
SESIÓNS DIDÁCTICAS PRESENCIAIS E EN LIÑA PARA ESO, BAC E CICLOS FORMATIVOS. FOTOGRAFÍA E IDENTIDADE. O AUTORRETRATO
O obxectivo deste actividade é achegar á arte contemporánea aos centros educativos e estimular o interese das novas xeracións pola creación artística do seu tempo.
A idea destas sesións monográficas é introducir temas transversais á educación, como a ecoloxía, a igualdade, a identidade ou a emigración, co fin de que o alumnado poida comprender o mundo que o rodea a través da expresión artística.
Que é o autorretrato? Vai máis alá da representación física? Que conforma a nosa identidade? Que faría que deixásemos de ser nós?
A través do autorretrato, diferentes artistas reflexionan sobre a identidade: a propia, a do seu contorno, a identidade social e familiar, a alteridade e o simulacro. Son autoras e autores que elixen a aventura do autocoñecemento ou a exploración dos outros coa fotografía como vehículo, ás veces rexistro, case sempre ficción. Falaremos de diferentes conceptos do eu: o eu no espello, nos escenarios baleiros de Francesca Woodman; o eu, por exemplo, dos retratos-obxecto de Esther Ferrer; un eu múltiple, agochado nas personalidades mutantes de Joan Fontcuberta ou do xaponés Yasumasa Morimura; o eu nos outros, presente nas instantáneas de Nan Goldin; un eu oculto e por desvelar, nos retratos fragmentados de John Coplans ou Arnulf Rainer; o eu e os meus, nas historias de Sophie Calle; o transgresor eu protesto das Guerrilla Girls; e, finalmente, o eu extremo das propostas de artistas como Orlan.
Segundo ciclo de ESO, bacharelato e ciclos formativos
SESIÓNS PRESENCIAIS
Duración: 90 minutos / Prazas: máximo 25 persoas
Ao rematar a conversa realizaremos un taller onde afondaremos nalgúns dos conceptos tratados durante a sesión. O alumnado poderá crear un autorretrato obxectual que funcionará como unha cápsula do tempo da súa identidade.
Inscrición: a actividade é de balde e, para participaren, os centros interesados deberán enviar unha mensaxe electrónica a onlinecgac@gmail.com coa seguinte información: nome do centro educativo, nome da persoa responsable, número de persoas de que consta o grupo, curso ou idade das persoas participantes, día e hora en que desexan realizar a sesión, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto.
SESIÓNS EN LIÑA
Duración: 50 minutos / Prazas: máximo 25 persoas
Tras a presentación, proporémoslles aos grupos que opten pola sesión á distancia a creación de autorretratos obxectuais nos seus centros educativos.
Requisitos técnicos: o centro educativo deberá dispor do equipo técnico preciso para participar nunha reunión telemática (aula equipada cun ordenador con cámara e micro, altofalantes e pantalla).
Inscrición: a actividade é de balde e, para participaren, os centros interesados deberán enviar unha mensaxe electrónica a onlinecgac@gmail.com coa seguinte información: nome do centro educativo, curso ou idade das persoas participantes, día e hora en que desexan realizar a actividade, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto e mais o nome da persoa responsable.
Unha vez que se acepte a solicitude, os centros recibirán as indicacións precisas para accederen á sesión en liña.