Actividades

O Departamento de Actividades e Educación do CGAC desenvolve o seu programa cunha finalidade primordial: achegar a arte á sociedade a través da análise rigorosa de cuestións cruciais inherentes á actividade artística contemporánea.

Ciclos de cine e de conferencias, talleres, seminarios e concertos constitúen a oferta fundamental de actividades do centro, que procura involucrar un abano de público que oscila desde o sector profesional do mundo da arte e da cultura ata o cada vez máis numeroso colectivo de artistas e estudantes de belas artes e historia, sen esquecer a todas aquelas persoas interesadas na evolución da arte e a reflexión estética.

Ao mesmo tempo, o CGAC desenvolve programas específicos para centros educativos, así como un servizo de visitas guiadas, co propósito de dotar os distintos colectivos que se achegan ao museo das ferramentas necesarias para entender a arte actual e, por extensión, o mundo no que vivimos.

Se desexa recibir información sobre as actividades do CGAC, pode solicitalo enviando unha mensaxe aos seguintes enderezos electrónicos:  
cgac.educacion@xunta.gal
cgac.pedagogia@xunta.gal

O número de prazas dispoñibles para participar nas actividades do CGAC poderá variar en función dos posibles cambios normativos relacionados coa COVID-19.

9 Novembro 2014 - 30 Novembro 2014

Entre o 9 e o 30 novembro volve o festival Cineuropa, este ano na súa XXVIII edición. Como vén sendo habitual o CGAC converterase nunha das súas sedes e acollerá parte da súa programación fílmica.

23 Outubro 2014 - 25 Outubro 2014

O CGAC colabora coa programación de cine do festival WOMEX 14 acollendo as proxeccións abertas de tres filmes baixo o título From Berlin to the World.

18 Setembro 2014 - 19 Outubro 2014

A idea do desprazamento persoal a un espazo xeográfico excéntrico ábrese a factores de índole especulativa, nos cales o individuo se converte en actor protagonista da súa propia existencia pautada, e en xestor animado da súa aceptación na soidade do descoñecido.

6 Outubro 2014 - 11 Outubro 2014

Chegou Curtocircuíto 2014, a edición número once desta cita imprescindible para os amantes do cine da nosa cidade e de Galicia enteira. Despois do ano de transición por mor do cambio na dirección artística, o festival recupera as datas orixinais no mes de outubro coa idea de consolidalas en vindeiras edicións.

4 Xuño 2014 - 6 Xuño 2014

Se hai un cineasta que encarna a vocación reflexiva da modernidade ese é Chris Marker (Neuilly-sur-Seine, 1921 - París, 2012). A partir do diálogo entre textos de gran poder evocador e as artes visuais, Marker concibe a imaxe en múltiples formatos e rexistros e fragua un itinerario estético que gravita sobre o que André Bazin cualificou de “cinema-ensaio”. Para Marker as imaxes constitúen a única memoria plausible do tempo, e isto…

13 Maio 2014 - 15 Maio 2014

Este ciclo presenta catro traballos documentais co obxectivo de achegar a obra dos autores Lois Pereiro, Valentín Paz Andrade, Roberto Vidal Bolaño e Xosé María Díaz Castro, que protagonizaron as últimas edicións do Día das Letras Galegas. Gonzalo E. Veloso, director das catro películas, presenta ese achegamento a través de múltiples voces que percorren a vida e obra dos autores e constrúen, para cada un deles, un retrato calidoscópico único…

10 Abril 2014 - 8 Maio 2014

É The Iron Lady un dos actos máis obscenos do cine antipolítico dos que gardamos recordo, nacido do máis desenfadado reaccionarismo. A haxiografía de Margaret Thatcher, no seu basto acriticismo nunca suficientemente remarcado, sobrevoa de modo ladino a toda unha xeración de cineastas que utilizou a pantalla como defensa, como parapeto dende o cal exercer a autodefensa de todos os que se sentiron violentados pola contrarrevolución conservadora…

27 Marzo 2014 - 3 Abril 2014

Xa é curioso que un dos gags máis famosos da historia da comedia americana e universal, quizais o mellor punchline nunca escrito, fose á conta dun dos maiores tabús do século XX: a transexualidade ou, simplemente, o travestismo.

13 Xaneiro 2014 - 20 Febreiro 2014

As nove películas que conforman este primeiro ciclo de cinema do CGAC en 2014 abren as súas ás sobre o que foi o século XX italiano.