
A etiqueta “novo cinema galego”, tan provocadora como eficaz, foi cobrando peso ao longo dos últimos meses, mais... que hai de novo nese novo cinema? A asunción de riscos, a certeza de que non hai máis límites para facer arte que os do talento que cada un teña, a vontade de participar nos mesmos debates estéticos e argumentais que sacoden o cinema no resto do planeta. Por primeira vez temos un cinema que non chega tarde, que se suma ás tendencias e correntes creativas en tempo presente. Tamén hai críticos, polo xeral fóra dos grandes medios, e mesmo entidades culturais, que perciben estes movementos como unha oportunidade que non hai que perder.
Estas xornadas, dedicadas aos novos creadores cinematográficos galegos, constarán de 6 sesións que terán lugar ás 19:30 h no auditorio do CGAC. Cada unha delas será presentada por un dos comisarios do ciclo e contará coa presenza do director correspondente. Ao finalizar a proxección de cada filme abrirase un coloquio cos asistentes.
PROGRAMA
28 DE ABRIL
Sesión 1. Peque Varela
Gear (2004, 1 min)
Phace (2005, 1 min),
1977 (2007, 8 min)
Gato encerrado (2010, 12 min)
5 DE MAIO
Sesión 2. Marcos Nine
Manuscritos pompeianos (2010, 18 min)
Radiografía dun autor de tebeos (2010, 20 min)
Avance da longametraxe La brecha (2011, 20 min)
19 DE MAIO
Sesión 3. Eloy Enciso
No tan buena vista (2002, 9 min)
Funk the Wheel (2003, 7 min)
Isa003 (2003, 7 min)
La clase (fragmento) (2003, 8 min)
Pic-nic (fragmento) (2007, 9 min)
Miércoles (2008, 5 min)
Arraianos (fragmento) (en produción, 12 min)
26 DE MAIO
Sesión 4. Lois Patiño
Recordando los rostros de la muerte (2010, 38 min)
Paisaje-Duración: Río + Trigal + Puente (2010, 10 min)
Paisaje-Distancia: Casa + Pescadores en el mismo río + Encuentro entre hombres + Construyendo en las montañas (2010, 12 min)
9 DE XUÑO
Sesión 5. Ángel Santos
O cazador (2008, 25 min)
Sara y Juan (2009, 21 min)
Fantasmas #1 (2010, 9 min)
16 DE XUÑO
Sesión 6. DSK: Juan Lesta e Belén Montero
Serie ICONOSCOPIO (2009-2010, 18 min)
Eirasvedras
De Katanga a O Agra
CRK 29
Feliz 2010
Watermelon
Fantasy
Curtis
Serie PENÍNSULA XY
Ruta x, 2011, 16 min
Ruta y, 2011, 10 min)
SESIÓNS
SESIÓN 1. PEQUE VARELA
1977 (2007, 8 min)
Unha pequena cidade, un nó que medra e unha nena na procura da súa identidade.
Festival de Sundance 2008
Indielisboa 2008
Festival de Xixón 2009
Bafici 2010
Gato encerrado (2010, 12 min)
Nun mundo cheo de desigualdades, saír adiante é unha aventura moito máis complicada para os gatos que nacen con sete vidas que para os que veñen con nove de serie.
Festival de Xixón 2010
Mención especial en Expotoons 2010
Festival Internacional de Cine de Arizona 2011
Festival Internacional Cinematográfico do Uruguai 2011
Estas dúas curtametraxes irán precedidas da proxección das primeiras pezas da autora, os traballos Gear (2004, 1 min) e Phace (2005, 1 min), a sesión achégase a unha master class que se completa coa proxección de material en fase de elaboración, vídeos que documentan o proceso de traballo, etc.
SESIÓN 2. MARCOS NINE
Manuscritos pompeianos (2010, 18 min)
En Pompeia, entre os anos 69 e 70 a. C., a xente escribía mensaxes nos seus muros con carbón e pintura. Mensaxes que a erosión eliminaría en pouco tempo. Mensaxes efémeras condenadas a desaparecer
Festival Internacional de Tirana 2010
Play-Doc 2011
Radiografía dun autor de tebeos (2010, 20 min)
David Rubín, autor de BD, plasma nunha historieta como se sente no momento en que a súa vida está a ser gravada para un documental.
Festival de Málaga 2011
Arizona Film Festival 2011
Avance da longametraxe La brecha (2011, 20 min)
SESIÓN 3. ELOY ENCISO
No tan buena vista (2002, 9 min)
Documental. Primeiro traballo como estudante na EICTV. Retrato do Mexicano, vello músico que gaña a vida nas rúas da Habana.
Funk the Wheel (2003, 7 min)
Práctica realizada como estudante, consistente en contar, cun estilo documental determinado, como se cambia unha roda.
Isa003 (2003, 7 min)
Película de carácter experimental realizada en 16 mm a partir dun texto de Baricco con imaxes filmadas no Instituto Superior de Arte da Habana.
La clase (fragmento) (2003, 8 min)
Último traballo realizado como estudante, centrado nun grupo de refuxiados políticos con residencia temporal en Cuba.
Pic-nic (fragmento) (2007, 9 min)
Primeira longametraxe do director, gravada durante o mes de agosto nunha coñecida praia do Mediterráneo.
Miércoles (2008, 5 min)
Peza realizada dentro do maratón de 48 horas en El Festivalito de La Palma.
Arraianos (fragmento) (en produción, 12 min)
Segunda longametraxe do director, actualmente en fase de montaxe, baseada nun texto de Marinhas del Valle. Retrato da zona e dos habitantes da Raia.
SESIÓN 4. LOIS PATIÑO
Recordando los rostros de la muerte (2010, 38 min)
Reflexión sobre o instante da perda da vida. A consciencia esmorece nun fluxo de imaxes onde se mesturan lembranzas e temores.
Documenta Madrid 2010
Paisaje-Duración: Río + Trigal + Puente (2010, 10 min)
A experiencia da contemplación do sublime na paisaxe causa unha ruptura do tempo homoxéneo exterior para penetrar nunha experiencia
transcendente.
Festival Internacional de Cine de Las Palmas 2011
Paisaje-Distancia: Casa + Pescadores en el mismo río + Encuentro entre hombres + Construyendo en las montañas (2010, 12 min)
A relación entre observador e paisaxe na experiencia contemplativa. A mirada que constrúe a paisaxe desde a distancia necesaria.
Rencontres Internationales 2010
Centre Pompidou, París
SESIÓN 5. ÁNGEL SANTOS
O cazador (2008, 25 min)
Elaborada e chea de rigor, unha narración que adapta libremente un relato de Chejov desenvolvendo a súa estrutura en tres partes ben diferenciadas e medidas. En cada unha delas asistiremos a unha das fases da creación do propio proxecto, desde a lectura do texto que o inspira até acadar o resultado da ficción final.
Filminho 2008
Elixida como unha das dez mellores curtas do ano por Cahiers du Cinéma
Sara y Juan (2009, 21 min)
A primeira vez que Sara e Juan se atopan, mesmo antes de se atrever a achegarse a ela, Juan trata de captar ese instante coa súa cámara de fotos. A partir dese día a parella comeza unha relación baseada máis nas fotografías que insistentemente Juan toma de Sara que no afecto que poidan sentir un polo outro, até que a moza decide pór un límite á
obsesión de Juan.
Fantasmas #1 (2010, 9 min)
Peza documental elaborada a partir do arquivo fotográfico e fílmico familiar, na cal o director reflexiona sobre o paso do tempo, a memoria persoal e as pegadas do pasado na construción da propia identidade.
Festival de Xixón 2010
SESIÓN 6. DSK: JUAN LESTA E BELÉN MONTERO
Serie ICONOSCOPIO (2009-2010, 18 min)
Eirasvedras. Uns simpáticos seres aparecen entre os bañistas nas termas da Chavasqueira (Ourense) para amenizaren o tórrido e aborrecido baño diario con alegres bailes acuáticos ao ritmo da música de Emilio José, Eirasvedras.
De Katanga a O Agra. Vídeo gravado nas festas populares da Coruña e arredores no verán de 2009. Reflicte as tradicións e costumes lúdico-gastronómicos que invaden Galicia e que variaron moi pouco no tempo.
CRK 29. Obras, guindastres, perforadoras, escavacións, ruído, destrución... son algúns dos conceptos ameazantes do mundo da construción, que se propaga como un cancro, coa súa capacidade destrutiva a todos os niveis, alá onde se estende a sociedade humana.
Feliz 2010. As cidades, en canto se pon o sol, convértense nun exceso de luz e cor. Se reflexionamos sobre a paisaxe existente calquera noite do ano, parece innecesario aumentar o número de luces de cores no Nadal.
Watermelon. Para a produción deste vídeo construíuse especificamente o casco Watermemelon™, un casco en cuxo interior soa a canción Gratis! e que incorpora ademais un sistema de luz de discoteca. Este casco consegue espertar en quen o pon un sentido do ritmo e unha enerxía para bailar descoñecidos para os propios usuarios.
Fantasy. É rápido e veloz. A súa misión é protexer a Terra dos ataques de seres doutras galaxias. Por planetas e galaxias, nunca ninguén te pode gañar. Camiñando por novos territorios cara ao descoñecido.
Curtis. Viaxe polo eixe x da Península Ibérica, partindo desde o mar Mediterraneo, en Barcelona, coa saída do sol, e chegando ao destino en Fisterra, onde vemos pórse o sol no mar.
Serie PENÍNSULA XY (Ruta x, 2011, 16 min; Ruta y, 2011, 10 min)
Dúas rutas rodadas en formato timelapse, entre o orto e solpor, que percorren a Península de norte a sur (Ruta y: Sagres-Bares) e de leste a oeste (Ruta x: Creus-Fisterra), cruzándose ambas as dúas en Galicia. Estas rutas estarán xeoposicionadas e enriquecidas nun reproductor web, a modo de diario de viaxe dixital.
CURRÍCULOS
Peque Varela (Ferrol, 1977)
En 2001 graduouse en Prácticas Mediáticas Contemporáneas pola Universidade de Westminster (Reino Unido), e seis anos despois na National Film and Television School de Londres. Leva varios anos traballando no campo da animación publicitaria e en paralelo desenvolve proxectos persoais. Coa curta 1977 (2007) participou na competición internacional do Festival de Sundance, un fito que a levou a viaxar por múltiples certames en todo o mundo, incluídos varios festivais galegos que apenas uns meses antes rexeitaran a súa
proxección. A súa segunda curta, Gato encerrado, estreouse na sección internacional do Festival de Xixón e gañou unha mención especial en Expotoons, certame especializado en cine de animación que se celebra en Bos Aires.
Marcos Nine (Hannover, 1977)
Este cineasta afincado na Illa de Arousa comeza a súa carreira no audiovisual no ano 2000 como guionista da serie Mareas vivas á que seguirían outras como Terra de Miranda e As leis de Celavella. Como director debutou en 2003 con Carcamáns, un documental que relata como se viviu a catástrofe do Prestige na ría de Arousa. En 2006 realiza Pensando en soledad, premio ao mellor director de documental no Festival Internacional de Cine de Ourense, e posteriormente, Historia dunha parroquia (2007), O premio da rubia (2008), JEDN (2006), Límite 12 h (2007), Soidade 3 (2008), A fábrica (2008), Aarón (2009), O sol nos Chaos (2010), Radiografía dun autor de tebeos (2010) e Manuscritos pompeianos (2010). Actualmente está a preparar a longametraxe experimental La brecha.
Eloy Enciso (Meira, 1975)
Comezou a estudar na Escuela Internacional de Cine e Televisión (EICTV) de San Antonio de los Baños (Cuba), despois de se licenciar en Ciencias Ambientais. Rodou varias curtametraxes e traballos de carácter experimental antes de dirixir a súa primeira longametraxe, Pic-nic (2007), rodada en 35 mm e exhibida en prestixiosos festivais internacionais coma Indielisboa (Portugal) ou FICCO (México). Con esta película e gañadora do Premio Internacional de Documental Mediterráneo á mellor ópera prima en Turín. Alén da súa carreira coma cineasta, organiza ciclos de cinema e imparte clases e obradoiros de documental. Na actualidade está a ultimar Arraianos, a súa segunda longametraxe como director.
Lois Patiño (Vigo, 1983)
Compaxinou estudos de psicoloxía na Universidade Complutense cos cinematográficos na escola TAI de Madrid e logo na New York Film Academy, unha combinación que o leva a unha mirada moi singular sobre a paisaxe e as personaxes. Desde 2007 vén desenvolvendo unha prolífica obra no eido do documental e do cinema experimental, con títulos coma Profesor Tejero (Documenta Madrid 2008), Rayito (Bolsa de Creación Fundación Caixa Galicia), Zuma, embajador del Sol, Recordando los rostros de la muerte (Documenta Madrid 2010), e as series Paisaje interior, Paisaje-duración e Paisaje-distancia, seleccionada para participar nos Rencontres Internationales París- Berlín-Madrid 2010.
Ángel Santos (Marín, 1976)
Despois de completar a súa formación en historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela, trasladouse a Barcelona para estudar no Centre d’Estudis Cinematográfics de Catalunya. Alí fai os seus primeiros traballos como director, primeiro A (2002) e logo outro máis ambicioso, Septiembre (los amores jóvenes) (2004). En 2008 presenta O cazador, adaptación dun texto de Chejov que é considerada unha das mellores curtametraxes do ano pola revista Cahiers du Cinéma España. A súa carreira como cineasta prosegue coa curta Sara y Juan e cunha primeira incursión no ensaio documental, Fantasmas #1. Actualmente traballa na posprodución da súa primeira longametraxe, Dos fragmentos
/ Eva, e asemade prepara un novo traballo titulado Adolescentes.
DSK
Dúo formado por Belén Montero (Zamora, 1970) e Juan Lesta
(A Coruña, 1971)
Son directores, produtores e creativos da produtora audiovisual e multimedia Esferobite. Desenvolven a súa actividade como docentes en diversos centros especializados de Barcelona, son asemade autores de videocreacións, pezas museísticas e videoclips para formacións musicais tan prestixiosas como Astrud, La Buena Vida ou Fangoria.
COMISARIOS: Acto de Primavera (Martin Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande)
COORDINADORA: Gema Baños