VII Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea

Tuesday, 23 de April do 2024

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal corresponden as competencias en materia de fomento da cultura e da creación e difusión cultural en Galicia, competencias que ten asignadas en virtude do establecido no artigo 27.19 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia e que se concretan, entre outras, no fomento e promoción da cultura, a contribución ao desenvolvemento do libro, a colaboración na promoción da plástica, a danza, a música, a imaxe e o son e as artes líricas e coreográficas.

Concretamente o Centro Galego de Arte Contemporánea (en diante, CGAC) é un centro de arte de titularidade autonómica, dependente da Consellería, entre cuxos fins están a realización de mostras de carácter temporal, así como outras actividades encamiñadas á investigación e divulgación da arte contemporánea entre a poboación galega e o perfeccionamento da sensibilidade estética de Galicia.

O CGAC, de acordo co disposto na súa norma de creación, artigo 3.1.a) do Decreto 308/1989, do 28 de decembro, actualizado polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, é un centro artístico-técnico para exposicións, documentación e promoción da creación artística, e ten entre as súas funcións promover o coñecemento e o acceso do público en xeral á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e favorecer a comunicación social das artes plásticas, realizando habitualmente un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e proxectos expositivos como a colección propia.

Constatada a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, mediante esta convocatoria o CGAC pretende promover a investigación e a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega, apoiando ao mesmo tempo a creación nesta lingua.

 

Composición do xurado:

1. Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por un máximo de 5 membros de acordo coa seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular da dirección do CGAC.

b) Vogais: tres personalidades de recoñecido prestixio do medio artístico-literario.

c) Un/unha secretario/a, con voz e sen voto, elixido/a entre o persoal ao servizo do CGAC.

2. Os membros do xurado serán designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura e publicarase no prazo máximo de vinte (20) días desde a publicación desta orde na páxina web do CGAC (http://cgac.xunta.gal/).

Resolución do director xeral de Cultura pola que se designan as persoas membros do xurado para a concesión do VII Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea.

Por orde do 12 de abril de 2024 (DOG nº. 80 do 23 de abril) convócase o VII Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea así como as bases que regulan a súa concesión.

No artigo 13 da orde da convocatoria establécese a composición do xurado encargado de realizar a valoración do premio.

En virtude do anteriormente exposto e de conformidade co disposto no artigo 13.2 da Orde da convocatoria,

Resolvo:

Primeiro: Designar como membros do xurado encargado de realizar a valoración para a concesión do VII premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea ás seguintes persoas:

Presidente: Santiago Olmo García, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Vogais: -María Teresa Moure Pereiro, profesora titular de universidade no Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral na Facultade de Filoloxía, Universidade de Santiago de Compostela.

Xosé Manuel Buxán Bran, profesor titular de universidade no Departamento de Escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo.

María Álvarez Cebrián, profesora titora do Grao de Historia da Arte na Universidad Nacional de Educación a Distancia – UNED.

Secretaria: Elena Expósito García, coordinadora do departamento de publicacións do CGAC

RESOLUCIÓN

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Cultura, pola que se lle dá publicidade á concesión do VII Premio CGAC de investigación e ensaio sobre a arte contemporánea correspondente ao ano 2024.