Este proxecto, organizado xunto á Asociación Cultural Sen Marco, trata de aplicar as teorías artísticas de Mónica Alonso e nace co desexo de poñer as manifestacións artísticas contemporáneas ao servizo dos nenos e nenas hospitalizados/as e dos seus familiares, nun intento por mellorar a súa calidade de vida durante unha situación sempre difícil. Ao involucrar os nenos e nenas no proceso creativo que supón a realización dunha obra de arte facilítase a súa estadía e lecer, ao tempo que se promove un proceso de aprendizaxe e aproximación á creación contemporánea que, á vez, implicará outras persoas relacionadas con eles (familiares, médicos, persoal hospitalario) e repercutirá directamente na mellora desa experiencia.
- Inicio
- Busca
Busca
CICLO NOVO CINEMA GALEGO 28 abril - 16 xuño O éxito do filme Todos vós sodes capitáns na Quincena de Realizadores de Cannes 2010, co seu director, o galego Oliver Laxe, convertido no único representante español no festival, puxo de manifesto a existencia dunha nova xeración de creadores cinematográficos no noso país. As obras máis interesantes, as que teñen maior repercusión fóra de Galicia, están feitas á marxe da industria por un grupo heteroxéneo de autores novos, con intereses e actitudes moi diversas, mais con certos puntos comúns que autorizan a pensar en termos xeracionais. Autores que rachan cunha liña continuísta empeñada en seguir fórmulas industriais que hai anos que se demostraron caducas, non xa no que atinxe aos seus méritos artísticos senón tamén no que se refire á súa viabilidade financeira nun momento de cambio de paradigma coma o que estamos a vivir.
A proliferación de equipamentos culturais por toda a xeografía ibérica xerou un mapa aparentemente amplo de puntos de produción artística. A abundancia de salas de exposicións, centros e museos de todas as escalas indica un investimento moito maior do que en épocas pasadas. Aínda que, desde o punto de vista económico, o impacto destas institucións resulta incuestionable, a súa capacidade de xerar ou acoller propostas innovadoras, que supoñan un avance nos coñecementos e nas prácticas artísticas, vese en certo modo coutada por uns modelos de xestión pactados e unha énfase evidente na arte consagrada. Fronte a esta realidade, convén agora mergullarse na faciana menos visible do complexo e poliédrico mundo da creación. Para iso, non abonda con describir as institucións faro, senón que resulta necesario ampliar o campo de traballo incluíndo outras redes que poderiamos denominar alternativas: espazos socioculturais esquecidos, redes virtuais ou canles de radio e televisión minoritarias. En relación con elas, este seminario: un achegamento crítico ao concepto e posibilidade de desenvolvemento das canles alternativas de creación.
O VISIBLE E O VISUAL 11-12 xullo O CGAC invita a artistas profesionais ou en formación a participaren nun encontro con Ignasi Aballí, no cal se debaterá acerca da importancia e da hexemonía do visual sobre outros sentidos no mundo contemporáneo. A presenza e mais a produción compulsiva de imaxes fan necesaria unha reflexión sobre como desde a arte se poden abordar as cuestións da visibilidade, adoptando un punto de vista crítico e unha actitude de resistencia e cuestionamento fronte ás dinámicas dominantes. Se o concepto de “o visible” fai referencia a todo o que percibimos a través do sentido da vista, o de “o visual” suporía a análise e a reflexión acerca de como a arte toma posicións fronte á produción de novas imaxes e a súa función nun mundo tan saturado delas. No encontro debaterase sobre a exposición No aire que Ignasi Aballí inaugurará na Fundación RAC de Pontevedra uns días antes e a súa relación con outros proxectos anteriores, e sobre o traballo dos participantes no mesmo.
O ciclo Cines de Afganistán ten entre os seus obxectivos omitir os imaxinarios sociais a miúdo instrumentalizados a través dos patróns visuais que impoñen os medios de comunicación convencionais, cuxa percepción, en canto se refire ás mulleres afgás, tende a segregar as distintas realidades e situacións que viven e, en consecuencia, a afogar as resistencias como posibilidades para xerar un futuro propio.
Como todos os anos o CGAC presenta a súa oferta de talleres para nenos e nenas durante o verán, nesta ocasión organizados para o mes de xullo. Con eles invitamos os pequenos a participaren en diversas experiencias artísticas en relación coa arte contemporánea, que é moito máis que simple visualización, polo que traballarán con sensacións, estímulos e reflexións culturais, buscando as súas propias formas de expresión, dirixidos por dúas profesionais da arte contemporánea en relación coa educación e a infancia. Neves Seara é licenciada en Belas Artes, artista plástica, escenógrafa e directora de diversos talleres artísticos para nenos. Amabel González é comisaria independente, asesora e crítica de arte, ademais de educadora de museo e investigadora da historia do graffiti en Galicia.
En colaboración co Festival Internacional de cine euroárabe de AMAL o CGAC acollerá o ciclo de curtametraxes experimentais entre o 22 e o 23 e do 25 ao 29 de outubro. As proxeccións terán lugar , de xeito ininterrompido, de 16 e as 20 horas no auditorio do centro. Entrada libre até completar aforo.
Este xoves ás 19.30 horas o auditorio do centro acollerá unha conversa entre o artista, Jeff Wall, cuxa exposición será inaugurada o sábado, 12 de novembro. Xunto a el estarán o comisario da mostra, Joël Benzakin, e o director do CGAC, Miguel von Hafe Pérez. A entrada será de balde até completar aforo.
O principio que guía este proxecto é simplemente amosar que a idea non é necesariamente oposta á subxectividade persoal, á poesía ou ao político.
Un ano máis o CGAC únese a celebración de Cineuropa, o festival cinematográfico compostelán que neste 2011 cumpre o seu 25 aniversario. As proxeccións terán lugar no auditorio do centro entre o 15 de novembro ao 2 de decembro. Podedes consultar toda a información sobre horarios e títulos no sitio web do festival.
O CGAC inicia unha nova convocatoria dos talleres de nadal, unha actividade xa clásica na programación do centro durante os meses de decembro e xaneiro. A oferta inclúe dous obradoiros que, centrados na fotografía e a arquitectura, procuran público de entre 7 e 12 anos.
SEN MOVERTE DO SOFÁ O CGAC presenta o proxecto Sen moverte do sofá (proxecto orixinal de Arquitectives). Unha serie de talleres de arquitectura que pretenden dar a coñecer aos participantes diferentes cidades coa axuda doutros compañeiros do territorio español que, coma eles, forman parte do traballo. A través de conexións virtuais, os aprendices de arquitectura, investigan e intercambian información sobre os parecidos e as diferenzas entre as urbes; a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e singularidades, que axudan a entender, de xeito global, os lugares que habitamos. NOTA: O prazo de inscrición non dará comezo até o día 21 de maio
23-25 maio Nos últimos anos, en paralelo á consolidación dun sistema institucional da arte, estamos a asistir ao nacemento de propostas colectivas de produción cultural catalogadas de alternativas ou independentes. O alternativo defínese aquí por contraposición ao institucional (cultura administrada desde unha estrutura estable e profesionalizada), malia que en moitos casos se pode dar un diálogo frutífero entre estes dous ámbitos. A actualidade do fenómeno e a renovación nos parámetros da historia e a teoría da arte están a facer volver a atención cara a espazos e movementos alternativos doutros tempos, en especial os xurdidos nos anos setenta.
SANTIAGO DE LESTE A OESTE: CADERNO DE VIAXE 29 xuño O obxecto deste taller é sacar a creatividade que levamos dentro. Para iso, valerémonos do debuxo como instrumento de linguaxe porque o realmente importante é que os nosos debuxos falen por nós. Que a liña substitúa a letra. O que imos pór en práctica é unha actitude, máis que o desenvolvemento dunha aptitude. Consiste en deixar a mente en branco, non pensar, abrir todos os poros da percepción e deixar que sexa a intuición a que decida o que imos debuxar.
O auditorio do CGAC acollerá o vindeiro xoves, 28 de xuño ás 21 horas a proxección do filme documental N-VI de Pela del Álamo. A fita, producida por Diplodocus Producións, é un percorrido polos seiscentos quilómetros da estrada nacional que durante anos conectaron Galicia e Madrid.
Como cada ano, o CGAC organiza unha nova edición dos talleres de lecer nos meses de xullo e agosto, con propostas de creación inspiradas nas exposicións que vai acoller o centro durante o verán. Os talleres terán unha duración de catro días durante os cales os asistentes poderán reflexionar sobre a importancia da arte para comprender o mundo arredor e han ter a oportunidade de se implicar nos procesos creativos da man dos propios artistas, de xogar, de coñecer, de comunicarse e de experimentar arredor das múltiples linguaxes, soportes, técnicas e conceptos da arte máis actual.
Dirixido por Ángel Faraldo Con esta iniciativa preténdese formar un grupo de creación dixital colectiva no que se reúnan compositores, instrumentistas, artistas sonoros e/ou visuais, e persoas interesadas no eido da música contemporánea na súa máis ampla acepción. O contorno de programación musical Pure Data (Pd) servirá como base para presentar e explorar unha serie de técnicas e ferramentas para a creación de música electrónica experimental, que os participantes poderán manipular, alterar e expandir ao longo das sesións na busca de solucións persoais.
O corpo transparente é un taller de creación artística que, tomando como punto de partida o traballo desenvolvido pola artista donostiarra Esther Ferrer e as súas reflexións acerca da performance, ten como obxectivo fundamental compartir un tempo de experiencia creativa baseado na importancia do presente e na natureza comunicativa das prácticas performativas.
31 outubro O seminario Surrealismo e cinema experimental desenvólvese arredor da mostra Eugenio Granell e o cine: unha película de vinte minutos, que se centra na produción fílmica do artista e completa un percorrido expositivo trazado na cidade de Santiago de Compostela con motivo do centenario do seu nacemento, ofrecendo unha visión poliédrica dun dos creadores e intelectuais máis completos da escena plástica da segunda metade do século vinte.
Proxecto vertebrado mediante a aparición de distintas representacións do desexo e das diversas subxectividades que se enfrontan á norma e ao poder patriarcal.