Folleto ruta.jpg

ACTUACIÓNS DE BORDO. Ruta de arquitectura contemporánea

27 Xaneiro 2024 - 16 Novembro 2024
De 11:00 a 13:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Carmen Rey
Prazas:
20

A arquitectura e o urbanismo contemporáneos son aínda os grandes descoñecidos da cidade de Santiago de Compostela. Por iso propoñemos un novo percorrido arquitectónico que anime a todos os públicos a percorrer a cidade e gozar da súa arquitectura para descubrir aqueles espazos urbanos que experimentaron transformacións nas últimas décadas.

Esta nova ruta recolle unha mostra das denominadas “arquitecturas de bordo”, é dicir, actuacións que conectan zonas da cidade construídas en distintas épocas. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, da escala urbana, da incorporación dos espazos verdes á trama da cidade, do diálogo entre tradición e modernidade, da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas.

Partiremos do exterior do CGAC, onde falaremos da importancia desta primeira obra de Álvaro Siza Vieira en Santiago de Compostela. Continuaremos a camiñada polo Parque de San Domingos de Bonaval, obra realizada pola paisaxista galega Isabel Aguirre en colaboración con Álvaro Siza; o complexo residencial da Caramoniña, de Víctor López Cotelo; e, desde a distancia, a intervención levada a cabo no Monte Gaiás, coa Cidade da Cultura. De regreso ao CGAC, falaremos da importancia das intervencións de pequena escala, co exemplo da Casa 2M, do estudio de arquitectura 2es+.

 

CALENDARIO

27 XANEIRO
Prazo de inscrición: 18-19 de xaneiro

10 FEBREIRO
Prazo de inscrición: 1-2 de febreiro

16 MARZO
Prazo de inscrición: 7-8 de marzo

13 ABRIL
Prazo de inscrición: 4-5 de abril

25 MAIO
Prazo de inscrición: 15-16 de maio

8 XUÑO
Prazo de inscrición: 30-31 de maio

28 SETEMBRO
Prazo de inscrición: 19-20 de setembro

19 OUTUBRO
Prazo de inscrición: 10-11 de outubro

16 NOVEMBRO
Prazo de inscrición: 7-8 de novembro

 

CARMEN REY (Santiago de Compostela, A Coruña, 1970) titulada superior en Arquitectura, na especialidade de Edificación, pola Universidade da Coruña. Traballa no exercicio libre da profesión desde o ano 2000. Mostra do seu compromiso coa difusión da arquitectura e o urbanismo de Santiago é o seu labor desde 2002 no deseño e realización de rutas de arquitectura contemporánea para distintos organismos como o Colexio de Arquitectos de Galicia, o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o CGAC. Foi membro da Comisión de Cultura da Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (2003- 2007) e representante desta institución como membro do Grupo Relator Técnico e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Plan especial da cidade histórica de Santiago (PE-1) do Concello de Santiago (2015-2023). Ademais, é socia de Arquitectos sen Fronteiras de Galicia e, desde marzo de 2019, membro individual do Comité Nacional Español de ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios).

 

INSCRICIÓN

A actividade é gratuíta. Para participar é necesario inscribirse previamente dentro dos prazos previstos para cada unha das sesións enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo, número de teléfono, correo electrónico e estudos, área de traballo ou interese. Poderanse inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas rexistradas recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.