Carrusel de imaxes de exposición

Priscilla-monge
Obra de Priscilla Monge

PRISCILLA MONGE

06 Xuño 2025 - 07 Setembro 2025
Soto
Comisariado:
Santiago Olmo

A obra de Priscilla Monge foi frecuentemente incluída na escena posconceptual latinoamericana dos noventa, pero hai que ter en conta que neses anos nin Costa Rica nin a rexión centroamericana á que pertence figuraban nos mapas da arte latinoamericana recoñecida internacionalmente.

Formada na Universidade de Costa Rica, onde dominaba unha estrutura docente ligada aos esquemas das belas artes académicas, e tras un período de estancia en Bélxica, retorna ao seu país natal, onde desenvolve unha obra contundente e revulsiva que tende a poñer ao descuberto os sistemas de opresión, exclusión, discriminación e dominio na vida cotiá; en definitiva, todo aquilo do que nin se adoita nin se quere falar: os insultos, os xestos, o incómodo; en definitiva, a pervivencia de formas arcaicas e inxustas nun mundo moderno só en aparencia. Nese sentido as súas obras son pioneiras en moitos sentidos e non só en Centroamérica, onde a súa influencia é decisiva a finais dos anos noventa, cando se produce unha transformación radical do ámbito artístico á vez que se consolidan os tratados de paz e se pechan décadas de conflitos nos diversos países da rexión centroamericana. Na súa obra deses anos abórdanse cuestións como a violación marital e o abuso sexual, a normalización da menstruación, os malos tratos ou o feminicidio, que nese momento aínda estaba por tipificar.

Con todo, as súas obras non son manifestos nin ensaios de investigación e moito menos se achegan ao amarillismo xornalístico. Todo se desenvolve en voz baixa, con ironía e con doses de humor, sacándolle partido ao paradoxal, con resultados enxeñosos, sutís, que permiten reflexionar en silencio.

Nun plano máis visible aparece a confrontación das esferas públicas e privadas das vidas individuais e en sociedade, como escenarios que son vasos comunicantes en permanente tensión. A través de medios e linguaxes tan diversas e contundentes como o téxtil e o bordado, a pintura e a escultura, entendida como colaxe de obxectos atopados ou como a súa manipulación co obxectivo de variar o seu significado e sentido, a luz de neon, o debuxo, o vídeo, a fotografía e o texto, Priscilla Monge, constrúe escenas e situacións de confrontación entre o espazo real do cotián e a súa interpretación social e psicolóxica.

Participou na Bienal da Habana (1997, dirixida por Llilian Llanes), a Bienal de São Paulo (1998, comisariada por Paulo Herkenhoff), a Bienal de Venecia (2001, na sección oficial comisariada por Robert Storr, e 2013, na representación costarriqueña), a Bienal de Limerick (2003, comisariada por Virginia Pérez-Ratton), a Bienal de Sevilla (2004, comisariada por Harald Szemann), a Bienal de Liverpool (2006), ou a Bienal de Pontevedra (2010) e é tamén relevante a súa inclusión en 1999 na mostra comisariada por Gerardo Mosquera, Pervertendo o minimalismo no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, coincidindo cun ciclo de exposicións sobre arte latinoamericana dirixida por M.ª Carmen Ramírez. No CGAC, participou na exposición Camiños III cunha obra centrada na problemática da menstruación no espazo público e en Traballo en equipo, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, cun vídeo de 1999 sobre a problemática dos malos tratos domésticos que pertence á Colección CGAC.

As súas pezas están situadas entre as dimensións significativas do verbal e do visual dos signos e das representacións. Como ela mesma afirma: “Atópanse nun espazo fractal, ese espazo entre a palabra e a imaxe, e viceversa. É nese límite onde a arte xera un lugar seguro e de procura espiritual e, seguramente, de cambio”.

A exposición reúne obras de todas as súas etapas incidindo naquelas cunha especial significación social e propón revisar a súa obra como un traballo anticipatorio e seminal das preocupacións feministas sobre a vida cotiá que hoxe continúan vixentes.