T.FAMILIAS. A escena! Marta Minujin-27.jpg

TALLERES PARA FAMILIAS 2022. UNHA VIAXE ATA PERÚ

02 Abril 2022 - 22 Maio 2022
Horario: De 11:00 a 13:00h
Dirección:
Gema Baños / Sara Donoso
Prazas:
10 menores, acompañados cada un por un máximo de 2 familiares adultos en cada taller

Volvemos cunha nova edición dos talleres para familias no CGAC continuando o percorrido polo mundo a través da arte e das culturas de distintos países. Esta vez viaxamos ata Perú, onde descubriremos dous artistas moi diferentes: Sandra Gamarra e Aldo Chaparro. Exploraremos os seus traballos para inspirarnos e entender a súa historia, xogar coas cores e cos volumes e descubrir que moitas veces as cousas non son o que parecen ¡e que temos o poder de mudalas!

 

 

 

 

 

 

Programa:

Un mundo ideal. Sandra Gamarra

Sábado 2 de abril. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo 3 de abril. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 24 ao 31 de marzo

Sandra Gamarra é unha artista á que lle encanta a historia. Interésalle saber e informarse sobre como funciona o mundo porque está convencida de que a arte pode servir para melloralo.

Neste taller aprenderemos a narrar historias partindo do azar, xogaremos coa colaxe, as palabras e as imaxes para crear combinacións sorprendentes. Tamén descubriremos o que acontece cando modificamos só unha parte dos obxectos cotiáns, outorgándolles outro significado, e empregaremos a imaxinación para construír o noso propio mundo ideal.

 

A rebelión da forma. Aldo Chaparro

Sábado 21 de maio. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo 22 de maio. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 12 ao 19 de maio

As relacións entre a pintura, o deseño e a escultura son esenciais no traballo de Aldo Chaparro. Xogando coa combinación de formas e cores, traballaremos con diferentes formatos e materiais e aprenderemos a expresar sentimentos a través das nosas mans e dos obxectos empregados

 

Imparten:

SARA DONOSO (Redondela, Pontevedra, 1989) é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Belas Artes na Facultade de Pontevedra (UVigo). Conta con experiencia pedagóxica adquirida en diferentes colexios e institucións nos que desenvolveu actividades de mediación e educación artística. Traballa no eido da crítica de arte, o comisariado, a educación e a xestión cultural.

Inscrición:

Os talleres son gratuítos e para participar é necesario enviar, dentro dos prazos establecidos para cada un deles, unha mensaxe por correo electrónico a onlinecgac@gmail.com e indicar o título da actividade o día no que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un enderezo electrónico.

Só serán admitidas as solicitudes daquelas persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.