foto CURSO ARTE NA AULA careta

ARTE NA AULA LER, CREAR E COMUNICAR A TRAVÉS DE IMAXES

16 Febreiro 2024 - 23 Novembro 2024

MODALIDADE EN LIÑA: venres 16 de febreiro de 18:00 a 20:30h e sábado 17 de febreiro de 10:00 a 14:30h

MODALIDADE PRESENCIAL: sábados de 10:00 a 14:15 h e de 16:00 a 19:30h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Gael Zamora Lacasta
Prazas:
20

Vivimos rodeados de imaxes e temos, máis ca nunca, acceso a ferramentas que nos permiten crear mensaxes visuais ou audiovisuais e compartilas. A linguaxe visual proponnos un achegamento espontáneo ao mundo, a través do cal consumimos, gozamos e mesmo xeramos imaxes de forma instintiva. Pero, coma calquera outra linguaxe, a nosa capacidade para interpretar e crear de forma coherente, libre e autónoma está directamente ligada ao coñecemento e á práctica dese código de expresión e comunicación. Este curso achegaranos de forma práctica ás ferramentas que nos permiten planificar e deseñar unha mensaxe, compoñela e darlle forma, expresar unha idea e comunicarnos coa contorna de forma visual. As persoas que asistan ao curso en calquera das súas dúas modalidades poderán observar, reflexionar e experimentar por medio de diferentes soportes: álbums ilustrados, fotografías, storyboard, carteis, arte urbana, pintura, cinema, publicidade… A partir do aprendido, poñerán en práctica pequenas propostas de creación, vivenciando a experiencia e converténdoa en punto de partida para o deseño de propostas de aula, así como para a produción de imaxes propias .

Os obxectivos deste encontro son tomar contacto coa imaxe e as súas posibilidades como recurso educativo; desenvolver a capacidade para observar, interpretar e crear imaxes comunicativas e expresivas, e explorar recursos e propostas que favorezan aprendizaxes globalizadas a través da plástica xerando dinámicas creativas entre profesionais do ámbito da educación artística, co fin de que estas prácticas se trasladen ao alumnado

 

PROGRAMA

As persoas interesadas poderán optar por inscribirse nunha das seguintes quendas:

MODALIDADE EN LIÑA
QUENDA I
Venres 16 de febreiro de 18:00 a 20:30 h e sábado 17 de febreiro de 10:00 a 14:30 h
Prazo de inscrición: 5 e 6 de febreiro de 2024

MODALIDADE PRESENCIAL
QUENDA I
9 de marzo de 10:00 a 14:15 e de 16:00 a 19:30 h
Prazo de inscrición: 28 e 29 de febreiro de 2024

QUENDA II
6 de abril de 10:00 a 14:15 e de 16:00 a 19:30 h

Prazo de inscrición: 26 e 27 de marzo de 2024

QUENDA III
26 de outubro de 10:00 a 14:15 e de 16:00 a 19:30 h
Prazo de inscrición: 15 e 16 de outubro de 2024

QUENDA IV
23 de novembro de 10:00 a 14:15 e de 16:00 a 19:30 h
Prazo de inscrición: 12 e 13 de novembro de 2024

 

GAEL ZAMORA LACASTA (Cangas do Morrazo, Pontevedra, 1978) é titulada en Historia da Arte e Educación Primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É, ademais, educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no CGAC, o Museo de Arte Contemporánea Esteban Vicente, o Centro para las Artes y el Diseño Palacio Quintanar, o Museo Lázaro Galdiano, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Autónoma de Madrid, o movemento de renovación pedagóxica Acción Educativa e os centros de formación do profesorado de Soria, Segovia, Ávila, Madrid e Cuenca.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

Docentes de calquera das etapas da educación formal (infantil, primaria, secundaria e bacharelato, ciclos formativos ou graos de educación), profesionais da educación artística, persoas interesadas na didáctica da arte e estudantes de Belas Artes ou Ciencias da Educación.

 

INSCRICIÓN

O curso é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar os apelidos e o nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. Poderán inscribirse un máximo de dous participantes por solicitude.

 

CERTIFICACIÓN

O CGAC entregaralles un certificado ás persoas que asistan á totalidade de cada quenda