TALLERES DE LECER

10 July 2012 - 21 December 2012

A performance, a idea de infinito, a exploración do tempo, o xogo da repetición, a palabra, o autorretrato… son conceptos recorrentes na obra da artista Esther Ferrer, que servirán de punto de partida para dous talleres nos que se afondará na conciencia do corpo e a xestualidade, da man do actor Marcos PTT Carballido, ou no emprego de recursos mínimos e cotiáns para a creación de imaxes, a partir da fabricación dunha cámara estenopeica, co fotógrafo Miguel Calvo.
Por outro lado, o universo surrealista de Eugenio Granell, levará á deriva un cinema de produción infantil dirixido pola deseñadora gráfica e fotógrafa María Caramés, a composición dunha banda sonora disparatada co musicólogo Saúl Cacharrón e a ilustración dunha curta co debuxante Iván Suárez.

TALLER DE CINEMA SURREALISTA. UN PERRO GALEGO
10-13 de xullo
Dirixido por María Caramés
11:00-13:00 h
Prazas: 15
Idade: 4-6 anos
“Ningún outro invento como o cinema incidiu tanto na vida das persoas do século vinte, polo menos no que se refire ao exercicio de imaxinar, de provocar soños e desexos colectivos ou de acceder aos pensamentos e as ideas dos outros, ás fantasías e reflexións propias e alleas. A luz do cinema alumeou o paso á creatividade e á sensibilidade cara a un caudal xeneroso: o poder perpetuarse no tempo”.
Hugo Lara
O taller vaise centrar na elaboración dunha pequena produción cinematográfica, potenciando as capacidades de expresión corporal e creatividade, explorando diferentes xeitos de crear historias de ficción mediante o xogo, o humor, as sombras e os soños, e empregando as pautas do cinema de vangarda e do mundo surreal.


TALLER DE CLOWN, CABARÉ E EXPRESIÓNCORPORAL.NONCONTROLES
16-19 de xullo
Dirixido por Marcos PTT Carballido
11:00-13:00 h
Prazas: 20
Idade: desde os 14 anos
Un obradoiro para corpos durmidos e comunicadores aburridos! Aprendemos a falar, a escribir, a ler, a manexar aparellos… pero pouco sabemos de expresarnos cos nosos corpos. Este obradoiro é para darnos unhas vacacións de nós mesmos, para non reflexionar, para movernos, para suar, para facer moitas desas cousas coas que nos atreveriamos todos os días se non houbese unha voz que nos dixera “vas dar a nota”, “van pensar que eres unha tola”, “vaime mirar todo o mundo”... Traballaremos bailando, movéndonos, andando, desinhibíndonos, gozando co ridículo e coa nosa sensualidade.

TALLER DE CÓMIC E ILUSTRACIÓN. O GLOBO VERMELLO
23, 24, 26 e 27 de xullo
Dirixido por Iván Suárez
11:00-13:00 h
Prazas: 20
Idade: 7-9 anos
Os asistentes a este taller, poderán aprender e experimentar de primeira man, todo o proceso de creación dun libro ilustrado e un cómic: a idea de partida, o texto, os bosquexos, os materiais, a cor…, e todo iso apoiado con material gráfico como, pranchas, fotografías e bocetos orixinais doutros autores. A idea é traballar sobre a arte secuencial e sobre as posibilidades de contar una historia con imaxes a partir da curta O globo vermello do francés Albert Lamorisse. Hanse establecer pautas para a creación dos personaxes, a dirección da historia, as partes importantes do texto e os decorados, co fin de elaborar un libro ilustrado sobre a máxica relación dun neno e un globo vermello nas rúas de París.


TALLER DE FOTOGRAFÍA. A CÁMARA ESTENOPEICA
31 de xullo - 3 de agosto
Dirixido por Miguel Calvo
11:00-13:00 h
Prazas: 20
Idade: 10-12 anos
O fotógrafo e artista Miguel Calvo, vainos introducir no mundo da fotografía remontándose as súas orixes e á tecnoloxía máis rudimentaria, creando particulares estampas sen axuda dunha cámara con lentes e entendendo a luz como xeradora de imaxes. Partindo de materiais de uso doméstico, fabricaránse cámaras estenopeicas individualizadas. Caixas estancas onde a luz se filtra por un pequeno orificio e devolve, ao revés, a imaxe que se atopa fronte á cámara, obtendo un negativo da imaxe no papel fotosensible que preparamos no seu interior. Despois, experimentarase con diferentes xeitos de positivado revelando nun pequeno laboratorio fotográfico.
Segundo o tema elixido para fotografar, escollerase o artefacto axeitado, facendo unha incursión en diferentes xéneros como o retrato, a paisaxe, a arquitectura, as naturezas mortas e a fotomontaxe surrealista.

TALLER DE CREACIÓN MUSICAL. SOÑOS MUSICAIS
7- 10 de agosto
Dirixido por Saúl Cacharrón
11:00-13:00 h
Prazas: 20
Idade: 8-10 anos

O musicólogo Saúl Cacharrón vai ser o encargado de guiar este obradoiro onde os pensamentos máis libres e inconscientes han servir de material para a creación, a modo de cadáveres exquisitos musicais. No taller Soños musicais vanse investigar parámetros do son como a altura, a duración, a intensidade ou o timbre. Vaise facer ademais un achegamento á produción musical empregando as novas tecnoloxías, e como colofón, os participantes van deseñar o apartado sonoro da película Un perro galego, realizada semanas antes polos máis pequenos, no taller de cinema surrealista.


INSCRICIÓN: Os talleres son de balde e para participar é preciso chamar ao teléfono 981 546 602/31.


COORDINACIÓN: Virginia Villar