
AULA ABERTA.SEMINARIO. EDUCAR A TRAVÉS DA ARTE. CARA A UNHA ESCOLA IMAXINADA
Neste seminario Salvador Cidrás e Vicente Blanco abordarán o seu traballo como promotores do grupo Escola Imaxinada, un colectivo independente e sen ánimo de lucro composto por profesionais do campo das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil e primaria, cuxos obxectivos son: achegar ás escolas metodoloxías baseadas nas artes e contribuír ao deseño de espazos e recursos educativos de calidade para a aula. O seminario divídese en dúas partes. Na primeira presentarase a súa filosofía de traballo baseada en tres aspectos: procesos creativos, estereotipos e educación estética. Na segunda parte amosaranse propostas de obradoiros levadas a cabo con nenas e nenos de infantil e primaria. Son propostas que comparten unha serie de características: inciden na idea de proceso —é dicir, promoven formas de facer abertas, que non buscan un único resultado—, favorecen a creación dun imaxinario e estilo persoal que se aparte de respostas estereotipadas e convencionais, e experimentan con diferentes materiais, técnicas e linguaxes artísticas.
Vicente Blanco (Cee, A Coruña, 1974) e Salvador Cidrás (Vigo, Pontevedra, 1968)
Son artistas plásticos e profesores da área de Expresión Plástica da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Licenciados en Belas Artes pola Universidade de Vigo e doutores (en Belas Artes pola Universidade de Granada e en Humanidades pola USC, respectivamente), desenvolven a súa investigación artística en diferentes medios como o vídeo, o debuxo, a escultura e a instalación. A súa obra expúxose individualmente en museos como o Reina Sofía, o CGAC ou o MUSAC. Son promotores do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada, cuxas propostas se recollen no blog escolaimaxinada.com. Son así mesmo autores do libro Educar a través da arte: cara a unha escola imaxinada (Kalandraka, 2020), en colaboración con Rocío Modia. En 2020 recibiron o Premio Marta Mata de Pedagoxía, outorgado pola Associació de Mestres Rosa Sensat, polo seu traballo Debuxar o mundo, xogar, crear, compartir, que será publicado proximamente.
O seminario está dirixido principalmente a estudantes de Ciencias da Educación e mestres e mestras de educación infantil e primaria.
Aquelas persoas que desexen participar poderán inscribirse até o 7 de abril enviando unha mensaxe electrónica a cgac.actividades@xunta.gal, na que se deberán incluír os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, estudos ou área de traballo, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición e cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. No caso de que queden prazas libres unha vez finalizado o prazo de inscrición, as persoas que desexen asistir poderán solicitalo por teléfono o día do inicio do seminario, chamando ao número 981 546 619.