous grandes talentos recentemente desaparecidos. Por último, abordaremos a práctica do codeseño baseándonos nas experiencias de Stanley King e Susan Chung en Vancouver, e pecharemos o programa anual cun taller familiar sobre o activismo artístico e o compromiso coa visibilización da infancia da man de Palle Nielsen.

Programa:

Talleres infantís

OUTUBRO. Denise Scott Brown. Aprendendo das Vegas (ADIADO ATE NOVO AVISO)

O manifesto arquitectónico a través dunha viaxe á arquitectura do lecer

  • Sábado, 24 de outubro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
  • Domingo, 25 de outubro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
  • Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 13 ao 23 de outubro

 

NOVEMBRO. Walter Gropius. Creando escola (EDICIÓN ONLINE)

Arte e industria: a educación experimental en arquitectura

  • Sábado, 28 de novembro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
  • Domingo, 29 de novembro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
  • Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 16 ao 27 de novembro

 

XANEIRO. Margaret Macdonald. A obra de arte total

  • Sábado, 30 de xaneiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
  • Domingo, 31 de xaneiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
  • Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 18 ao 29 de xaneiro

 

FEBREIRO. Christo e Jeanne-Claude. Land Art

A intervención de edificios a escala natural

  • Sábado, 27 de febreiro. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
  • Domingo, 28 de febreiro. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
  • Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de febreiro

 

MARZO. Yona Friedman. A arquitectura móbil

Xogos de módulos, crecementos infinitos

  • Sábado, 27 de marzo. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
  • Domingo, 28 de marzo. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
  • Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 26 de marzo

 

ABRIL. Stanley King e Susan Chung. Codeseño

Procesos de participación e análise crítica

  • Sábado, 24 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
  • Domingo, 25 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
  • Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 12 ao 23 de abril

 

Taller especial para familias

MAIO. Palle Nielsen. Infancia e activismo

A creatividade e a infancia como ferramenta de cambio social

  • Sábado, 29 de maio. Para familias con nenos e nenas de 6 a 8 anos
  • Domingo, 30 de maio. Para familias con nenos e nenas de 9 a 11 anos
  • Prazas: 5 familias / Prazo de inscrición: do 18 ao 28 de maio
Imparten:

Patricia González e Víctor González, arquitectos.

Inscrición:

Todos os talleres son gratuítos. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto, e nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.