erroresbien

AULA ABERTA. CORTA, PEGA E DEBUXA. Taller de iniciación en procesos mauais de reproducción en riso

07 Maio 2021 - 08 Maio 2021
o 7 de maio de 16:00 a 20:00 h e o 8 de maio de 10:30 a 13:30 h e de 16:00 a 19:30 h
Coordinación:
Gema Baños
Dirección:
Natalia Poncela
Prazas:
12
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

Trátase dun taller de iniciación na reprografía Riso, que ten como fundamento a aprendizaxe e o manipulado dunha máquina de risografía. Este proceso de impresión utiliza como principio elemental a transferencia de tinta a través dun stencil ao xeito dun mimeógrafo. Trátase dun proceso de impresión que, a diferenza doutras técnicas como o offset, non xera residuos de tinta, nin fixadores, nin placas de aluminio desbotables. Ademais consome moi pouca enerxía, xa que está baseado nun procedemento de impresión ao frío.

A posibilidade de desenvolver publicacións interdisciplinares e de pequena tirada representa un valor engadido desta técnica. Por iso o obxectivo do obradoiro é precisamente editar unha publicación colectiva de poucos exemplares e froito da colaboración de todas as persoas participantes.

A recuperación de procedementos tradicionais ou en desuso que permita abrir un diálogo entre métodos manuais, mecánicos e dixitais é outro dos elementos centrais deste obradoiro, onde tamén se analizarán as vantaxes dun procedemento reprográfico de baixo consumo, respectuoso co medio ambiente e que emprega fundamentalmente tintas ecolóxicas e papeis reciclados.

Por último, a risografía permite poñer en valor a noción de erro na copia, que adquire con iso o carácter de orixinal. 

O obradoiro comeza cunha breve introdución á risografía a fin de dotar as persoas asistentes dos coñecementos teórico-prácticos necesarios para proceder a imprimir utilizando esta técnica.

Tras o visionamento e análise de exemplos de impresións e publicacións xa elaboradas, pasarase á experimentación e ao proceso creativo de concepción e realización dunha publicación colectiva. Inicialmente elaboraranse os contidos a través do procedemento da colaxe (utilizando revistas, xornais, propaganda impresa, fotografías etc.) e a continuación procederase a transferir as imaxes mediante un acetato.

 

IMPARTEN

NONO BANDERA (Málaga, 1958). Artista representado pola galería Espacio Mínimo de Madrid, é profesor titular do departamento de Debuxo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra desde 1996.

MARCOS COVELO (Vigo, 1985). Artista multidisciplinar, é profesor asociado do departamento de Debuxo da Facultade de Belas Artes de Pontevedra desde 2018 e pertence ao grupo de investigación DX7 da Universidade de Vigo. 

 

PERSOAS DESTINATARIAS

O obradoiro está dirixido a estudantes, artistas e a todas as persoas interesadas no proceso da risografía.

 

INSCRICIÓN

Aquelas persoas que desexen participar poderán inscribirse do 29 de abril ao 6 de maio ás 12:00 h enviando unha mensaxe electrónica a cgac.pedagogia@xunta.gal, no que deberán incluír os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, estudos ou área de traballo, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

As prazas cubriranse por orde de inscrición e cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.