CICLO DE CONFERENCIAS: MENTRES SUCEDE. DERIVAS DO PRESENTE

05 Maio 2015 - 22 Xuño 2015
Mentres sucede. Derivas do presente pretende dar respostas sobre os lugares e as ideas da creación, nun ciclo de conferencias que xira sobre as distintas visiónsdo mundo artístico contemporáneo: Cales son as novas etiquetas do presente? Como resiste a crítica? Por que seguimos a desexar marcar novas tendencias? Cales son os novos desafíos do museo e as galerías? Como se ve e se escribe fronte e desde o presente?
Trátase de recoñecer as derivas e marcar os procesos, introducirse na transformada actualidade e percorrer as paisaxes cambiantes e diversas que veñen sucedendo na arte do presente. Desde estas e moitas outras preguntas, neste conxunto de conferencias, pretendemos ofrecer un retrato da complexidade da creación actual, e recoller as súas respostas desde a voz de protagonistas e axentes
de diferentes eidos, desde a historia e a teoría da arte, a arquitectura ou a experiencia artística. Unha oportunidade para xerar unha sorte de mapa de teorías, experiencias, prácticas, lugares e críticas da arte presente.
As novas olladas da historia da arte e das ideas recibirán a primeira das intervencións co filósofo Francisco Jarauta, seguiralle o territorio crítico dos traballos de Andrés Jaque, o encontro coa experiencia desde o mundo da galería con Juana de Aizpuru e a reflexión desde e fronte ao sistema artístico con Sarah Thornton. Todo, entre moitos outros temas e debates tanxenciais, presentarase en formatos diferentes, quer mediante conferencia maxistral, quer coa colaboración doutros axentes en conversas ou diálogos. En todos os casos se busca un debate co público asistente e a relación e feedback coas redes sociais.

 

María Luisa Sobrino Manzanares

 

PROGRAMA

Francisco Jarauta
Catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia
A situación das Artes
CGAC (Santiago de Compostela): 5 maio, 20 h
Fundación Barrié (A Coruña): 6 maio, 20 h

Andrés Jaque
Arquitecto
Transurbanismos caseiros
Fundación Barrié (A Coruña): 13 maio, 20 h

Juana de Aizpuru
Galerista
As galerías como axentes dinamizadores do desenvolvemento da Arte
Fundación Barrié (A Coruña): 9 xuño, 20 h
CGAC (Santiago de Compostela): 10 xuño, 20 h

Sarah Thornton
Escritora e socióloga da arte
33 artistas en 3 actos
CGAC (Santiago de Compostela): 22 xuño, 20 h
[Conferencia con tradución simultánea]

Entrada libre até completar capacidade.
Organiza Fundación Barrié en colaboración co CGAC.

 

 

CONFERENCIANTES

Francisco Jarauta
Catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia, realizou estudos de Historia, Historia da Arte e Filosofía nas Universidades de Valencia, Roma, Münster-Westfalia, Berlín e París. Profesor invitado de universidades europeas e americanas, os seus traballos oriéntanse especialmente no campo da historia das ideas, a filosofía da cultura, a estética e teoría da arte. Entre as súas numerosas publicacións merecen ser salientados os ensaios Kierkegaard. Los límites de la dialéctica del individuo, La filosofía y su otro e Fragmento y totalidad: los límites del clasicismo. Recentemente foi comisario de varias exposicións internacionais como El hilo de Ariadna (2012) e Colección IVAM. XXV Aniversario (2014).

A situación das artes
Nas últimas décadas a institución da arte xogou un papel crecente á hora de establecer os códigos de lectura de todos aqueles problemas que, desde a identidade á diferenza cultural, as formas do poder e o seu uso, emerxencias e conflitos varios, foron definindo as transformacións do mundo contemporáneo. Esta reflexión dá conta dunha análise, entre cultura e arte, do mundo actual, contrastado pola ollada da crítica e pola discusión verbo do papel que deben desempeñar institucións como museos, centros de cultura contemporánea e, en definitiva, a arte na pluralidade das súas formas e prácticas.

Andrés Jaque
Arquitecto pola ETSAM e “Tessenow Stipendiat” da Alfred Toepfer Stiftung FVS, é profesor de Deseño Avanzado en Columbia University GSAPP e profesor visitante en Princeton University SoA. O seu proxecto “IKEA Disobedients” é a primeira situación arquitectónica incorporada á colección do Museum of Modern Art de Nova York (MoMA). Fundador de Oficina de Innovación Política, foi premiado co “León de Prata” ao mellor proxecto de investigación da 14 Bienal de Venecia irixida por Rem Koolhaas e gañador no 2015 do “Young Architects Program” do MoMA PS1.

Transurbanismos caseiros
Non facemos política nas prazas. Non vivimos nas casas. Non traballamos o campo. Nin a cidade, nin o suburbio, nin o rural son quen de conter o día a día contemporáneo. Unha escolma de investigacións e proxectos da Oficina de Innovación Política permiten adiantar como a interacción social nestes momentos desborda as imaxes estereotipadas do urbano para aloxarse en composicións transtecnolóxicas, discontinuas e performativas. Proxectos como “Sales Oddity”, “IKEA Disobedients” ou “ESCARAVOX”, teñen como obxectivo operar nesta transformación e explorar as formas transtecno- lóxicas do político.
 

Juana de Aizpuru
Juana de Aizpuru dedicou a súa vida á arte contemporánea, fundamentalmente como galerista. En 1970 abre a súa primeira galería en Sevilla e en 1982 en Madrid, ambos espazos orientados á promoción das novas tendencias, tanto españolas como internacionais. Distínguese por ter sido artífice de ARCO Madrid, a principal feira de arte contemporánea en España, e da Asociación Española de Galeristas de Arte Contemporánea. A súa actividade como galerista compaxinouna co comisariado de exposicións. A súa traxectoria foi recoñecida con importan- tes premios como a Medalla de Ouro ás Belas Artes.

As galerías como axentes dinamizadores do desenvolvemento da Arte
A veterana galerista ofrecerá un percorrido a través dos case 45 anos de existencia da súa galería, analizando a evolución da sociedade, durante todo este tempo e, por tanto, do mundo da arte e das galerías. Unha viaxe a través dunha xeografía persoal, das exposicións, especialmente dos artistas, e tamén dos retos e proxectos do presente, do coleccionismo e do mercado da arte.

Sarah Thornton
Escritora e socióloga da arte, titulada en Historia da Arte e cun doutorado en socioloxía, Drawing from Howard Becker and Pierre Bourdieu, a súa tese de doutoramento foi publicada como Club Cultures: Music, Media and Subcultural Capital. Thornton foi a redactora xefe en arte contemporánea para The Economist, ten colaborado en moitas publicacións, programas de televisión e emisoras de radio e foi coeditora da primeira edición de The Subcultures Reader. É autora de Sete días no mundo da arte, un best seller internacional dispoñible en 16 idiomas. En 2014 publica 33 artistas en 3 actos, un lúcido exame verbo do elevado papel que os artistas ocupan como figuras esenciais da nosa cultura.

33 artistas en 3 actos
Sarah Thornton disertará sobre a estrutura e a metodoloxía do seu novo libro 33 artistas en 3 actos, o cal explora distintas cuestións arredor dos artistas: Que é un artista hoxe en día? Como os artistas dominan a credibilidade no seu traballo? Como se moven a través do mundo da arte e o seu xogo? Que mitos artísticos animan ou rexeitan?
[Conferencia con tradución simultánea]

 

COORDINADORA DO CICLO: María Luisa Sobrino Manzanares
SECRETARIA DO CICLO: Chus Martínez Domínguez
COORDINACIÓN CGAC: Gemma Baños