TALLERES DE LECER

01 July 2011 - 31 July 2011

TALLER PARA OS MÁIS PEQUENOS

Xogos, cores e contos desde o aire

Dirixido por Neves Seara. Para nenos e nenas de 5 a 7 anos

13-14 xullo / 11:00-13:00 horas / 15 prazas

Para alén dos límites do debuxo, traballarase co labor pictórico dos nenos primando a idea de composición con cores e a implicación do corpo nas actividades artísticas. Partirase dunha narración, que será inventada polos propios nenos, e elaboraranse os obxectos necesarios para facer unha pequena escenificación da historia. Ademais, introduciranse conceptos como a relación entre cores e espazos, luces e sombras, e a capacidade de expresar as calidades dos obxectos ou elementos da natureza a través do propio corpo, tanto de xeito individual como colectivo.

TALLERES PARA NENOS E NENAS

Apagha a televisión!

Dirixido por Amabel González. Para nenos e nenas de 11 a 13 anos

19-22 xullo / 11:00-13:00 horas / 20 prazas

As exposicións Estades preparados para a televisión? e Leccións de cousas. Antón Reixa, actualmente no CGAC, tratan os medios audiovisuais como formatos artísticos plenamente asimilados na sociedade actual. Os nenos coñecen perfectamente as linguaxes televisivas, pero neste taller aprenderán a analizar o seu rol como medio de masas, a preguntarse cómo sería a súa programación ideal e, sobre todo, traballarán co formato audiovisual como medio de expresión a través da creación dunha breve curtametraxe.

Corpos de cor, un cadro no espazo

Dirixido por Neves Seara. Para nenos e nenas de 8 a 10 anos

27-28 xullo / 11:00-13:00 horas / 20 prazas

Pintura, escultura, espazo, escenografía, narración e expresividade corporal son aspectos que forman parte da arte contemporánea. Utilizando pintura, cores, sombras, formas e materiais diversos traballarase con obxectos e elementos da natureza para determinar as súas calidades e a importancia da cor nas sensacións que producen eses obxectos e elementos, xogando con certos sentidos. O propio corpo será tamén utilizado como soporte de creación, representando os catro elementos mediante figuras compostas de forma colectiva. A distribución dos obxectos no espazo servirá tamén como punto de partida para a realización dunha composición pictórica tridimensional na que se xogará con distintos puntos de vista.