Carrusel de imaxes de exposición

Terre di nessuno-Arenas Movedizas.jpg
Peza presente na mostra

CONCHA JEREZ E JOSÉ IGES. RESIGNIFICACIÓNS

07 Xuño 2024 - 01 Setembro 2024
Planta baixa, primeira planta e Dobre Espazo
Comisariado:
Alicia Murría

Con relevantes traxectorias individuais Concha Jerez (Las Palmas de Gran Canaria, 1941) e José Iges (Madrid, 1951) desenvolveron de forma paralela, desde hai máis de tres décadas, unha produción común que se contamina e se enriquece na diferenza das súas respectivas linguaxes. A partir do concepto de resignificación, esta mostra conxunta reúne obras realizadas entre 1989 e 2023. Baixo esta idea, o que Iges e Jerez propoñen é, nas súas propias palabras, “unha operación que permite asignarlles a un obxecto, a un medio ou a unha situación calidades ata ese momento inesperadas, imprevistas”. Na filosofía destas obras subxacen formulacións que enunciou Guy Debord tanto no seu libro A sociedade do espectáculo (1967) como na súa obra fílmica.

A través de imaxes fixas e en movemento, obxectos reutilizados, sons cotiáns, fotografías, entrevistas, obras ideadas para radio, videoperformances e documentos —moitos deles procedentes dos medios de comunicación e o seu ruído—, Jerez e Iges compoñen unha especie de paisaxes visuais e sonoras que analizan, tensan, describen e ás veces parodian o mundo que nos rodea. Trátase dun traballo no que conflúen linguaxes que, como o vídeo, a performance, a arte radiofónica ou as instalacións ampliaron as prácticas artísticas tradicionais.

Unha obra como Arenas movedizas (Areas movedizas), videoinstalación datada en 2008, ofrece un despregamento de noticias verdadeiras que parecen falsas e á inversa, sinais que desorientan a quen as contempla e convidan, entre proxeccións e sons, a participar nun xogo onde o real se disolve nun territorio de inseguridade. Mentres, a peza Bazar de utopías rotas aborda temas como os acordos internacionais en defensa dos dereitos humanos, infrinxidos de forma continuada, e faino a través dunha gran mesa de negociacións con espellos, cristais rotos, textos e sons, entre outros elementos. Noutra orde, Viaje a ninguna parte (Viaxe a ningunha parte) aborda, mediante catro acciones gravadas en vídeo en zonas non accesibles ao público no edificio de Tabacalera en Madrid, unha contraposición de tempos que enfronta a un espazo que, creado para ser unha estrutura fabril e abandonada hai varias décadas, vive hoxe novos usos culturais, reflectindo o cambio dos tempos que quedou impreso nas súas paredes. Outras pezas fálannos de temas vixentes como o control exercido sobre a cidadanía, a videovixilancia, o funambulismo da profesión artística, a desinformación ou as continuas agresións aos dereitos humanos. Jerez e Iges botan luz sobre a actualidade, ás veces desde a ironía e outras adoptando un ton poético, pero sempre a partir dunha intelixencia ética.