CINEMA DE VERÁN . CICLO DE CINEMA CHECO

06 Xullo 2016 - 28 Xullo 2016
HORARIO: 22.30h

Comeza o verán e con el as sesións de cinema ao aire libre no CGAC, este ano cun ciclo dedicado ao cinema checo con películas vinculadas, na súa maioría, ao movemento da Nová vlna, a Nova Onda Checa. O CGAC programará, as noites dos mércores e os xoves do mes de xullo, sete títulos dos grandes directores checos: Miloš Forman, Jiří Menzel, Jiří Weiss, Karel Zeman, Karel Kachyňa, Ivan Passer e Věra Chytilová. O ciclo realízase en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC e o Centro Checo en Madrid, e baixo a dirección de María Villamarín.
“A mediados dos sesenta o movemento da Nová vlna converteuse nun dos motores cinematográficos europeos, a un nivel parello ao da Nouvelle Vague, aínda que pola súa maior proximidade se coñece máis a segunda. Esta Nova Onda Checa estaba encabezada por unha segunda xeración de estudantes saídos da FAMU (Escola de Cinema e Televisión da Academia de Artes Escénicas de Praga), que realizaron un cine estreitamente vinculado ao contexto histórico, social e cultural do país. Este sería o trazo identificador do movemento, formado por uns autores que non tiñan ningún manifesto definido e que, segundo os teóricos, carecían dunha conciencia de grupo. O que os unía era a intención de romper as pautas do realismo socialista e a procura de novas vías para contrarrestar a falta deliberdade na creación artística.
Nese ambiente de efervescencia, esta corrente produciu cintas importantes para a historia do cinema. Algunha das máis notables aparece coa incorporación dunha plasticidade surrealista, evidente na obra de Jan Švankmajer e, en xeral, no xénero da animación (representado neste ciclo por O barón Munchaüsen). As temáticas comezaron, en paralelo aos novos cinemas da época, a tratar con frecuencia a vida cotiá (Iluminación íntima, Outra vez saltou sobre os charcos), así como a abordar os conflitos xeracionais e as problemáticas da mocidade sen distanciarse delas (Loias no arame e As margaridas). Como características transversais aplicables a case todos estes traballos fílmicos destaca a profundidade con que tratan aos personaxes e a moral individual fronte á representación colectiva defendida previamente polo sistema comunista (Romeo, Xulieta e as tebras); tamén as críticas alegóricas ao sistema político (¡Ao lume, bombeiros!, a última película de Miloš Forman antes de exiliarse) e o tratamento irónico, lirismo e emotividade que desprenden os filmes a pesar dadureza das historias que narran”.



María Villamarín
Cineclube de Compostela



Folleto da actividade


PROGRAMA

Mércores, 6 de xullo

Hoří, má panenko! (Ao lume, bombeiros!)
Director: Miloš Forman. República Checa, 1967. Xénero: comedia. Duración: 71 min.
Un dos títulos fundamentais da Nova Onda e a última obra de Forman en Checoslovaquia. A película, rodada en gran parte con bombeiros reais e non actores, transcorre durante un baile no parque de bombeiros. Forman quixo pór en evidencia algunhas das miserias habituais da sociedade. Tróuxolle innumerables problemas de todo tipo que tiveron que ver tamén coa súa decisión de emigrar.

Xoves, 7 de xullo
Skřivánci na niti (Loias no arame)
Director: Jiří Menzel. República Checa, 1969. Xénero: drama comedia. Duración: 94 min.
Na cidade de Kladno, durante os procesos de rectificación comunistas de 1950, un peculiar conxunto de personaxes represaliados acoden a unha fundición para reciclar os restos da antiga orde e fabricar con eles novos tractores e máquinas. Cabe destacar a mirada crítica e os divertidísimos diálogos dunha cuadrilla de operarios forzosos composta por un profesor de filosofía que se opón a queimar obras mestras da literatura occidental, un fiscal que ousa reivindicar o dereito dos condenados a defenderse, un músico consagrado a un instrumento tan burgués como o saxo ou un cociñeiro que rexeita traballar os sábados por motivos relixiosos. Por outra banda, están os rostros cheos de vida dunha serie de prisioneiras condenadas a traballos forzados por tentar fuxir das fronteiras checoslovacas. E no medio destes dous grupos, que se atraen de maneira inevitable, debúxase a silueta dun estólido gardián incapaz de atallar a fermosa historia de amor que florece entreo novo cociñeiro Pavel e a prisioneira Jitka.

Mércores, 13 de xullo

Romeo, Julie a tma (Romeo, Xulieta e as tebras)
Director: Jiří Weiss. República Checa, 1960. Xénero: drama romance. Duración: 92 min.
Jiří Weiss dirixe esta conmovedora versión da mítica historia de Romeo e Xulieta coa que gañou a Cuncha de Ouro en Donostia en1960. En tempos da II Guerra Mundial, mentres a cidade checoslovaca de Praga atópase ocupada polos nazis, un novo estudante checo atópase accidentalmente cunha fuxitiva xudía á que decide esconder de forma clandestina pondo en perigo a súa vida e a de todos os que o rodean.

Mércores, 20 de xullo
Baron Prášil (O barón Munchaüsen)
Director: Karel Zeman. República Checa, 1961. Xénero: fantástico, ciencia ficción, aventuras, animación. Duración: 80 min.
A película está intimamente ligada coa exitosa obra, tamén dirixida por Zeman, Unha invención diabólica (Vynález zkázy). Nesta versión, o barón Munchaüsen atopa un compañeiro de aventuras no novo astronauta Tony. O romántico barón compartirá co seu amigo fantásticas aventuras: atopar a Cyrano de Bergerac na lúa, onde tamén coñecerá aos astronautas de Xulio Verne; secuestrar a princesa Bianka do palacio do Sultán; verse envolvido nunha batalla naval e un naufraxio; viaxar a través dos océanos no ventre dunha balea e mesmo voar nas garras da incrible ave Roc; e conquistar o corazón da bela princesa.

Xoves, 21 de xullo
Už zase skáču přes kaluže (Outra vez saltou sobre os charcos)
Director: Karel Kachyňa. República Checa, 1971. Xénero: drama. Duración: 94 min.
O fillo do amestrador de cabalos do emperador pásase todo o seu tempo libre montando cabalos. Pero contrae poliomielite, queda coxo e ten que pasar unha longa tempada no hospital, onde se somete a varios tratamentos para superar este problema. Unha enfermidade que non impedirá que o protagonista poida volver cumprir o seu soño de montar a cabalo. A súa forte vontade, a fe no seu soño e unha familia que o quere farán que supere unhas barreiras que parecían infranqueables.

Mércores, 27 de xullo
Intimní osvětlení (Iluminación íntima)
Director: Ivan Passer. República Checa, 1965. Xénero: drama música. Duración: 71 min.
Por mor dun concerto que debe celebrarse nunha localidade rural de provincias, dous antigos amigos reencóntranse. Petr, un músico de cidade, chega acompañado pola súa bela e infantil muller ao fogar de Bambas, que casou, construíu unha casa e vive cos seus pais, a súa muller e os seus fillos. No transcurso da fin de semana sae á luz o contraste entre o mundo urbano e o rural, observado con fino humor, e constátase en ton agridoce o horizonte conformista que acaba cos soños de mocidade e que, finalmente, reúne de novo a ambos os amigos. Neste universo, que por momentos dá un xiro cara ao absurdo, o xesto de rebeldía é vivido como unha evocación melancólica sen consecuencias que deixa paso ao recomezar da rutina cotiá.

Xoves, 28 de xullo
Sedmikrásky (As margaridas)
Director: Věra Chytilová. República Checa, 1966. Xénero: comedia negra. Duración: 74 min.
Mentres toman o sol en bikini, dúas mozas conclúen: “neste mundo todo está corrompido, estaremos corrompidas nós tamén”. Así se activa o mecanismo que pon en marcha a película: unha tras outra, iranse producindo escenas inconexas nas cales as dúas protagonistas xogan a ser malas coa súa contorna. Enganan homes maduros para así comer de balde, escriben e debuxan nas paredes da súa casa, improvisan un baile nun cabaré para boicotear o número que está en escena, engolen e esnaquizan os manxares dun banquete preparado para outros... Rompendo a linearidade narrativa e empregando a técnica da colaxe, tanto a nivel visual como auditivo, Věra Chytilová constrúe unha película crítica coa sociedade contemporánea e coa posición que ocupa a muller nun mundo dominado polo masculino. Esta película metafórica, provocativa e esencialmente reflexiva, foi nos anos sesenta un emblema da Nova Onda Checa.


Entrada libre e de balde. As películas proxectaranse en versión orixinal subtitulada en castelán. En caso de choiva, as proxeccións terán lugar no auditorio do
CGAC. A Cantina do CGAC estará aberta durante as proxeccións con bebida, hamburguesas e flocos de millo para gozar dunha auténtica sesión de cinema de verán.

DIRECCIÓN: María Villamarín. Cineclube de Compostela

COORDINACIÓN: Virginia Villar