
No decurso do taller, os nenos e nenas participantes farán as súas propias colaxes en tres dimensións. Trazarán bosquexos aprendendo a dispoñer as formas no espazo e crearán personaxes e novos mundos cortando, dobrando, curvando e engurrando as cartolinas de cores e dándolles volume para conseguir interesantes xogos de luces e sombras.
CURRÍCULO
Jack Mircala é un dos ilustradores máis arriscados e poéticos da actualidade. As súas obras, herdeiras do universo gótico e das vangardas históricas europeas, foron galardoadas con numerosos premios e expostas en toda España. Foi Premio Lazarillo de Ilustración polo libro El acertijo de Valpul e traballou como ilustrador para as mellores editoriais españolas. Ademais, publicou contos escritos e ilustrados por el mesmo para
lectores de todas as idades, como a colección de contos de autor O Baúl das Sombras de Jack Mircala de El Patito Editorial.
Mircala comeza a traballar nos anos oitenta aplicando os seus coñecementos de deseño industrial e interiorismo á creación de pequenas maquetas realizadas a base de cartolinas de cores coas que vai ideando pequenos escenarios. No seu traballo, evoca un romanticismo idealizado co que parece reinventar as artes decorativas do século dezanove. No que atinxe ao guión, as súas obras amosan un fondo coñecemento dos clásicos da literatura internacional. No debuxo, asimila o mundo da ilustración clásica mesturada coas novas tendencias do cinema, a escenografía, a fotografía e o debuxo máis vangardista.
INSCRICIÓN
O taller é de balde e para participar e preciso inscribirse a partir do día 22 de outubro, chamando ao teléfono 981 546602 ou enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es cos seguintes datos: nome completo, enderezo postal e electrónico, e teléfono de contacto.
HORARIO: De 17 a 19 horas
DESTINATARIOS: Nenos e nenas de 7 a 12 anos
PRAZAS: 20
IMPARTE: Jack Mircala
COORDINA: Virginia Villar
COLABORA: El Patito Editorial
Ás 20:00 horas, despois do taller, El Patito Editorial presentará no CGAC Baixada a Esquela, o último libro de Jack Mircala.