Carrusel de cabeceira

IMG_20221116_123505.jpg
O edificio
O edificio
O edificio
O edificio
Pausa
  • 0
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4

CGAC

O Centro Galego de Arte Contemporánea é un espazo de difusión cultural cuxa función é dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar sobre a diversidade das conformacións culturais na sociedade contemporánea. Creado en 1993, este centro enmárcase dentro da política xurdida en España a partir da década de 1980 para promover o desenvolvemento de plataformas culturais e favorecer a entrada de Galicia no circuíto artístico internacional.

Desde os seus inicios, o CGAC amosou as liñas directrices da arte das últimas décadas mediante exposicións retrospectivas de artistas recoñecidos internacionalmente ao carón de exposicións dedicadas a difundir a arte galega, incluíndo tanto autores consagrados coma emerxentes. Tamén son continuas as colaboracións con outras institucións articuladas mediante proxectos a longo prazo.

Pero, ademais dun espazo expositivo, o CGAC é un centro dinámico e multidisciplinar no que se celebran ciclos de conferencias, obradoiros impartidos por artistas e incursións no campo da música, as artes escénicas, a arquitectura, a moda e o cinema, que permiten a participación activa do público e favorecen o intercambio de ideas entre profesionais de distintos ámbitos.

Proxectado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira entre 1988 e 1993, o CGAC está situado nunha das zonas monumentais máis sensibles e suxestivas de Santiago de Compostela, nos límites do centro histórico, moi preto do convento e a igrexa de San Domingos de Bonaval.

O edificio, que se caracteriza polo diálogo coa historia da cidade, reflicte a admiración do seu artífice polos racionalismos e o movemento moderno. A liña, a luz e o volume combínanse para dar paso a unha arquitectura austera e serena que conecta coa tradición galega servíndose do seu material construtivo por excelencia, a pedra de granito, utilizada tanto nas paredes exteriores como na cuberta do edificio.

De feito, Álvaro Siza opta por presentar a fachada cega do centro como un alto muro de granito que delimita o recinto do convento, pechando desta maneira a esquina que dá á rúa da Caramoniña, unha bela e antiga vía que ascende polo outeiro e que actualmente caeu en desuso.

Os dous corpos principais do complexo eclesiástico, a igrexa e o claustro, forman un ángulo recto coas súas respectivas fachadas principais orientadas cara ao espazo público: a fronte do CGAC pecha decididamente este recinto, creando unha especie de praza na que se sitúan os accesos principais ao tres edificios.

Outro elemento relevante do proxecto é o antigo horto do convento, recuperado e rehabilitado por Álvaro Siza en colaboración coa arquitecta e paisaxista galega Isabel Aguirre. O devandito xardín está constituído por unha serie de plataformas descendentes e non paralelas que conducen ao CGAC e que funcionan como un dos elementos organizadores do edificio proporcionando a posición do eixo sobre o que se articulan os seus espazos. A partir deste eixo, o edificio desdóbrase en dous grandes bloques: un compacto formado polas salas de exposicións e os almacéns, que forma parte da estrutura do xardín, e outro orientado cara á rúa, onde se sitúan o espazo de oficinas, a biblioteca e o auditorio. Entre ambos créase un espazo central de forma triangular, que funciona asemade como distribuidor e sala de exposicións.

Polo demais, o esquema de desenvolvemento é canónico: tres pisos, un subterráneo e dous superiores; un corredor central que separa os espazos expositivos dos destinados a outros servizos, e que é de uso público nos niveis das salas de exposicións; e finalmente unha terraza aberta á paisaxe urbana concibida como un xardín de esculturas.

MEDIDAS XERAIS DE SEGURIDADE E HIXIENE FRENTE A COVID-19

  • Con motivo da crise sanitaria orixinada pola Covid 19 será de obrigado cumprimento a normativa vixente en cada momento para os espazos públicos pechados.