Talleres de lecer

TALLERES DE LECER 2026

07 July 2026 - 31 July 2026
PROGRAMA

TALLER DE PLÁSTICA CREAR CUN CHISME

Datas: do 7 ao 10 de xullo
Horario: de 9:00 a 14:00 h
Dirixido a nenos e nenas de 4 a 6 anos.
Prazas: 15
Imparte: Sofía Mediero
Prazo de inscrición: do 28 de maio ao 3 de xullo

Ao longo de catro días e, a partir da exposición Misha Bies Golas, converteremos o museo nun laboratorio de probas no que provocaremos a metamorfose de obxectos cotiáns en pezas artísticas. Buscaremos asociacións inesperadas e recorreremos ao humor, á imaxinación, ao azar, ao absurdo e a recursos creativos como acumular, agrupar, expandir, concentrar, suspender, dividir ou repetir para levar a cabo o deseño de pequenas instalacións.
A pintura, a ensamblaxe, a colaxe e a creatividade serán as ferramentas principais deste obradoiro cheo de propostas prácticas nas que os e as participantes poderán investigar, mover, combinar e explorar materiais e elementos comúns, sacándoos do seu contexto e afastándoos da súa función habitual para poñelos en diálogo con diversos espazos do museo. Un convite para descubrir que as cousas non sempre son o que parecen e que, ás veces, as ideas máis simples poden dar lugar ás creacións máis sorprendentes.

 

TALLER DE PLÁSTICA SOMBRA AQUÍ E SOMBRA ALÁ

Datas: do 14 ao 17 de xullo
Horario: de 9:00 a 14:00 h

Dirixido a nenos e nenas de 7 a 9 anos.
Prazas: 20
Imparte: Lucía Amoedo
Prazo de inscrición: do 28 de maio ao 10 de xullo

Neste taller, exploraremos as exposicións Rumor, de Alexandra Ranner, Misha Bies Golas e Illa ignorada. Colección CGAC, para descubrir a mestura de materiais, formatos, ideas e perspectivas que conviven no museo. Tras coñecer moitas das obras de arte que comparten casa e que se comunican entre elas, traballaremos con algunhas das súas ideas chave para a nosa propia creación.

Escolleremos a nosa obra favorita para reimaxinala; achegarémonos á escrita creativa, aos poemas visuais e ás colaxes planas e tridimensionais; investigaremos a idea de casa e fogar, e construiremos un universo de sombras, tanto no interior do museo coma na natureza, a partir da experimentación coa escuridade, a luz, a cor, o espello e a maxia do ultravioleta.

 

TALLER MULTIXERACIONAL DE FOTOGRAFÍA IMAXINATIVA ISTO NON É UN OBXECTO

Datas: do 21 ao 24 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Dirixido a nenos e nenas a partir de 10 anos e a persoas adultas.
Prazas: 15
Imparte: Xaime Fandiño
Prazo de inscrición: do 28 de maio ao 17 de xullo

Neste obradoiro aprenderemos a manipular, intervir e modificar obxectos comúns para que cobren unha nova dimensión no eido da fotografía. Prepararemos un estudio con flashes, difusores, reflectores, xelatinas de cor… e construiremos un set fotográfico.
Crearemos pequenas esculturas con elementos que traiamos de casa e fotografarémolos en clave escultórica para achegarnos á fotografía de produto.
Abordaremos o retrato, a identidade e a máscara e, na última sesión, faremos un pequeno guión e un stop motion coas nosas creacións.

 

TALLER DE FOTOGRAFÍA CON DISPOSITIVOS NON CONVENCIONAIS MODO AVIÓN

Datas: do 28 ao 31 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Dirixido a persoas adultas.
Prazas: 20
Imparte: Xaime Fandiño
Prazo de inscrición: do 28 de maio ao 24 de xullo

Neste taller aproximarémonos á historia da produción de imaxes sen cámara. Iniciaremos o percorrido polas técnicas de imprimación directa e avanzaremos cara á creación contemporánea e cara ás novas formas de construción e circulación da imaxe (apropiación, arquivo e found footage), entendendo a creación fotográfica como un proceso no que interveñen tanto os dispositivos coma a construción cultural e os novos contextos dixitais.
Traballaremos con dispositivos de captura non convencionais, como os escáneres, as cámaras de vixilancia, as cámaras web, Google Street View ou as capturas de pantalla, para desenvolver, ao final do taller, unha serie de imaxes propias que difundiremos en espazos virtuais pouco habituais nos contextos artísticos.

 

INSCRICIÓN

Todos os talleres son de balde. As solicitudes de inscrición poderán presentarse mediante unha mensaxe electrónica dirixida a inscricionscgac@gmail.com e deberán incluír os seguintes datos: o nome completo e a idade das persoas participantes, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto e, por último, o título do taller no que desexan inscribirse.
No caso dos talleres dirixidos a menores de idade, deberá indicarse tamén o nome e o número de DNI da persoa ou persoas autorizadas para a súa recollida no CGAC unha vez finalizada a actividade.