ABERTO 2024

ABERTO 2024. Os diferentes contextos no mercado da arte

15 Outubro 2024 - 17 Outubro 2024
Auditorio e sala de xuntas do CGAC, Casa RIA e galerías de Santiago de Compostela
Coordinación:
Lucía Carballeda Suárez (Contemporánea), Carmen Hermo Martínez e Raquel de Ana Rodríguez (CGAC)
Duración:
hh

No marco de Aberto 2024 e co obxectivo de promocionar as propostas artísticas e curatoriais da Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, o pasado 19 de setembro tivo lugar a inauguración simultánea da tempada expositiva 2024-2025 coa participación de nove galerías galegas.

O CGAC súmase a esta iniciativa acollendo unhas xornadas sobre o mercado da arte promovidas por esta asociación e organizadas en colaboración co Departamento de Historia da Arte da USC. Nelas, profesionais da investigación artística e a curadoría, de ámbito nacional e internacional, reflexionarán sobre os diversos contextos das propostas presentadas polas galerías participantes e debaterán sobre a situación do mercado da arte actual.

 

PROGRAMA

MARTES 15 DE OUTUBRO • CASA RIA (Virxe da Cerca, 6)

17:00 h.
Visita á Fundación RIA e ás diferentes galerías de Santiago de Compostela da man do coleccionista Antonio Brigos Pla-Font

MÉRCORES 16 DE OUTUBRO • AUDITORIO DO CGAC

12:00 h.
Presentación a cargo de Santiago Olmo, director do CGAC, e Luisa Pita, presidenta de Contemporánea (Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia)

12:15 h.
O mercado e a economía da arte. Conferencia de Miguel Anxo Rodríguez, profesor titular da USC

13:00 h.
Mesa redonda con Santiago Olmo e galeristas de Contemporánea (Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia)

XOVES 17 DE OUTUBRO • SALA DE XUNTAS DO CGAC

17:30 h.
Arte. Galería e economía circular. Diferentes contextos. Conexión con Rafael Pérez, Museo Fernando García Ponce - MACAY, e con Jorge Fernández, director do Museo Nacional de Belas Artes de Cuba (MNBA). Debate moderado por Federico López Silvestre, profesor titular e director do Departamento de Historia da Arte da USC

18:00 h.
Mesa redonda con Santiago Olmo, o coleccionista Antonio Brigos Pla-Font e galeristas de Contemporánea (Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia)

 

PARTICIPAN

MIGUEL ANXO RODRÍGEZ GONZÁLEZ (Vigo, Pontevedra, 1970) é profesor titular de Teoría da Arte na Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en teoría da arte e arte contemporánea, as súas investigacións céntranse na arte actual, analizando aspectos relativos á escultura contemporánea, a paisaxe urbana e a arquitectura e a fotografía. Coordinou ademais diversos proxectos internacionais sobre políticas culturais actuais e mestrados de xestión cultural.

FEDERICO LÓPEZ SILVESTRE (Santiago de Compostela, A Coruña, 1973) é profesor titular de Teoría das Ideas Estéticas na Universidade de Santiago de Compostela. Foi coordinador da rede de investigación en arte actual e xestión cultural en Cuba, México, Portugal e España (YUCUNET) e é o investigador principal do proxecto DEPARQ sobre o estudo das paisaxes marxinais no sur de Europa. É autor de varios libros sobre arte e estética e editor en castelán de textos de recoñecidos artistas e teóricos. Dirixiu así mesmo a colección Paisaje y Teoría da editorial Biblioteca Nueva.

RAFAEL ALFONSO PÉREZ Y PÉREZ (Mérida, Iucatán, 1965) é director do Museo Fernando García Ponce – MACAY. Formado en dereito, ciencias sociais e xestión cultural e patrimonio, foi comisario de centos de exposicións de relevancia internacional e exerceu a docencia no Centro de Educación Artística (CEDART) Ermilo Abreu Gómez, na Escola Estatal de Belas Artes de Mérida e na Facultade de Artes e Deseño da UNAM. De 2003 a 2019 foi subdirector da Secretaría de Facenda e Crédito Público de México.

JORGE FERNÁNDEZ PÉREZ TORRES (A Habana, 1965) é director do Museo Nacional de Belas Artes de Cuba (MNBA), crítico e comisario. É profesor de Estudos Teóricos na Universidade das Artes de Cuba e impartiu numerosas conferencias sobre arte contemporánea, arquitectura e comunicación audiovisual. Foi director do Centro de Arte Contemporánea Wilfredo Lam e forma parte do Comité Executivo da Fundación Mundial de Bienais.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

Estudantes, galeristas, coleccionistas e profesionais da xestión cultural

 

INSCRICIÓN

Para participar na visita guiada á Fundación RIA e ás galerías de Santiago de Compostela é necesario inscribirse na ligazón https://contemporanea.gal/es/contacta/ ou a través do correo electrónico contemporanea.asociacion@gmail.com, indicando o nome e apelidos, a área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
A participación nas xornadas dos días 16 e 17 é gratuíta e non se require inscripción previa. O acceso será libre ata completar a capacidade das salas e as prazas cubriranse por orde de chegada (auditorio do CGAC: 250 persoas, sala de xuntas do CGAC: 40 persoas).