Carrusel de imaxes de exposición

Salas
30ANOS DO CGAC
Elmgreen & Dragset
Tracey Moffat
Obra de Tracey Moffatt
EXPO TRABALLO EN EQUIPO
Obra de Adolfo Schlosser
COL
Obra de Roberto González Fernández
Carole Alfarah
Obra de Carole Alfarah
Algunos oficios
Obra de Victor Grippo
EXPO TRABALLO
30 anos
Gail Thacker
Mobiliario Siza
Álvaro Siza
F_A-318.jpg
Obra de Almudena Fernández
EXPO TRABALLO EN EQUIPO.30ANOS DO CGAC-47.jpg
Hans Hemmert
EXPO TRABALLO EN EQUIPO.30 ANOS DO CGAC-62.jpg
Obra de Florence Paradise (fragmento)
EXPO TRABALLO EN EQUIPO.30ANOS DO CGAC-145.jpg
Miguel Palma/ Xoán Anleo
Pausa
  • 0
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7
  • 8
  • 9
  • 10
  • 11
  • 12
  • 13

TRABALLO EN EQUIPO. 30 ANOS DO CGAC. UNHA HISTORIA POSIBLE DO CGAC

11 Xullo 2023 - 07 Xaneiro 2024
Planta baixa, soto, Espazo de Proxectos
Comisariado:
Santiago Olmo
Artistas:
Carole Alfarah, Efrain Almeida, Xoán Anleo, Giovanni Anselmo, Juan Araujo, Rafael Baixeras, Christian Boltanski, Daniel Buren, Berta Cáccamo, Waltercio Caldas, Vari Caramés, Luis Caruncho, Loris Cecchini, Alicia Chillida, Nicolás Combarro, Nacho Criado, Ángela de la Cruz, Alberto Datas, Elmgreen & Dragset, Valie Export, Suso Fandiño, Esther Ferrer, Roland Fischer, Alicia Framis, Dora García, Regina Giménez, Felix Gonzalez-Torres, Luis González Palma, Roberto González Fernández, Luis Gordillo, Rubén Grilo, Víctor Grippo, Hans Hemmert, Juan Hidalgo, Ánxel Huete, Hisae Ikenaga, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Laxeiro, Guillaume Leblon, Francisco Leiro, Xosé Lodeiro, Eva Lootz, Chema Madoz, Maruja Mallo, Alicia Martín, Din Matamoro, Santiago Mayo, Fran Meana, Ana Mendieta, Mario Merz, Tracey Moffatt, Manolo Moldes, Antonio Murado, Álvaro Negro, Leopoldo Nóvoa, Miguel Palma, Florence Paradeis, Jürgen Partenheimer, Antón Patiño, Pamen Pereira, Uqui Permui, Georges Rousse, Adolfo Schlosser, Luis Seoane, Elisa Sighicelli, Álvaro Siza (muebles), Antoni Socías, Gail Thacker, Javier Vallhonrat, Valentín Vallhonrat, Marcel van Eeden, Xesús Vázquez, Manuel Vilariño, Darío Villalba, Peter Wüthrich.

 

Un aniversario é algo máis ca unha celebración. Lembrar unha historia é tamén facer balance, revisar e reler o pasado a fin de tomar impulso para encarar o futuro. Este exercicio de revisión implica ademais, necesariamente, o recoñecemento do traballo de todas aquelas persoas e institucións que, dun ou doutro xeito, participaron na planificación e execución dun programa e na construción dunha colección pública imprescindible. Por iso é polo que o título desta mostra, Traballo en equipo, pon o acento no esforzo colectivo de quen, desde 1993, contribuíu a construír e a consolidar un proxecto esencial para a cultura e a arte en Galicia.

Por mor do 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), dúas institucións dependentes da Xunta de Galicia , o propio CGAC e o Museo Gaiás da Cidade da Cultura, xuntan esforzos para celebrar e poñer de relevo a importancia transformadora do CGAC como museo, pero tamén, e sobre todo, como artífice, depositario e custodio da colección pública de arte contemporánea de referencia en Galicia.

Para tal fin, o proxecto Traballo en equipo articúlase en dúas exposicións complementarias pero independentes. Por unha banda, o edificio deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira albergará a mostra titulada Unha historia posible do CGAC, que se expón como un percorrido polas exposicións, actividades e publicacións promovidas polo centro desde a súa creación. Todo iso a través dos fitos e pezas singulares que, ao longo de tres décadas, foron marcando a súa historia e, paralelamente, a evolución do contexto artístico en Galicia. Doutra banda, nos espazos do Museo Gaiás, obra de Peter Eisenman, a mostra Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC propón unha abordaxe temática do presente a partir dos fondos da colección do centro compostelán.

Ao longo destes trinta anos, o CGAC foise achegando progresivamente á idea de museo, sen deixar de ser un centro de arte. Paralelamente, o concepto de museo foi cambiando e evolucionando cara a modelos máis experimentais, dinámicos e participativos, centrados na produción e na construción de coleccións complexas con capacidade de xerar novos relatos que animen o debate público.

Como se pode, entón, contar a historia dunha institución como o CGAC? Como sintetizar trinta anos de traballo nunha exposición? Son preguntas ás que intenta dar resposta a exposición Unha historia posible do CGAC e o proxecto en que se enmarca. A través da súa colección, sen dúbida. Pero tamén reconstruíndo en síntese a programación expositiva mediante obras significativas que, no seu momento, estiveron presentes e que dialogan entre si establecendo conexións que dan sentido a un programa. Tamén mediante unha liña de vida que dea conta da actividade despregada polo museo e unha mostra de publicacións (catálogos de exposición, libros de artista e recompilacións de textos e ensaios) que, ao longo destes anos, foron engrosando o acervo editorial do centro.

A mostra inclúe toda esta diversidade de aspectos nun itinerario expositivo articulado entre a planta baixa e o soto, con pezas da Colección CGAC e outras en préstamo que permitirán visualizar exposicións individuais e proxectos colectivos.

Sen pretender ser un compendio exhaustivo das iniciativas promovidas polo CGAC ao longo das súas tres décadas de existencia, esta mostra propón un percorrido expositivo organizado en dous niveis que evoca moitos dos momentos e pezas claves da súa historia a partir dunha coidada selección de obras, moitas das cales forman parte da colección do centro.