Mapping-Render-flayer-v01.jpg

ACTIVIDADES 30 ANIVERSARIO DO CGAC

29 Setembro 2023 - 30 Setembro 2023
Coordinación:
Virginia Villar

Con motivo do seu 30 aniversario, o CGAC deseñou un programa especial de concertos e espectáculos que, tomando como punto de partida o edificio que alberga o museo, combina diversas linguaxes e disciplinas artísticas como a danza, a videocreación e a música.

A celebración principiará o venres 29 cun espectáculo de danza vertical e de video mapping, no que os corpos, as imaxes e os sons se conxugarán en diálogo cos muros exteriores do edificio deseñado por Álvaro Siza Vieira. E, na noite do sábado, a mestura entre tradición e contemporaneidade que caracteriza o traballo de FAIA servirá de preámbulo para o concerto do grupo local Malandrómeda e maila banda holandesa Jungle by Night.

Programa:

VENRES 29 DE SETEMBRO

18:00 h. Implosión: arte conceptual na Colección CGAC (1965-1975)

Conversa no auditorio do comisario da exposición, Pedro de Llano Neira, co director do CGAC, Santiago Olmo, e, a continuación, acceso do público ás salas das exposicións.

21:00 h. Finale, espectáculo de danza vertical da compañía Delrevés

Fachada sur do CGAC | Acceso libre e de balde

A compañía Delrevés, fundada en 2007 en Barcelona por Saioa Fernández e Eduardo Torres, emprega a arquitectura como soporte do movemento a través da fusión de diversas disciplinas artísticas como a danza contemporánea, as artes dixitais, o teatro ou a danza vertical. Ao longo dos anos, esta compañía catalá forxou unha sólida carreira internacional e presentou o seu traballo en catro dos cinco continentes. A súa achega principal consiste en ofrecer unha nova visión da danza vertical, cunha linguaxe propia e innovadora.

O espectáculo Finale permite gozar da danza nun novo espazo escénico ao tempo que incorpora, descontextualizándoas, secuencias ben coñecidas do repertorio da danza clásica. Dependuradas da terraza do edificio e usando como apoio unha das súas fachadas, as bailarinas Saioa Fernández e Sheila Ferrer interpretarán elementos de ballets como O lago dos cisnes, O crebanoces ou Giselle.

www.del-reves.com

 

21:30 h. Proxección de mapping 3D

Exterior do CGAC | Acceso libre e de balde

Proxectado sobre a fachada sur do edificio e concibido polos especialistas na creación de experiencias inmersivas Maxina, este singular espectáculo de mapping activará unha suxestiva e emocionante deconstrucción visual do CGAC. Mediante un xogo de luces e ilusións ópticas, a proxección percorrerá os trinta anos de historia do centro evocando algunhas das obras que no seu día estiveron expostas nos seus espazos máis representativos e creando un túnel fractal de sucesos e actividades.

 

SÁBADO 30 DE SETEMBRO

CONCERTOS

Exterior do CGAC | Acceso libre e de balde

21:00 h. FAIA

FAIA traballa coa música de tradición oral, e a voz é a súa ferramenta esencial. Durante a súa intervención no CGAC, experimentará coa sonoridade do espazo e a escoita activa. Recuperará coplas transmitidas de boca en boca que, pola súa vez, procuran novas bocas movéndose entre o íntimo, aquilo que se di e o que se silencia. Para iso beberá da fonte do seu propio arquivo, mais tamén da súa memoria persoal e, como non podía ser doutro xeito, da memoria colectiva do CGAC. Con estes elementos armará un concerto no que reivindicará a herdanza colectiva como lugar necesario de acubillo e subversión.

www.faia.gal

22:00 h. Malandrómeda

Malandrómeda defínese como un grupo de rap compostelán, atemporal e bastardo. Nos últimos tempos vén de editar 4 EP, cada un deles cunha estética diferente, que corresponden aos catro episodios dunha obra conxunta na que todo xira arredor da introdución dos lagares en Galicia durante a romanización.

www.malandromeda.com

23:00 h. Jungle by Night

Para pechar a noite, contaremos coa banda Jungle by Night, integrada por sete rapaces neerlandeses cuxos directos radiantes e enerxéticos os converten en estrelas improvisadas de todos os festivais nos que participan. Aínda que foi concibido con instrumentos analóxicos, o seu sétimo álbum de estudio, Algorythm, constitúe unha auténtica homenaxe á música electrónica. O son desta banda de Ámsterdam caracterízase polo uso de sintetizadores, batería, baixo, guitarra e percusión realzados cunha trompeta, un saxo e un trombón.

Desde álbums anteriores, con detalles máis duros, ata un enfoque máis forte na electrónica neste último traballo, van onde ningunha outra banda chegara antes na procura dunha zona de confort entre a música dance, o krautrock, o funk dos setenta e a electrónica dos oitenta.

O destes mozos non é un concerto senón unha festa, unha atracción aditiva e chea de baile na que levan da man á audiencia co engado dos seus ritmos.

www.junglebynight.com