CINE DE VERÁN 2018. O CINEMA COMO CELEBRACIÓN

04 Xullo 2018 - 18 Xullo 2018


Coincidindo co 25 aniversario da apertura do Centro Galego de Arte Contemporánea, este ano o Cineclube de Compostela dirixe unha edición especial de Cine de verán coa escolla de cinco títulos relacionados coa idea de celebración desde moi variadas olladas e circunstancias. Será nas noites dos mércores e xoves do mes de xullo, a partir das 22:30 horas, cando poderemos gozar de grandes filmes ao aire libre entre os edificios do CGAC e o Museo do Pobo Galego, e o Parque de San Domingos de Bonaval.

“Están engalanando o edificio, todo o mundo está preparado para o banquete. Hai unha celebración en marcha, as luces están acesas, as cámaras prepáranse para rexistrar o evento e a gran pantalla lista para amosárnolo. Pensemos no cinema como festa, como acto colectivo, como reunión social consensuada que lles permite ás persoas xuntarse e gozar dun evento colectivamente. O rito do encontro entre semellantes e descoñecidos arredor dunha proxección. O filme como celebración, pois, que é do que se trata nesta ocasión.

E é que neste mes de xullo retomamos o cinema de verán para festexar que o CGAC fai 25 anos, e este ciclo únese á celebración cunha serie de filmes que xiran arredor da idea da festa. Festa como reunión de propios e estraños, como escenario do inesperado e o inverosímil, con convidados como un Peter Sellers capaz de tornar un ríxido serán en disparatada esmorga, con impedimentos e sucesos constantes coma os que impiden que seis fachendosos membros da clase alta consigan sentar tranquilos a cear e gozar. E é que as ganas de xoldra non poden reprimirse, igual que lle acontece a ese grupo de amigos que se xuntan en Newton Haven para retomar a festa inconclusa 20 anos antes, e que nin sequera acontecementos apocalípticos poderán impedir. E que mellor motivo para celebrar algo que os aniversarios? Como os 90 anos da avoa Sakae, símbolo de toda unha tradición do seu país, ou os 30 que lle fan reflexionar a Francisco sobre quen é e cara a onde vai a súa vida. Todos eles e todos nós estamos convidados a esta colectiva celebración cinematográfica do inverosímil e o aloucado. Brindemos polo homenaxeado!”

Julio Vilariño Cabezas


PROGRAMA

MÉRCORES, 4 DE XULLO

The Party (A festa)

EE UU, 1968 / 99 min / Dirección: Blake Edwards / Guión: Blake Edwards, Tom Waldman, Frank Waldman / Intérpretes: Peter Sellers, Claudine Longet, Marge Champion, J. Edward McKinley, Natalia Borisova, Fay McKenzie, Jean Carson, Al Checco, Corinne Cuele, Dick Crockett / Todos los públicos Hrundi V. Bakshi, un descoñecido actor de orixe hindú, atópase rodando unha superprodución no deserto. Canso das súas constantes meteduras de zoca, o equipo de rodaxe decide despedilo; pero en troques de aparecer na lista negra, o xefe do estudio escribe o seu nome na lista de convidados a unha sofisticada festa organizada pola súa muller. Debido ás torpezas de Hrundi, no serán produciranse as situacións máis disparatadas.


XOVES, 5 DE XULLO

Sama Wozu (Guerra de verán)

Japón, 2009 / 114 min / Dirección: Mamoru Hosoda / Guión: Satoko Okudera / Animación / Todos los públicos. Kenji Koise, é un reservado rapaz de Tokio de 17 anos. Chegado o verán, a súa compañeira de instituto, Natsuki Shinohara, convídao a pasar o resto das vacacións na casa da súa familia para facerse pasar polo seu mozo na festa do 90 aniversario da súa bisaboa Sakae. Ao pouco de chegar á casa da familia Shinohara, Kenji comezará a recibir unha serie de misteriosas mensaxes aparentemente relacionadas cunha crise mundial que cambiará radicalmente a vida de todos.



MÉRCORES, 11 DE XULLO

Le Charme discret de la bourgeoisie (O discreto encanto da burguesía)

Francia/Italia/España, 1972 / 100 min / Dirección: Luis Buñuel / Guión: Luis Buñuel, Jean-Claude Carrière / Intérpretes: Fernando Rey, Paul Frankeur, Delphine Seyrig, Jean-Pierre Cassel, Stéphane Audran, Michel Piccoli, Bulle Ogier, Julien Bertheau, Milena Vukotic, Maria Gabriella Maione, Claude Piéplu, Muni, François Maistre, Pierre Maguelon, Maxence Mailfort / Todos os públicos

O embaixador de Miranda, don Rafael Costa, o matrimonio Thévenot e Florence, irmá de Madame Thévenot, están invitados a cear na casa do matrimonio Sénechal. Por causa dun malentendido os seis deciden pasar o serán nun restaurante, pero cando chegan, non poden cear porque o dono do local morreu. A partir dese intre, as reunións deste selecto grupo de burgueses veranse sempre interrompidas polas circunstancias máis estrañas, algunhas reais e outras froito da súa imaxinación.


XOVES, 12 DE XULLO


The World’s End (O fin do mundo)

Reino Unido, 2013 / 106 min / Dirección: Edgar Wright / Guión: Edgar Wright, Simon Pegg / Intérpretes: Simon Pegg, Nick Frost, Paddy Considine, Martin Freeman, Eddie Marsan, Rosamund Pike, David Bradley, Pierce Brosnan, Michael Smiley, Reece Shearsmith, Darren Boyd, Mark Heap / Non recomendada para menores de 12 anos.

Gary King, que pasados os corenta aínda non conseguiu superar a adolescencia, instiga a catro amigos da infancia a reunirense despois de 20 anos na súa vila natal, empeñado en rematar unha fazaña que dúas décadas atrás nunca chegaron a completar: unha maratón alcohólica de doce pubs que remata no célebre The World’s End. Pero, mentres os amigos intentan reconciliar presente e pasado, comezan a darse de conta de que talvez deberían preocuparse máis polo futuro. O seu e o de toda a humanidade.


MÉRCORES, 18 DE XULLO

A cara que mereces

Portugal, 2004 / 108 min / Dirección: Miguel Gomes / Guión: Telmo Churro, Miguel Gomes, Manuel Chicos / Intérpretes: José Airosa, Gracinda Nave, Sara Graça, Miguel Barroso, João Nicolau, Ricardo Gross, Rui Catalão / NoN recomendada para menores de 12 anos

“Até os 30 anos tes a cara que Deus che deu, despois tes a cara que mereces”. Con motivo da crise de identidade producida polo seu trixésimo aniversario, Francisco decide refuxiarse nunha cabana no medio do bosque xunto a sete dos seus amigos. Con moitas dificultades para atopar o seu lugar dentro dun mundo adulto que lle resulta hostil, Francisco protéxese nun fantasioso microcosmos propio construído a través de lembranzas, ficcións e referencias cinéfilas.



DIRECCIÓN: Julio Vilariño Cabezas. Cineclube de Compostela COORDINACIÓN: Virginia Villar

Entrada libre e de balde. As películas proxectaranse en versión orixinal subtitulada en castelán. No caso de que chova, as proxeccións terán lugar no auditorio do CGAC.


Folleto da actividade